Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 236 - 16/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  OS ABUSOS DA MAFIA BANCARIA
 

Cada cidadán prestou aos bancos 1.300 euros e só recuperou 37

A axuda pública que o Estado destinou ao sector financeiro dende maio de 2009 ascende a 61.495 millóns, dos que unicamente 1.760 millóns foron devoltos. Logo algúns botan as mans á cabeza cando se fala de "casta" política e económica...

 

  • Noticias relacionadas

A axuda financeira pública que o Estado destinou ás entidades españolas dende que comezou o proceso de reestruturación, en maio de 2009, ascende a 61.495 millóns de euros, dos que se recuperaron 1.760 millóns. En definitiva, cada cidadán prestou aos bancos preto de 1.300 euros e recuperou só 37.
 
Segundo un comunicado feito público este xoves polo Banco de España, do total das axudas, 7.942 millóns foron achegadas polo sector mediante o Fondo de Garantía de Depósitos; en tanto que outros 14.475 millóns corresponderon ao FROB, o fondo de rescate.
 
Outros 1.135 millóns foron préstamos de diñeiro público concedidos mediante a compra de bonos convertibles continxentes (cocos, no argot financeiro), e outros 37.943 millóns, inxeccións directas de capital por parte do Estado.
 
O organismo recorda que estas axudas, que foron aprobadas pola Comisión Europea, se acordaron "conforme aos criterios" do órgano executivo europeo.
 
Ademais, os devanditos datos actualizados este xoves polo Banco de España non fan referencia aos procesos privados de recapitalización e reestruturación que se levaron a cabo por parte das entidades mediante ampliacións de capital.
 
Os mesmos datos indican que das axudas que foron destinadas á banca española entre 2009 e 2013, BFA Bankia se levou a maior parte, 22.424 millóns de euros.
 
Os devanditos datos non teñen en conta a venda que se levou a cabo do 7,5% de Bankia en febreiro deste ano por 1.304 millóns, que xerou unha plusvalía de 301 millóns.
 
Pola súa banda, as axudas concedidas a CatalunyaBanc alcanzan 12.052 millóns; e as de NCG Banco, 9.052 millóns.
 
Banca Cívica, integrada en Caixabank, recibiu 977 millóns en axudas; e Banco de Valencia, tamén integrado na catalá, 5.498. O Banco de España recordou que en abril de 2013, CaixaBank devolveu os 977 millóns que Banca Cívica recibiu do FROB en forma de preferentes.
 
No caso de Unnim, integrado en BBVA, as axudas foron de 953 millóns; e Caja3, tamén no grupo Ibercaja recibiu 407 millóns.
 
Banco Sabadell recibiu 5.249 millóns, que foron inxectados na Caixa de Aforros do Mediterráneo (CAM) antes de ser comprada polo banco, e outros 245 millóns que recibiu Banco Galego.
 
Liberbank recibiu 1.864 millóns; BMN, 1.645 millóns e Banco Ceiss, integrado en Unicaja Banco, 1.129 millóns.
 
Na súa nota, o Banco de España recordou que o Fondo de Garantía de Depósitos, que se nutre das achegas da banca, adquiriu accións de entidades nacionalizadas, obtidas por clientes minoristas no troco de instrumentos híbridos (preferentes e débeda subordinada) por 1.803 millóns. Neste sentido, aclarou que está previsto a recuperación en valor actual de 225 millóns.
 
Ademais, o FROB comprometeu o pagamento de 188 millóns na revisión do proceso de comercialización de preferentes e débeda subordinada de Ceiss.
 
Por outro lado, destacou que os avais concedidos polo Estado ás entidades alcanzaron os 103.436 millóns, e a 30 de abril de 2013, xa se cancelaran 71.350 millóns, polo que quedan por cancelar 32.086 millóns.
 
Por último, en canto aos esquemas de protección de activos, a súa perda esperada, a 31 de decembro, alcanzaba os 8.337 millóns de euros (7.888 millóns en valor presente).
 
Así, o importe nominal máximo da garantía asumida polo FROB e o Fondo de Garantía, e polo tanto, a perda total máxima esperada no período de vixencia destes (2022) é en valor nominal de 28.667 millóns.
 
Por último, recordou que o FROB achegou 2.192 millóns de capital a Sareb.
 
Axencias

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript