Maio de 2014
 
 

NÚMERO 233 - 26/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  COMISIÓN ESPAÑOLA DE AXUDA AO REFUXIADO
 

"O Goberno español viola toda a lexislación nacional e internacional en materia de asilo"

A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) denunciou este martes "a impunidade" coa que o Ministerio do Interior "se salta" a lexislación estatal e internacional en materia de asilo, cun informe que analiza o grao de cumprimento en España da xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) ao respecto e que revela violacións, deficiencias e malas prácticas en protección internacional.

 

  • Noticias relacionadas

O traballo, presentado polas letradas de CEAR Elena Muñoz e Paloma Favieres, é froito dun proxecto de investigación que desenvolveron seis organizacións de seis países entre os anos 2011 e 2013 con financiamento da Unión Europea, para monitorizar o dereito á protección internacional no espazo común. O informe que recompilará as conclusións dos seis países difundirase en xuño.
 
Sobre o caso español, analizado por CEAR, a organización tomou como referencia a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos no caso Hirsi Jamma contra Italia que o 23 de febreiro de 2012 fixou as obrigas dos Estados en materia de protección internacional, e contrastou unha por unha cada unha das cláusulas para concluír que a lexislación estatal é "garantista", o problema é que non se aplica.
 
"Creo que a situación que vivimos agora é dunha total impunidade. Lexitimáronse pola vía de feito actuacións que son contrarias á lexislación española e europea", denunciou Favieres, tras poñer como exemplo as devolucións en quente en Ceuta e Melilla, "que se seguen practicando malia que son ilegais" ou as restricións á libre mobilidade dos solicitantes de asilo que están nas cidades autónomas malia a xurisprudencia en contra.
 
Precisamente as devolucións sobre a marcha, colectivas ou individuais, de inmigrantes que entran en Ceuta e Melilla ou alcanzan o arquipélago de Chafarinas, son o exemplo máis significativo detectado na investigación de "claro incumprimento das obrigas que ten España co Convenio Europeo de Dereitos Humanos", porque se amparan no acordo de readmisión subscrito con Marrocos cando o propio TEDH sentenciou que estes convenios non eximen ao país das súas obrigas.
 
Este tipo de acordos de readmisión, asinados ademais con Alxeria, Ghana, Guinea Bissau, Mauritania, Níxer e Nixeria, non recollen "mecanismos específicos" de garantía dos dereitos humanos das persoas que España lles entrega, como tampouco inclúen "ningunha cláusula" que permita evitar que sexan deportados por estes países a terceiros Estados que non garantan a súa integridade, segundo explicou Muñoz.
 
No particular das devolucións colectivas como as de 2012 dende a Isla de Tierra ou este ano na Isla del Congreso, Favieres puxo o acento na "total impunidade" coa que se producen, xa que non se emite unha resolución administrativa, que se poida recorrer ante un tribunal senón que directamente se traslada aos inmigrantes, aínda que mesmo manifestasen a súa intención de pedir asilo, como no último destes casos.
 
RESTRICIÓNS EN CEUTA E MELILLA
Respecto á restrición ao dereito de asilo en Ceuta e Melilla, CEAR recorda que malia o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, Interior segue sen permitir que os solicitantes coa petición admitida a trámite poidan moverse libremente por todo o territorio nacional: deben quedar nas cidades autónomas ata que se resolva o seu expediente, un trámite que pode prolongarse ata dous anos.
 
Favieres incide en que esta restrición territorial ten un "efecto disuasorio" das solicitudes, porque os refuxiados prefiren ser trasladados á Península cunha orde de expulsión --son recluídos en Centros de Internamento de Estranxeiros e ao cabo dun tempo, postos en liberdade por in expulsables--, que pedir protección nas cidades autónomas, onde saben que quedarán ancorados.
 
"O Ministerio do Interior segue violando cada día a Lei española e pasándose por riba da xurisprudencia", denuncia Favieres sobre este asunto, para incidir en que a restrición territorial "é unha trangallada, pero mentres Interior non tome a decisión de cumprir a lei, hai nada que facer ao respecto.
 
O informe refire ademais, outros problemas de procedemento de asilo en España que supoñen trabas para o acceso efectivo a este dereito, como que non se garante o recurso efectivo contra unha decisión negativa porque apelar non suspende a orde de expulsión que pese sobre o solicitante, que a formación de axentes especializados non sexa unha realidade ou que non se facilite información nos Centros de Internamento sobre a posibilidade de pedir protección internacional.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript