Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 235 - 09/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Queda inaugurada a Segunda Transición

A boa noticia é que co rei acábase a Transición; a mala é que a Segunda Transición fai máis crible o gran pacto PP-PSOE que atrona dende hai meses.

 

  • Noticias relacionadas

Moi mal lle van as cousas ao réxime do 78 se non foron capaces de aguantar unha semana para a abdicación do rei:se o fixeran  xa co Mundial de fútbol empezado, pillaríanos algo máis amansados que hoxe, cando aínda temos fresca a convulsión das Europeas.
 
Pero non aguantaba nin un día máis. Nin a coroa, nin por extensión o réxime institucional construído ao seu arredor. O grao de descomposición era xa insoportable, e a idea de "esperar tempos mellores" para un relevo tranquilo non tiña xa sentido, coa infanta no banco sen escapatoria, e a incerteza creada polo afundimento de PP e PSOE, únicos capaces de garantir a continuidade monárquica. Agora que aínda controlan as institucións é posible coroar a Felipe de Borbón, non fose a ser que as próximas municipais acabasen dando un xiro como o de 1931, e sen saber tampouco como rematará o de Cataluña.
 
A boa noticia é que co rei acábase a Transición, corenta anos despois. Remátase por esgotamento, por derruba, por podremia avanzada de todos os seus piares: as institucións, o bipartidismo, o sistema económico, o modelo territorial, e por suposto a coroa, que colapsou cara a dentro, non a derrubamos.
 
A mala noticia é que co relevo no trono comeza a Segunda Transición: esa que algúns veñen anunciando ou desexando dende hai uns anos, e que pasaría por unha reforma constitucional de alcance limitado, unha reconsideración do modelo territorial para desactivar o problema catalán, un borrón e conta nova da corrupción pasada, e a construción dun relato novo, pretendidamente ilusionante, de que agora si, poñemos o contador a cero, reseteamos o sistema, arranxamos o país.
 
A Segunda Transición fai máis crible o gran pacto PP-PSOE que atrona dende hai meses. As resistencias dalgúns sectores do PSOE poden abrandarse cun golpe de efecto tan potente como é a abdicación. Para un partido cuxa supervivencia é hoxe dubidosa, a Segunda Transición é un salvavidas ao que agarrarse. E para o resto de partidos, a manobra cambia o paso ao momento político, altera as prioridades e expectativas, dá unha puñada a unha axenda política convulsionada polo resultado das Europeas.
 
E os cidadáns? Aceptamos sen máis a "normalidade institucional", as "previsións sucesorias"? Manifestámonos un anaco coa bandeira republicana, facemos un pouco de ruído uns días, e cando nos decatemos, tras o Mundial e o verán, temos xa a Felipe VI consolidado no trono para outros corenta anos?
 
Penso que non. Espero que non. É certo que o movemento republicano, como tal, está máis ben desarticulado, non tiña nada preparado para cando sucedese algo que dende hai tempo non era inverosímil. Pero nós, os de entón, xa non somos os mesmos. Non somos os que fixeron (ou aos que lles fixeron) a primeira Transición. O relato oficial daquela tamén se afundiu, e xa sabemos onde conduciron aquelas promesas. Non temos a ilusión dos nosos pais, pero tampouco o seu medo. Non aceptamos un apaño, un lavado de cara para tirar uns anos máis.
 
Sobre todo, non podemos empezar nada novo coas mesmas bases. E Felipe de Borbón, por moito que as publirreportaxes nolo vendan dende hai anos como un rei novo, preparado, próximo á xente, que vive no seu tempo, en realidade é máis do mesmo. É Borbón, pertence a unha tradición de reis invariablemente falidos e fonte de problemas. Creceu á sombra do seu pai e a súa familia, e o seu único elemento distintivo é ter casado cunha plebea. Fin da novidade. E ademais sería un xefe de Estado cuxa única lexitimidade de orixe é "ser fillo de". Un anacronismo antidemocrático en tempos en que a cidadanía pide máis e mellor democracia.
 
Se de verdade queren que constituamos un novo consenso, renovar o podre, iniciar un novo tempo e que todos camiñemos na mesma dirección, non hai Segunda Transición que valla. Todo o que non sexa empezar por un referendo sobre a forma de Estado non nos serve. Todo o que non pase por un exercicio de democracia que sexa o acto fundacional do novo tempo, será máis do mesmo.
 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript