Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 235 - 09/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

25 aniversario

A UDC cumpre 25 anos e apréstase a celebralo. Iniciamos unha serie de artigos nos que trataremos sobre o que supón esta travesía para o colectivo de PAS. No primeiro destes artigos facemos unha breve crónica das etapas marcadas por cada un dos reitores que, até o momento, pasaron pola poltrona institucional.

 

  • Noticias relacionadas

Neste anos @s que pertenciamos á Universidade de Santiago e fomos transferid@s á Universidade da Coruña vimos pasar pola Reitoría a José Antonio Portero Molina, José Luís Meilán Gil, Eliseo Alfonso Barca Lozano (breve reitor en funcións), José María Barja Pérez e Xosé Luís Armesto Barbeito.
 
A época de Portero Molina, foi a da posta en marcha, á precariedade de persoal xuntouse a das infraestruturas
 
 
 

Meilán Gil, representa a época do despegue da universidade, tamén foi a época escura, dirixiu a xestión da universidade de xeito caciquil. Inicia unha cruzada contra o que el denominaba “ditadura sindical” para rematar con todo o puidese implicar control institucional. Paralelamente converteu a política de persoal nun reparto de prebendas segundo a vasalaxe ou proximidade á súa persoa. Acernou os dereitos laborais e sociais d@s traballador@s, sendo un dos seus primeiros obxectivos como reitor a eliminación do Convenio Colectivo Único das tres universidades públicas de Galicia. RPTs sen negociar, prazas e contratos ad hoc, xeneralización das contratacións a través de ETT, a reforma dos Estatutos para perpetuarse no cargo e reducir ao 5% a representación do PAS nos órganos de goberno da universidade (a máis baixa porcentaxe das universidades do estado), son unha parte da súa impronta.
 


 Despois do cese de Meilán Gil ocupou a praza, de xeito interino, Barca Lozano que, como fiel sucesor, quixo deixar as cousas atadas e ben atadas iniciando, de xeito ilegal, unha frenética convocatoria de prazas a oposición, que recorremos gañando todos os recursos. Xunto coas demandas interpostas, o PAS, iniciamos un proceso de mobilizacións que concluíron coa súa dimisión para deixar paso ao reitor electo.


 


 
Barja Pérez, a alternativa da esperanza que se converteu en decepción. Moit@s traballador@s participamos activamente na campaña, primeiro na elaboración do programa e despois solicitando o voto do colectivo. Non obstante o voto acadado non se reflectiu na ruptura co pasado. A institución recibiu un lavado de cara pero os cimentos seguiron podres como estaban. Se ben é certo que presentou unha alternativa de funcionarización (corpo único), foi unha proposta inaceptable para o colectivo de PAS laboral. Os compromisos electorais quedaron en papel mollado, aspectos tan importantes como a profesionalización da xestión, rematar coa contratación precaria a través de ETT … nunca chegaron a se realizar. Incumpriu mesmo, o Convenio Colectivo asinado por el como Reitor. Mentres se argumentaba a carencia orzamentaria para incumprir o comprometido, negociábase un Convenio Colectivo co PDI laboral que melloraba substancialmente a súa situación (este si se cumpría) e aprobábanse os (millonarios no orzamento) incentivos á xubilación anticipada do PDI que hoxe sabemos son ilegais.

 


 
Armesto Barbeito, como partícipe do equipo reitoral de Barja, e membro moi destacado da súa candidatura, foi tamén responsable de todo o acontecido na etapa anterior. A súa política ven marcada polo continuísmo, rodeándose dun equipo de goberno, no que polo menos unha parte, despreza a labor do PAS. Publicamente manifesta o seu desacordo coas políticas de recorte impostas polo PP dende a Xunta e Goberno Central, pero non articula ningún mecanismo de resposta. Na práctica non só executa os ditames dos gobernos, senón que vai máis aló. Pasará á historia como o reitor do recorte e copago na acción social.

 

Aínda que algúns membros do grupo de goberno se empeñen en sinalar que lles debemos o que somos e temos, o PAS non lle debe nada a ninguén, é máis, fomos o único colectivo que puxo por diante dos intereses corporativos, os intereses institucionais. Utilizan argumentos dese tipo para desvirtuar as nosas reivindicacións e aplicar con menos custe os recortes, pero pódennos recortalo todo menos a nosa dignidade. O sucedido nestes 25 anos mostrounos que, goberne quen goberne, temos que conquistar o noso presente e o noso futuro.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript