Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 235 - 09/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  SENTENZAS
 

Un xuíz deixa a un funcionario compaxinar dous traballos polo recorte salarial

Un xuíz do Xulgado do Contencioso Administrativo número sete de Barcelona ditou sentenza favorable a un funcionario que quería compaxinar o seu posto cunha actividade asalariada. O maxistrado considerou que o traballador sufriu unha perda de poder adquisitivo durante os últimos anos, polas rebaixas salariais e conxelacións, que fai necesaria unha interpretación máis flexible da regulación sobre incompatibilidades no sector público.

 

  • Noticias relacionadas

Trátase dun axente da Garda Urbana que quería compaxinar esta actividade principal con outra como avogado e que demandara ao Concello de Barcelona. O consistorio negáralle esta posibilidade por silencio administrativo en aplicación da Lei 53/1984 sobre incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas.
 
Segundo explica a sentenza, con data do 19 de marzo, a regulación sinala que nos supostos de incompatibilidade por desempeño doutra actividade no sector privado, caben dous supostos. O primeiro, que ambas as dúas actividades sexan a mesma, aínda que en diferentes ámbitos, o que sería incompatible. Para o resto das actividades privadas que non teñan nada que ver coa que se desempeña na función pública a regra xeral é a compatibilidade, pero esíxese o seu previo recoñecemento, algo que non fixo o Concello de Barcelona.
 
O xuíz menciona unha serie de sentenzas previas que deron vía libre a este tipo de compatibilidade e mesmo xurisprudencia do Tribunal Supremo que ratificaba a posibilidade de exercer a avogacía a un axente da Garda Civil, corpo no que a restrición é aínda maior á dos policías locais.
 
O xuíz baséase nos recortes
 
A diferenza neste caso é que o xuíz argumenta que "a función pública española retrocedeu aos niveis retributivos propios dos anos 2003 e anteriores", cunha caída de entre o 8% e o 20%, dende a primeira conxelación salarial en 1996, para cumprir os criterios de converxencia para a entrada no euro, pasando pola baixada salarial de entre o 5% e o 10%, en maio de 2010, e continuando coas sucesivas conxelacións, co que xa non é unha "remuneración suficiente".
 
"É evidente que o que era suficiente en 2003 e en anos anteriores non pode selo en modo ningún en 2012. Ante iso seguimos tendo con plena vixencia normas como a Lei socialista de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas, que parten dun suposto que sinxelamente non se dá, e é o de que non se pode (como regra xeral) desempeñar posto de traballo distinto que o ocupado na función pública", sinala.
 
Así pois, o xuíz considera que "cando as retribucións dos funcionarios son usadas, conxeladas e reducidas polos gobernos da Nación como un elemento máis de política económica, xa non pode seguir sosténdose unha aplicación rigorosamente de normas como a Lei de Incompatibilidades de 1984, porque os presupostos dos que a mesma parte non existen na realidade da actual función pública española".
 
Por outro lado, a sentenza remata por reprochar ao Concello de Barcelona que "o que non poden pretender as distintas Administracións Públicas é ter a un persoal ao cal se lle está a esixir cada vez máis pagándolle menos, e manter á súa vez un réxime de incompatibilidades que resulta (valla a redundancia) incompatible coa realidade social actual". "Como di o refrán castelán, estamos ante a situación do can do campesiño, que nin come a herba nin deixa de comela, engade.
 
Esta sentenza que recoñece a insuficiencia salarial d@s traballador@s da administración debería servir de reflexión para o goberno que ten que reintegrarnos o que nos roubou.
 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript