Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 234 - 02/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  OXFAM INTERMÓN: "ESPAÑA É UN ENORME PARAÍSO FISCAL"
 

"As familias españolas achegan case 50 veces máis que as grandes empresas ás arcas públicas"

Oxfam Intermón é unha organización no gobernamental de cooperación para o desenvolvemento española, afiliada á confederación Oxfam, que engloba a un total de 17 organizacións que traballan conxuntamente en 92 países.

 

  • Noticias relacionadas

Segundo un informe desta organización, as familias españolas achegan case 50 veces máis que as grandes empresas ás arcas públicas a través dos impostos porque o sistema fiscal español encerra unha "xigantesca inequidade" que incrementa as desigualdades, non combate a fraude e é "un auténtico paraíso fiscal" para as grandes corporacións estranxeiras. Iso é o que se desprende dun informe elaborado por Oxfam Intermón, titulado 'Tanto tes, tanto pagas? Fiscalidade xusta para unha sociedade máis equitativa', que se presentou este mércores pasado nunha rolda de prensa en Madrid.
 
"Os cidadáns españois achegaron ao Estado 139.737 millóns de euros, o que supón o 90,76% dos ingresos totais, por 14.529 millóns das empresas (un 9,24%) ".
 
O informe lamenta a "esquizofrenia" do Fondo Monetario Internacional (FMI) cando esixe a España subas do IVE e baixadas de impostos, entre outras medidas, o que, a xuízo de Oxfam Intermón é "un suicidio", porque "anos de experiencia contrastada con poboacións de América Latina" con este tipo de receitas así o testemuñan.
 
O informe sinala, ademais que as familias españolas achegaron un 91,51% da recadación de 2011 - último ano do que existen datos -, mentres que as grandes empresas só contribuíron nun 1,98% á recadación total do Estado, de maneira que os fogares soportaron 46 veces máis que as grandes compañías.
 
Ademais, con datos de 2012 (non desagregados por tipos de empresas), os cidadáns españois achegaron ao Estado 139.737 millóns de euros, o que supón o 90,76% dos ingresos totais, por 14.529 millóns das empresas (un 9,24%).
 
A responsable de Investigacións de Oxfam Intermón, Teresa Cavero, manifestou ao presentar o informe que "España recada pouco co sistema fiscal que temos" e que "o peso fundamental recae sobre as familias en lugar das grandes empresas", ao tempo que recalcou que "as grandes fortunas apenas pagan impostos".
 
"PARAÍSO FISCAL"
Así mesmo, a señora Cavero subliñou que a presión fiscal de España está máis de sete puntos por debaixo da media europea e que o sistema tributario " derrubouse" en 2012 pola quebra de empresas, a eliminación do imposto sobre o patrimonio e a "masiva caída" do Imposto sobre Sociedades.
 
Indicou que esta inequidade do sistema tributario tamén se demostra no feito de que as entidades de tenzas de valores estranxeiros (ETVE) converteron a España en "un auténtico paraíso fiscal para moitas empresas estranxeiras".
 
O informe subliña que o tipo xeral do Imposto sobre Sociedades dende 2007 é do 30% para as grandes empresas e do 25% para as pemes, pero o tipo efectivo que soportan (é dicir, o que realmente pagan sobre os seus beneficios) é moi inferior grazas á aplicación de exencións e mecanismos de planificación fiscal: un 3,5% nas grandes compañías e preto do 17% nas pemes. Pola contra, os cidadáns achegan de media un 22% (un 26% se se inclúen as cotizacións sociais).
 
EVASIÓN FISCAL
Pola súa banda, o presidente do Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha), Carlos Cruzado, comentou que a baixa presión fiscal de España respecto doutros países europeos, como Francia, Holanda, Alemaña, Reino Unido ou Dinamarca, se debe "en gran parte á evasión fiscal", o 72% do cal corresponde ás grandes empresas e fortunas.
 
Cruzado apuntou que a economía somerxida en España se sitúa nuns 253.000 millóns de euros (un 24,6% do PIB) debido á "baixa conciencia fiscal" dos cidadáns motivado pola falta de equidade do sistema tributario.
 
Neste sentido, engadiu que a economía somerxida española está entre 10 e 12 puntos por enriba doutros países europeos próximos, o que se traduce nuns 40.000 millóns de euros que contribuirían a reducir o déficit do Estado.
 
"O incremento da economía somerxida demostra que a loita contra a fraude se está perdendo", apostilou Cruzado, antes de precisar que a Axencia Tributaria dedica un 20% dos seus efectivos á loita contra a fraude e un 80% ao "control de pequenas discrepancias".
 
Oxfam Intermón propón unha batería de medidas ante a reforma fiscal que prepara o Goberno, como gravar aos que máis teñen, elevar o tipo efectivo que pagan as grandes empresas, suprimir as ETVE, recuperar o imposto ás grandes fortunas, frear a suba do IVE, blindar as cotizacións sociais e tolerancia cero contra a fraude, para o que se deben destinar máis recursos humanos no seo da Axencia Tributaria
 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript