Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 234 - 02/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Resumo do Consello de Goberno do día 27 de maio

No Consello de Goberno do día 27 plasmamos o descontento do colectivo tanto coas manifestacións do secretario xeral da Universidade como do presidente do Consello Social reclamando os seus ceses. Coa finalidade de demostrar o malestar do colectivo entregamos ao propio secretario xeral, para que conste en acta, tanto a convocatoria unitaria como os comunicados nos que todos os sindicatos e agrupación electoral convocantes da mobilización do día 6 de maio rexeitan as manifestacións realizadas polo secretario xeral. Tamén solicitamos se concrete a data de devolución da parte devengada da paga extra do ano 2012. Solicitamos, ademais, información sobre contratacións predoutorais, unha modalidade de contratación que a universidade aplica en proxectos de investigación e que consideramos non ten a finalidade que se lle da.

 

  • Noticias relacionadas

Resumo do Consello de Goberno do día 27/05/2014
 
1.- Informe do reitor.
 
Reunión do Consello Galego de Universidades: infórmase favorablemente o proxecto de decreto de taxas para o curso 2014-2015.
Diante da falta de resposta da Consellería de Facenda, requírese o reintegro da parte proporcional devengada da paga extra do ano 2012.
 
Xerente:
As reunións da Mesa de Acción Social concluíron sen acordo.
Acordo coa Xunta de Persoal para, unha vez finalice o estudo da normativa de comisións de servizo, comezar o proceso de elaboración dunha nova RPT, comezarase coa negociación desta nova modificación a primeiros de xuño.
 
Apróbanse por asentimento todos os puntos da orde do día excepto:
 
4.- Proposta de modificación do Regulamento de Estudos de Doutoramento
Os alumnos adiantan a súa abstención e piden que se retrase a aprobación do regulamento para que a representación estudantil poida participar na súa elaboración. Xosé Portela, entende a petición dos alumnos e súmase a súa abstención.
 
8.- Declaración institucional polo día do orgullo LGTBIQ
3 persoas, dúas delas representantes do Consello Social non cren, por diversos motivos, algúns con tan pouco fundamento como que de aprobarse esta declaración presentará unha iniciativa no mesmo sentido para que se faga unha declaración institucional polo orgullo heterosexual mostran o seu rexeitamento ou a consideración de que non é unha declaración que corresponda facer polo órgano de goberno da Universidade. Non obstante a declaración saíu adiante.
 
17.- Quenda aberta de intervencións:
 
Xosé Portela:

  1. Coa entrada en vigor da Lei 14/2011 de 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a innovación, a universidade comezou a xeneralizar a formalización de contratos tipo predoutoral nos proxectos de investigación, contratos que incluso se foron renovando.
     
    O Ministerio de Economía e Competitividade nas Instrucións de Execución e Xustificación de Proxectos de I+D+I – convocatoria de 2012, que afectan aos proxectos en marcha durante o ano 2013 e posteriores explicitaba para proxectos a custes marxinais (os desenvolvidos polas universidades):
     
    “Se recuerda que no se podrán imputar becas de formación a la partida de gastos de personal, ni gastos derivados de contratos tipo predoctoral (articulo 21 de la Lei 14/2011, de 1 de junio, de la Ciencia, la Tecnología y la Innovación).
     
    Como se observa impídese, de xeito expreso, esta modalidade de contratación para proxectos de investigación. O feito de que se poida estar incumprindo a normativa constitúe unha irregularidade que pode ocasionar graves consecuencias económicas de se detectar polas inspeccións minuciosas que, segundo asegurou o propio reitor no anterior Consello de Goberno, se están a realizar nos proxectos de investigación.
     
    Queremos saber de onde procede esta iniciativa e si o equipo reitoral vai continuar propiciando este tipo de contratos.
     
  2. Diante das manifestacións públicas realizadas polo secretario xeral da Universidade a través da súa páxina de facebook nas que se intenta desvirtuar tanto o sentido como a finalidade da mobilización realizada polo PAS o pasado día 6 de maio, e, de paso, ningunear á súa representación sindical. Manifestacións que todos os sindicatos e agrupación electoral con presenza no colectivo, convocantes da acción, consideramos impropias dunha alta representación institucional, tal e como se sinala nos comunicados que entregamos.
     
    Diante tamén das reiteradas declaracións realizadas polo presidente do Consello Social nas que se pronuncia directamente pola mercantilización e privatización da Universidade e nas que se propugna unha universidade elitista moi afastada do que, ao noso entender, debe ser unha institución pública de ensino superior. Declaracións que nos parecen de todo punto intolerables vindo do máis altor representante dun órgano de goberno da Universidade da Coruña.
     
    A agrupación electoral APA e o sindicato CUT reclamamos a inmediata dimisión destes dous representantes institucionais. De non producirse a dimisión instamos ao reitor, no caso do secretario xeral, a que proceda, de xeito inmediato, ao seu cese, e no caso do presidente do Consello Social requirimos que, institucionalmente, se reclame ao presidente da Xunta de Galicia o seu cese.

 

  1. O sr. reitor sinalou que no Consello Galego de Universidades reclamou a cantidade necesaria para facer fronte ao pago das cantidades devengadas da paga extra de 2012. Hai algún prazo para proceder ao seu abono?

  

Nona Inés Vilariño (Consello Social):
A súa conciencia non lle permite estar calada. Cre que as manifestacións realizadas por Xosé Portela son xuízos de valor que non se corresponde co que pensa o presidente do Consello Social que xa explicou nun artigo na Voz de Galicia o sentido das súas palabras.
 
Alumnos:
Condenan as palabras do presidente do Consello Social mais non piden a súa dimisión pois enmárcanas dentro da liberdade de expresión.
 
Luís Castedo:
Non son as primeiras declaracións do presidente do Consello Social neste mesmo sentido. Remite ao modelo de universidades como a de Cambridge onde a sociedade civil participa moito máis na xestión da universidade. Non comparte a sorpresa expresada polas declaracións do sr. Abril.
 
José Benegas (Consello Social)
Como presidente do Consello Social ten a obriga e o dereito de pronunciarse sobre a gobernanaza.
 
Representante da UGT no Consello Social:
UGT, CCOO e CIG xa solicitaron a convocatoria dunha reunión extraordinaria do Consello Social para tratar as declaracións públicas do seu presidente. O que pense o sr. Abadín de xeito persoal é respectable, non así como presidente do Consello Social, non ten autonomía para facelo.  
 
Respostas:
 
Reitor:
Respecto total ás opinións persoais pero entende que o reitor é reitor as 24 horas do día os 365 días do ano o mesmo que o presidente do Consello Social. Todo o que se diga transcenden o persoal. Respecta as súas opinión mais pide coidado.
Sobre a gobernanza xa dixo en múltiples instancias a súa opinión. O ministerio, despois de ter o informe de moitas institucións (públicas e privadas) decidiu non proceder á reforma que agora alguén se empeña en sacar á palestra.
Quen queira proceder á reforma da gobernanza ten que facelo pola vía legal. Se os presidentes dos consellos sociais queren (que xa se pronunciaron en facelo) que procedan legalmente.
 
Resposta a Xosé Portela: as declaracións do secretario xeral forman parte da liberdade das persoas. Entende a liberdade de todos para presentar as reivindicacións como mellor pareza pero tamén lle parece que se deben utilizar as vías institucionais para realizalas.
 
Sobre a recuperación da parte devengada da paga extra de 2012, como xa dixo no Consello Galego de Universidade requiriuse que, no prazo dun mes, se incorporase aos orzamentos da universidade a cantidade de 1.000.000€ para facer fronte ao pago desas cantidades.
 
Vicerreitor de Investigación
Sobre os contratos predoutorais nos proxectos de investigación. Realizouse unha consulta coa Asesoría Xurídica que non viu ningunha anomalía, de todos os xeitos, de observarse algunha irregularidade actuarase en consecuencia.
 
Xosé Portela:
O reitor acaba de sinalar que o cargo de reitor e presidente do Consello Social exércense as 24 horas do día os 365 días do ano, reclamo a mesma responsabilidade, á hora de facer declaracións públicas, para o resto dos que compoñen o equipo de goberno da universidade.
 
Ao respecto dos contratos predoutorais insiste en que se poden estar realizando contratacións irregulares e insta á revisión e reconsideración dos mesmos.
 
Reitor:
O reitor é diferente aos demais membros do equipo de goberno.
 
Ao remate do Consello de Goberno (cando se entregaron na mesa os comunicados dos sindicatos sobres as declaracións públicas do secretario xeral)  entaboouse un pequeno rifirrafe entre o secretario xeral e Xosé Portela no que o secretario xeral acusou a Xosé Portela de mentir, de prexudicar á institución sinalando que el non insultara a ninguén.
 
Xosé Portela sinalou a desconsideración que para todo o colectivo supoñían as declaracións do secretario xeral nas que terxiversa o sentido da mobilización realizada o día 6 de maio, poñendo como exemplo a lectura do manifesto realizado polo  reitor o día 30:
 
Terxiversando o sentido da lectura do manifesto, seguindo o estilo do secretario xeral, ben se podía traducir do seguinte xeito:
 
“O secretario xeral e outros leron un comunicado no que se reivindicaba a recuperación dos privilexios para o PDI”.
 
Advertiu que o seu sindicato está a estudar a posibilidade de entaboar demanda por discriminación entre os traballadores polos incentivos á xubilación anticipada, destinados exclusivamente ao PDI. Insiste en que o secretario xeral insultou, coas súas declaracións, a todo o colectivo de PAS.

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript