Maio de 2014
 
 

NÚMERO 233 - 26/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  A LINGUA NO XULGADO
 

En apoio dos procesados do 8F

Tanto a Mesa Pola Normalización Lingüística como Prolingua publicaron comunicados de apoio ás persoas enxuizadas polos feitos acontecidos o 8 de febreiro de 2009 durante unha manifestación convocada por Galicia Bilingüe e na que se detiveron persoas polo só feito de falar en galego.

 

  • Noticias relacionadas

ProLingua, En apoio dos procesados do 8F
 
Pasaron xa máis de cinco anos desde o 8 de febreiro de 2009 e daquela protesta inédita na historia da democracia. Un grupo de persoas, convocadas pola asociación Galicia Bilingüe (GB), fixo ecoar na capital de Galicia consignas que abaixaban a dignidade da lingua galega e dos seus falantes. Os manifestantes non só clamaban contra os principais textos normativos que durante décadas artellaron a convivencia lingüística neste país –desde o Estatuto de Autonomía á Lei de Normalización a pasar polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento- senón que denunciaban a “opresión” sufrida polo castelán en Galicia. Non só. Falouse alí de “lingüicidio” e dunha pretendida “política impositiva” da administración galega, obrigada, por esas mesmas leis que os manifestantes deostaban, a defender a lingua propia de Galicia, que é o galego, segundo reza o artigo 5.1 do noso Estatuto.
 
Aquela demostración de odio foi irresponsabelmente apoiada polo Partido Popular que, a un mes vista das Autonómicas de 2009, fixo seu o falso argumentario de GB e procurou votos nun caladoiro no que concorrían tamén destacados membros de Falange Española ou outros grupos sen representación na cámara galega como UPyD.
 
A protesta, malia todo, atraeu unha outra mobilización, a de decenas de activistas e integrantes de diferentes colectivos políticos, sociais e de defensa da lingua galega que quixeron denunciar, coa súa presenza, a mentira, a manipulación e a expresión de odio que aniñaba naquela parada. Moitos deles foron identificados –polo simple feito de falaren galego ou levaren carteis con lemas en defensa do noso idioma- e moitos outros agredidos verbalmente, por manifestantes e policías, ou brutalmente golpeados.
 
Doce mulleres e homes que participaron na denuncia activa daquela impostura afrontan agora, outra vez no contexto dunha campaña electoral, e tras sucesivos adiamentos do proceso, unha petición fiscal de 45 anos de cadea, acusados de desordes públicas e resistencia á autoridade, debendo encarar, ademais, importantes sancións económicas. Militantes da galegofobia, coma Rosa Díez, presente na manifestación, ou o ultra Sáenz de Ynestrillas serán destacadas testemuñas da acusación nesta farsa xudicial.
 
Sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista? Catro anos en prisión por se manifestar na rúa? Identificados e aldraxados polo simple feito de falaren galego? Apreixados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos? O xuízo, que se produce, ademais, nun abafante contexto de regresión da liberdade de expresión ou de modulación interesada da súa materialización na rúa ou nas redes sociais, convértese de facto na xudicialización dunha realidade que só fixo agravarse nos últimos cinco anos e que sitúa a lingua de Galicia nunha das etapas máis regresivas da súa normalización.
 
Desde ProLingua queremos expresar a nosa total solidariedade coas encausadas e encausados do 8F e esixir a retirada de todos os cargos que a fiscalía lles apón a estas persoas, convencidos de que o seu xuízo é un proceso político que converte os agredidos en agresores, que retrata o galego coma unha lingua imposta, e que subverte os termos dun suposto confrontamento lingüístico que só existe no ánimo duns poucos, xusto aqueles que reclamaban aquel 8F “libertad para decidir” e que, ostentosamente, aldraxan unha lingua que, aínda que non queiran, tamén é a súa, porque é de todas e todos os cidadáns.

 
A Mesa pola Normalización Lingüística mostra a súa solidariedade cos procesados por se oporen á manifestación do odio e a galefobia do 8 de febreiro de 2009
 
A asociación en defensa da lingua critica que “non houbese nin tan sequera unha inspección contra a actuación policial”, xa que mesmo foron identificadas e retidas persoas só por falaren galego
 
Marcos Maceira: “A manifestación, apoiada por personaxes como Sáenz de Ynestrillas, incitaba ao odio contra Galiza e a súa lingua en plena capital do país”
 
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2014.- O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e outros membros da organización participaron hoxe na concentración de apoio ás persoas encausadas por se oporen á manifestación convocada contra a lingua galega por unha entidade denominada Galicia Bilingüe e apoiada, entre outros, por personaxes como o coñecido ultradereitista Sáenz de Ynestrillas, a Falange española, Rosa Díez e “de xeito tremendamente irresponsábel” por algúns sectores do Partido Popular.
 
Esa manifestación xa fora definida pola Mesa pola Normalización Lingüística como a “do odio e a galegofobia” e foi “un auténtico escrache contra o pobo galego e a súa lingua, o seu principal sinal de identidade”, en palabras de Maceira.
 
Nos vídeos da xornada puidéronse ver os insultos que os manifestantes lanzaron a viandantes identificados pola policía polo “aparente delito de falaren galego”.
 
A Mesa pola Normalización Lingüística exixe, tal e como fixera daquela, a abertura dunha investigación pola actuación policial nunha “xornada triste” en que o odio a Galiza se paseou polas rúas da súa capital.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript