Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 234 - 02/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  SENTENZAS - Marta Martínez
 

Dereito do pai ao permiso de lactación

O artigo 37.4 do Estatuto dos Traballadores regula o permiso de lactación establecendo que ata que o fillo cumpra nove meses (un ano, no caso dos funcionarios e nas empresas cuxo convenio así o estableza), poderase optar entre ausentarse do seu lugar de traballo durante unha hora diaria (que se pode dividir en dúas fraccións de dúas medias horas) ou que reduce a súa xornada 30 minutos, ao principio ou ao final da xornada diaria. Así mesmo, tamén pode acumular este permiso en xornadas completas, e atrasar así a súa incorporación á actividade laboral entre 15 e 18 días máis (segundo convenio ou pacto con empresa).

 

  • Noticias relacionadas

O Estatuto dos Traballadores non deixa nada clara a titularidade deste dereito nunha primeira interpretación, poderiamos establecer que só a muller sería o titular do dereito, de modo que se ambos os dous traballan, a muller pode ceder o dereito ao goce do permiso ao marido, pero se aquela non traballa o marido nunca poderá gozar ese permiso.
 
En febreiro de 2013, unha resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas estableceu que os funcionarios podían gozar do permiso de lactación aínda que a nai non traballase, un importante paso adiante na conciliación da vida laboral e familiar. Este dereito fíxose extensivo logo á Garda Civil e en xullo de 2013, unha nova resolución recoñeceu este dereito para todos os traballadores, tamén os do sector privado, ao especificar que os criterios serían trasladables ao Estatuto dos Traballadores, é dicir, que se un traballador por conta allea da empresa privada o solicita, tamén lle sería concedido.
 
Os xuíces tamén en varias sentenzas establecen que o permiso de lactación poderá ser gozado por calquera dos dous proxenitores, con independencia da situación laboral da nai. A sentenza máis recente é a sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo n.º 1 de Zamora que recoñece un profesor de Zamora o dereito a gozar do permiso de lactación malia que a nai se estaba no paro neses momentos e que lle foi denegado pola Dirección Provincial de Educación por estes motivos. O fallo, ditado o pasado 30 de abril, considera o permiso de lactación como un dereito do pai, independentemente de que a nai estea ou non traballando. A resolución, separa a lactación do acto biolóxico de dar o peito, dado que existe tecnoloxía que o permite, entendendo a lactación como un tempo de coidado do fillo, e unha medida conciliadora da vida familiar e laboral, independentemente do xénero do proxenitor.
 
Por iso, creo necesario advertir que se algún pai se encontra nesta situación no que a empresa para a que traballa lle denega o permiso de lactación debe reclamar o seu dereito ante os tribunais. Posto que o goce do permiso flexibilizouse e superou a discriminación por razón de sexo, permitindo ao pai gozalo nas mesmas condicións, con independencia de que a nai traballe por conta allea, propia ou non estea en activo.
 
Marta Martínez

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript