Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 235 - 09/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

Prolingua felicita o Deportivo da Coruña

Calquera éxito galego en calquera deporte trae innegables beneficios en moitas ordes, desde a económica ata a simbólica, nun país tan necesitado de boas noticias. Pero existen xa numerosos medios para darlles o relevo que merecen; se Prolingua felicita hoxe un dos dous grandes equipos de fútbol de Galicia é porque o ascenso se produciu, ademais, nun contexto de consolidación do uso do noso idioma.

 

  • Noticias relacionadas

Durante esa xornada festiva os altavoces de Riazor atroaron na lingua de tantas afeccionadas e afeccionados, coruñeses ou doutros lugares, que son pasado e presente do club. Rematado o partido, puidemos ver esa lingua no lema Primeira para sempre das camisolas dos xogadores e do autobús descapotable que levou o equipo por rúas da Coruña; e, así mesmo, puidemos escoitala na presentación do acto multitudinario da praza de Catro Camiños.
 
Tan galego coma o seu patrocinador (unha empresa comprometida cos demais equipos da nosa elite), os xestos últimos do Deportivo contribúen a que a exclusión institucional da lingua propia de Galicia, e non esquezamos que excluír idiomas significa tamén excluír persoas, acabe parecendo o que foi sempre: un signo doutro tempo, un síntoma de anormalidade. Esperamos que co mesmo espírito positivo se valore proximamente a incorporación do topónimo oficial.
 
Dámoslles logo os parabéns aos responsables do club coruñés, á afección deportivista e moi especialmente a Fernando Vázquez. Entre os adestradores que levan conducido equipos nacionais na Primeira División do fútbol, que nós lembremos, só el fixo do noso idioma ferramenta de comunicación habitual coa institución e cos medios. Seguramente non faltou quen agardaba un fracaso para descargar nel os propios complexos de inferioridade, pero polo de agora han ter que esperar: o equipo coruñés volve ao seu medio natural, competindo cos mellores. E como ocorrera antano no estadio de Balaídos, co Dépor tamén a lingua será de Primeira.
 
Longa e próspera vida lles desexa Prolingua aos nosos equipos de fútbol e aos doutros deportes, femininos e masculinos, do máis ilustre ao máis humilde. Con todos eles van pequenas historias que falan de esforzo, ilusión e orgullo. Todos eles nos representan.
 
ProLingua, 2 de xuño do 2014
 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript