Maio de 2014
 
 

NÚMERO 233 - 26/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  ATTAC
 

Unha coalición paneuropea rexeita o tratado comercial UE e EUA

A catro días das Eleccións ao Parlamento Europeo e con ocasión da quinta rolda de negociacións do Tratado Comercial UE-EUA, máis de 120 organizacións de Europa denuncian o proxecto como un ataque aos dereitos e á democracia.

 

  • Noticias relacionadas

Con motivo desta quinta rolda de negociacións, en curso entre o 19 e o 23 de maio en Arlington (Virxinia, EUA), unha ampla coalición de movementos sociais de toda Europa rexeita nun comunicado conxunto a axenda corporativa da Alianza Transatlántica de Comercio e Inversións (TTIP, polas súas siglas en inglés) entre a Unión Europea e os Estados Unidos. O manifesto está asinado por grupos ecoloxistas, asociacións de consumidoras/es, organizacións de defensa da democracia e os dereitos humanos e sindicatos, e avalado pola Campaña "Non ao Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións" do Estado español.

"Se se permite que este tratado comercial se asine será a maior transferencia de poder ao capital que vimos en xeracións. É por iso que se está a ver un aumento na resistencia popular a este proxecto en toda Europa e nos EUA por igual, xa que a xente está a asimilar o que significaría para o seu futuro. Os candidatos que esperan ser elixidos ao Parlamento Europeo o próximo domingo deberían tomar nota deste asunto e rexeitar o TTIP", avisa a Campaña "Non ao Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións".
 
O TTIP afectaría á seguridade alimentaria, os dereitos de privacidade e protección de datos, as normas sociais e laborais e leis de protección ambiental. A coalición europea opina que o tratado está a ser negociado unicamente en nome dos intereses das grandes corporacións, mercados financeiros e industrias, a expensas da cidadanía.
 
As organizacións reprochan á Comisión Europea a falta de transparencia e o proceso anti-democrático das negociacións, que buscan a eliminación e harmonización á baixa de normas sociais, laborais e ambientais que aínda polo momento son garantes da protección e dos dereitos das poboacións e do medioambiente.
 
Na declaración conxunta publicada hoxe esixen a suspensión das negociacións e cargan contra o mecanismo de solución de controversias entre investidor e Estado (ISDS), unha polémica disposición legal que se encontra en preto de 3.000 tratados comerciais e que permite ás corporacións transnacionais demandar aos gobernos por aquelas políticas públicas que puidesen significar un detrimento nos seus beneficios económicos esperados.
 
Outra das demandas que se fai nesta declaración aos negociadores é a de que se abandone a proposta de constituír un Consello de Cooperación Regulatoria que daría ás corporacións e os tecnócratas non electos poderes sen precedentes de determinar a regulación europea, estatal e local.
 
"As negociacións atentan contra a democracia e os servizos públicos. Perderemos leis que protexen a saúde e a seguridade nos alimentos ou os produtos químicos, por exemplo, porque o obxectivo principal do TTIP é baixar as normas, regulamentos e procedementos para adaptalas en beneficio das grandes multinacionais. Tamén está a ser visto como un modelo para os acordos comerciais en todo o mundo, polo que socavará aínda máis a capacidade dos países empobrecidos para facer fronte ás grandes corporacións", resalta a Campaña "Non ao Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións".
 
Denuncian que "a creación dun mercado común transatlántico é o núcleo da axenda de liberalización da UE, e o TTIP ameaza con afondar as políticas autoritarias e neoliberais aprobadas nos últimos anos. A UE está a revelarse a si mesma como unha máquina que fai competir ás traballadoras e os traballadores entre si, ao tempo que se desmantelan todas as prestacións sociais,".
 
Durante esta semana, a UE e EUA intentarán achegar posturas en asuntos de inversións, marco regulador, normas fitosanitarias, contratos públicos, dereitos de propiedade intelectual, medio, enerxía e materias primas.
 
- [1] La declaración completa pódese descargar aquí: http://www.bilaterals.org/?people-environment-and-democracy
 
- [2] El blog da Campaña "Non ao Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos|Inversións": http://noalttip.blogspot.com.es

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript