Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 234 - 02/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

A verosimilitude cambia de bando

De pronto, todo o que parecía imposible, inverosímil, xa non o é: gañar concellos e comunidades, crear unha maioría de cambio para as xerais

 

  • Noticias relacionadas

Quen se atreve a facer prognósticos políticos para os próximos meses? Alguén se arrisca a aventurar que pasará nas municipais e autonómicas? E nas xerais?
 
O resultado das europeas, e a sacudida que dende o domingo percorre á esquerda política, os movementos sociais e a tantos cidadáns, converteuse nunha greta na verosimilitude: o que ata onte era improbable, mesmo imposible, hoxe entra no campo do probable, do posible.
 
Ata o domingo, todos tiñamos máis ou menos unha composición de por onde discorrería o futuro máis próximo, aceptabamos uns límites estreitos. De súpeto ese marco ensanchouse, os seus límites saltaron en anacos. O que onte era incrible, hoxe xa non o é tanto.
 
Volvo á pregunta inicial: quen se atreve a vaticinar o que sucederá nas municipais do próximo ano? Por exemplo, no Concello de Madrid. Ata o domingo pasado, toda a miña esperanza de desaloxar o PP pasaba por un acordo post-electoral entre PSOE, IU e algunha outra forza minoritaria, por non crer posibles outras maiorías electorais. E o mesmo en moitos outros concellos e comunidades. Ninguén se facía ilusións con outro escenario, cunha vitoria de forzas políticas que non incluíse no cálculo ao PSOE.
 
De pronto, o imposible vólvese posible. Non é doado, seino, pero xa non é desatinado imaxinar que unha fronte ampla, unha coalición, unha lista cidadá algunha fórmula imaxinativa que ensanche aínda máis a greta poida poñer patas arriba o escenario municipal, conseguir o concello. Insisto: non é doado, mesmo moi difícil. Extremadamente difícil, se queren. Pero xa non é imposible. Xa non é impensable. Xa non é inverosímil.
 
O afundimento do PP nos seus territorios máis leais, o burato sen fondo do PSOE, a aparición de Podemos e o ascenso xeneralizado das esquerdas, e sobre toda a cambra que estes días percorre a partidos, movementos e cidadáns, invalidaron as categorías de verosímil-inverosímil que funcionaban ata onte. Agora crémolo: que podemos recuperar os concellos, as comunidades, converter en forza electoral o que ata agora era forza social.
 
O chan móvese baixo os pés, e algúns apresúranse a taponar a greta: xa sexa alarmando, recorrendo ao medo (a ingobernabilidade, o radicalismo, o populismo, ETA, o que se lles ocorra...); ou ben lanzando prognósticos que se pretenden profecías de autocumprimento (que as augas volverán á súa canle, que o das europeas é un espellismo, flor dun día...).
 
Fai xa cinco ou seis anos que a verosimilitude se quebrou, ensanchouse, saltou en anacos: pero só o fixera nun sentido, para un bando. Todo o que ata pouco antes nos parecía improbable (recortes de dereitos, contrarreformas, baixadas salariais, saqueo xeneralizado, impunidade, crise europea), xa non o era. De pronto, todo era posible, calquera cousa podía acontecer: a ruptura do euro, o rescate do país, o empobrecemento xeneralizado, o despedimento libre, o endurecemento represivo. Ningún escenario era xa impensable.
 
O campo do verosímil agrandárase, pero só para un bando: as políticas alternativas, transformadoras, seguían sendo imposibles; inverter o signo dos tempos entraba no inverosímil. Criamos que eran capaces de decretar calquera barbaridade antisocial, pero non nos criamos capaces de gañar, gobernar e aplicar outras políticas.
 
Como escribe Belén Gopegui (Un pistoletazo no medio dun concerto), referido á novela pero válido para outras categorías, "a verosimilitude é un concepto ideolóxico", propiedade duns poucos que a  okuparon aínda que se presenten como os seus lexítimos propietarios. Eles deciden que é verosímil e que inverosímil. Que é posible e que imposible.
 
E aquí estamos. Volvo repetilo, por se non se me entendeu: todo segue sendo difícil, moito. Todo segue estando por facer, e os obstáculos son enormes. Gañar concellos e comunidades, aspirar a unha maioría de cambio para as xerais, derrotar aos antisistema que nos gobernan. Tremendamente difícil. Pero xa non imposible. Xa non incrible. E iso supón un paso xigante, un cambio de expectativas e cálculos, un terremoto.
 
O medo aínda non cambiou de bando, tampouco a dor. Pero a verosimilitude si. É un primeiro paso. E non pequeno.
 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript