Maio de 2014
 
 

NÚMERO 232 - 19/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  O #15M ESTÁ DE ANIVERSARIO
 

Tres anos de 15M: Até onde chegou a marea?

O 15 de maio de 2011 cidades de toda España acollen manifestacións masivas, formadas por milleiros de persoas, sobre todo mozos e mozas, que querían deixar patente a súa indignación pola situación do país, polo desemprego e a falta de oportunidades, pola rixidez e opacidade das estruturas democráticas que só conseguen afastar os cidadáns da toma de decisións e contra o turnismo bipartidista.

 

  • Noticias relacionadas

Pedíase democracia real e un control da economía pola política e non á inversa. Convocadas a través das redes sociais por entidades como Democracia Real Xa ou Xuventude sen Futuro e sen o apoio explícito de partidos políticos ou sindicatos, o seu carácter masivo foi unha sorpresa para todos, comezando polos seus propios organizadores, e sobre todo para os grandes medios de comunicación, que ao día seguinte non recollían a nova nas súas portadas, precisamente porque non esperaban que alí fose haber unha noticia.
 
Días máis tarde comezaron as primeiras ocupacións de prazas e espazos públicos, novas manifestacións, e o debate ao redor dun programa mínimo de reivindicacións. E moitos debates, sobre todo externos, sobre a conveniencia de que o 15M adoptase unha forma partidaria e se presentase ás eleccións. Os meses pasaron e as prazas baleiráronse, pero o 15M como movemento e como proceso seguiu en marcha, centrando boa parte do seu traballo na reivindicación do dereito á vivenda e na loita contra os abusos da banca, alimentando e fortalecendo numerosos movementos sociais, e realizando un labor didáctico nas maiorías sociais, camiñando cara á posta en dúbida das estruturas previas, e cara á xeración de procesos sociais alternativos. A medida que desaparecía como estrutura, crecía como transformación. De todo, de todos. Xa nada volveu ser igual que antes do 15 de maio de 2011.
 
Que queda do 15M? Onde está? Que pouso deixou, que impacto tivo na política, nas organizacións sociais, nos hábitos de consumo ou na maneira de informarse e de relacionarse cos medios de comunicación? Para Raimundo Viejo Viñas, profesor na Universitat de Girona, o efecto máis importante do 15M foi a "repolitizaçom da vida, umha imparável produçom do comum no que segue a agromar a política de movimento", unha análise na que coinciden, con variantes, outros analistas, como Víctor Sampedro, profesor da Universidad Rey Juan Carlos, que destaca que "un suxeito político descoñecido hai tres anos logrou minar a lexitimidade do Réxime do 78 e politizar aos afectados polos recortes e a crise". De igual xeito, para David Rodríguez, "a mellor herdanza que deixou o foi iniciar o percorrido que vai do “non nos representan” (a denuncia do sistema político baseado nunha democracia representativa de moi baixa intensidade) ao “pan, traballo, dignidade” das Marchas da Dignidade do 22M de 2014 (a denuncia do sistema económico)".
 
Antón Gómez Reino, Tone, destaca que o 15M non nace da nada, senón que é a consecuencia de anos de traballo nos movementos sociais: "o 15M nom foi um gesto efímero, juvenil, incosistente. Apareceu dum fermento de anos de novas formas de organiçar-se, de anos de esquerdas institucionais apegadas ao poder establecido, e de anos de gente que, baixo umha nova cultura organiçativa, foi construindo novas expressons políticas que se materialiçarom no masivo gesto de desobediencia iniciado o 15 de maio de 2011". Pola súa banda, Fabio Gándara, que dende Democracia Real Xa foi un dos promotores das primeiras manifestacións, "o 15M contribuíu a fomentar a conciencia crítica dos cidadáns, a repolitizar moitas persoas tradicionalmente desconectadas da vida pública e a introducir novas cuestións na axenda política. Ademais, serviu de caldo de cultivo de multitude de novas iniciativas, propostas e plataformas". Tamén Rocío Fraga salienta a importancia da incorporación de xente nova aos movementos, ou da reincorporación doutros que participaran anteteriormente e foran defraudados.
 
A dez días das eleccións ao Parlamento europeo, na que se prevé un castigo (maior ou menor) a PP e PSOE, David Rodríguez cre que "o 15M supuxo tamén un incremento exponencial do descrédito, en capas sociais cada vez maiores, do turnismo bipartidista". No que respecta ás forzas políticas situadas na esquerda, para Antón Gómez Reino o 15M provocou un cambio, "pero em muitos casos um cambio ainda mui superficial", pois "em contraposiçom a antes do 15M, as esquerdas começarm a por no centro do discurso a democracia interna, a transparencia, a participaçom cidadá. Apuram as súas relaçons com movimentos sociais, buscam-se candidatos e candidatas máis apegados abaixo". Porén, destaca que "a maior parte dos aparatos da esquerda ainda nom asimilarom dous elementos fundamentais da arquitectura proposta polo 15m: a vontade de cooperaçom e a necesidade de construçom abaixo-arriba".
 
En opinión de Lupe Ces, "o 15M fixo um ensaio de poder popular nas praças, indicou que o peso da maioria social em movimento pode lograr câmbios profundos. Foi umha escola de assemblearismo, de prática da horizontalidade, da democracia participativa". Para Héctor Tejón, "o 15M fixo que a política sairase da serie eleccións-decisión pra pasar a visibilizar o acontecemento político como transversal e continuo nas nosas vidas", unha opinión semellante á que amosa Raimundo Viejo, para quen o 15M influíu "num cámbio de actitude a respeito da própria política: de ser umha cousa alhea a ser umha dimensom das próprias vidas" e "amousou que a soluçom à crise nom tinha que discorrer políticamente polas canles institucionais do régime".
 
Erros do 15M
En canto aos posibles erros estratéxicos cometidos polo 15M, ou eivas, Rocío Fraga sinala "a falta de memoria respecto dos movementos" pois "non se quixo usar moito do coñecemento de de redes xa tecidas por algúns movementos por temor e desconfianza e tería sido un tandem magnífico". "Xulgábase toda actividade política polo mesmo raseiro, partidos, movementos..., e ese foi un grande erro, baixo o meu punto de vista", conclúe. Pola contra, Lupe Ces critica a "orfandade" en que "a maioria da esquerda organizada e o movimento sindical no seu conjunto" deixou o 15M.
 
Pola súa banda, Víctor Sampedro lamenta "a falta de capacidade dos protagonistas e portavoces máis visibles do 15M de reivindicar todo o anterior, aparcar as diferenzas internas e estender o solo común de demandas e prácticas compartidas" e o "entender as dinámicas de mobilización social e de entrismo institucional como excluíntes e antagónicas". Mentres, David Rodríguez sinala como eivas o "adanismo" e a "crenza en que a acumulación de persoas nunha praza durante un tempo determinado pode conseguir mudanzas políticas de calado en algo tan sólido como é un Estado e un sistema económico". Raimundo Viejo critica "a reactivaçom, por demais inevitável, de algumhas velhas redes e práticas completamente inúteis e meramente oportunistas, coma os narcissismos excessivos dos notáveis ou a teima com traducir o acontecimento na métrica política do régime por meio de eleiçons".
 
O futuro
Practicamente todos os entrevistados salientan a vixencia do 15M, e a súa vitalidade, transformada e misturada noutras estruturas e procesos. Para Antón Gómez Reino, "os movimentos, as formas e as demandas do 15M estám hoje vigentes no ADN das mobilizaçons. Pero o estám em contato e conflito com outras que, após anos voltarom as rúas, em muitos casos fazendo um caminho de volta as rúas desde o mundo institucional". Tamén Fabio Gándara cre que "os valores e principios do 15M están presentes en multitude de novas iniciativas que están a xurdir en todos os ámbitos da nosa sociedade, e que mesmo agora mesmo están a chegar xa ás institucións políticas da man de novas formacións que os están abrazando como propios". E Lupe Ces conclúe que "o 15M está sementado em nós, polo tanto agroma nas novas expressons políticas, nos novos movimentos".
 
David Rodríguez ve o 15M transformado nas Marchas da Dignidade ou na acción da PAH, o mesmo que Héctor Tejón, que sinala que "a acción destituínte do "non nos representan" non chega por si mesma sen ser acompañada por un movemento de máximos que implique a partidos, institucións e sobre todo as comunidades atacadas pola caste gobernante".
 
Víctor Sampedro cre que o 15M nunca deixou de existir, foi impregnando e transfomrando a sociedade en ámbitos moi diversos, nun movemento que non se detén. Para Sampedro, "a mobilización social reflectirase en cambios institucionais e na vida cotiá: trátase de levar as prácticas emancipatorias que xurdiron hai tres anos nas prazas a todo ámbito de actuación, persoal e colectiva". O mesmo cre Raimundo Viejo Viñas: "o 15M nom é um movimento no senso de umha organizaçom política, um partido político ao que te podes afiliar, umha convocatória de manifestaçom à que se pode ir", senón que é "um jeito de vida, um fazer e vivir politizado, um permanente saber-se no desbordamento da multitude, na desobediência que institue o régime político do comum".

Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza Pública

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript