Maio de 2014
 
 

NÚMERO 233 - 26/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

O secretario xeral e o presidente do Consello Social teñen que cesar

As manifestacións realizadas polo presidente do Consello Social mostran ás claras que o inimigo da universidade pública está dentro dos órganos de goberno da institución. Non son as primeiras declaracións que este señor realiza en semellante sentido, como fiel lacaio de quen o nomeou a dedo, tamén apoiou á Xunta ao se pronunciar por unha residencia universitaria privada. Agora reincide nesa mesma liña, desta vez, insiste na mercantilización da universidade.

 

  • Noticias relacionadas

A ideoloxía neoliberal do sr. presidente do Consello Social da Universidade concorda coas iniciativas lexislativas aprobadas, e aplicadas polos gobernos estatal e autonómico a instancia dos poderes económicos e dos representantes dos empresarios que pretenden abrir novos nichos de negocio e acabar cos servizos públicos para converter o que, até agora son dereitos, en mercadoría que só poderán gozar quen poida pagalos.
 
Dentro destas mesmas políticas inscríbense os recortes económicos cos que se pretende afogar os servizos públicos e os recortes de persoal, os recortes económicos, os recortes sociais …, que estes mesmos gobernos impoñen, entre outr@s, @s traballador@s da Universidade da Coruña, recortes que repercuten directamente, dun xeito moi negativo, tanto na cantidade como na calidade do servizo que proporcionamos á sociedade.
 
O sr. Antonio Abril forma parte do coro que, de cando en vez, axita a pantasma da falta de eficiencia na universidade para reclamar directamente a súa privatización. O sr. Abril esquécese de realizar o mínimo exercicio de autocrítica ao respecto da súa labor á fronte dun Consello Social que agora mesmo non é máis que un órgano virtual que incumpre descaradamente as finalidades que ten asignadas.
 
As declaracións realizadas polo máximo representante do Consello Social requiren o seu cese, ou a súa dimisión inmediata. Se as declaracións públicas do representante do Consello Social demandan a medida citada, tamén é obrigado o cese do secretario xeral polas declaracións públicas realizadas a través do seu facebook nas que querendo desvirtuar a mobilización realizada  polo PAS, o pasado día 6 de maio, despreza e insulta gravemente ao colectivo.
 
Porque nos parecen intolerables as manifestacións realizadas por estes dous altos representantes da universidade, no vindeiro Consello de Goberno APA e CUT reclamaremos o cese tanto do secretario xeral como do presidente do Consello Social.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript