Maio de 2014
 
 

NÚMERO 232 - 19/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Tribunal de Contas. Ilegalidade dos incentivos á xubilación anticipada do PDI

Dende o ano 2006 varias universidades, entre elas a nosa, recoñeceron ata o ano pasado o que se deu en chamar incentivos á xubilación do PDI funcionario.
 
Esta práctica consistiu en permitir que certo PDI funcionario se puidese xubilar anticipadamente, en contra da regra xeral para o resto de funcionarios, completándolles ademais a propia universidade a súa pensión cunha prestación con cargo ó capt. I, ata chegar ás retribucións que percibirían de seguir en activo.

 

  • Noticias relacionadas

A finais do 2012 o Tribunal de Contas emitiu un informe no que afirmaba que os incentivos á xubilación do profesorado aprobado polos Consellos de Goberno de varias universidades andaluzas carecen de soporte legal. Nel conclúe a obriga de cesar nesa práctica, extensible a outras universidades que estaban a proceder de xeito similar.
 
Xa en marzo de 2013, o Tribunal de Contas, publica o Informe de Fiscalización do Sector Público Autonómico, dos exercicios 2006 e 2007, que eleva ás Cortes en exercicio da súa función fiscalizadora, e que no seu apartado III.3 ( pax. 73715 do BOE de 19/09/13), explica pormenorizadamente os fundamentos de ilegalidade destes incentivos,  entre outros o artigo 67.2 do EBEP, onde se recolle que:
 
“Por Lei das Cortes xerais, con carácter excepcional e no marco da planificación dos  recursos humanos, poderanse establecer condicións especiais das xubilacións voluntaria e parcial”.
 
O Tribunal de Contas é contundente ó afirmar que:  
 
 “ Os acordos adoptados no seo das Universidades establecendo plans de xubilacións voluntarias anticipadas e incentivadas para o PDI funcionario carecen de soporte legal, polo que as Universidades deberían suspender a vixencia destes e, en consecuencia, poñer fin á incorporación de novos beneficiarios”.
 
Igualmente en palabras do propio Tribunal de Contas:
 
"A duración do incentivo  esténdese ata que se cumplan os setenta anos. Deste xeito, un profesor de universidade con só quince anos de cotización pode acreditar ós sesenta e cinco anos unha retribución moi por enriba do cen por cen da pensión; algo certamente chamativo no contexto xeral dos diferentes réximes de seguridade social."
 
“O resto dos funcionarios xubílanse forzosamente ós sesenta e cinco anos; se ben poden pedir prórroga ata os setenta.
 
Así, non deixa de chamar a atención unha certa incongruencia. Por unha parte outórgase un trato excepcional ó persoal docente e investigador universitario, ó que se lle permite prolongar a súa actividade ata os sesenta anos e, por tanto, seguir percibindo unhas retribucións moi superiores ó que percibirían como pensión máxima de xubilarse ós sesenta e cinco. Por outra, a través dos plans de xubilación voluntaria ós que se ven facendo referencia, se lles permite elixir anticipar a xubilación ós sesenta anos cun incentivo que lles garante o cen por cen das retribucións en activo ata os setenta”.
 
“Para o resto dos funcionarios, que en teoría a través da prórroga poden seguir en activo ata os setenta anos, non existe ningunha modalidade que lles permita adiantar a súa xubilación con sinalamento de incentivos da natureza dos percibidos polo persoal ó que aquí faise referencia”.
 
Ademáis , os procesos tomaron plena vixencia e extensión en vísperas da crise económica ou en plena eclosión desta. Cando a crise comportou enormes sacrificios para unha boa porcentaxe dos cidadáns e, en concreto, para os funcionarios, e se formulan reformas no eido das xubilacións e as pensións de xubilacion que supoñen certo grao de inquedanza e incertidume, resulta moi cuestionable, dende unha óptica social e de equidade, o xeito de proceder dos consellos de goberno das universidades que acordaron plans de xubilacións voluntarias incentivadas nos termos expostos”.
 
Entre 2007 e 2009, un total de 1.446 profesores xubiláronse cun incentivo económico que mantiña a máxima retribución ata os setenta anos, que en total supuxeron 43.595.561 euros dos orzamentos universitarios.
 
Na actualidade aínda que as universidades, a nosa tamén, teñen paralizados os recoñecementos xubilación anticipada do PDI dende o ano pasado, seguen a pagar eses incentivos ó PDI que xa o ten recoñecido. Sen embargo algunhas universidades, que non a nosa, decidiron paralizar os pagamentos correspondentes ás mensualidades posteriores á notificación do Tribunal de Contas, que en recentes declaracións avisou da posibilidade de esixir responsabilidades contables, cabendo a posibilidade nestes casos de esixir a devolución ó erario público das cantidades defraudadas.
 
Nada máis e nada menos que 1.070.414 € a restar do capt. I dos orzamentos deste ano, capítulo que deste xeito é normal que non chegue nin para cubrir as prestacións de acción social do 2013 nin para pagar a parte proporcional da paga extra recoñecida xa en numerosas sentenzas .
 
Pregúntase igualmente o Tribunal de Contas, cómo os Executivos autonómicos autorizaron todos estes anos os importes desas partidas de incentivos no gastos de persoal, xa que deberían “exercer un adecuado estudo da súa composición e seguimento da súa execución co obxecto de evitar que, con cargo a éstes, se imputen gastos en concepto de retribucións, incentivos ou axudas carentes de soporte legal.”
 
Da que pensar que este equipo reitoral que xustifica que non hai cartos para manter a acción social, e aplica relixiosamente os recortes que lle veñen doutras instancias superiores,  por outra banda manteña  o pagamento destes incentivos á xubilación dunha parte do PDI, en virtude dunha exercida autonomía universitaria precisamente neste caso, que á vista simple de calquera, incluso do Tribunal de Contas, é inxusta e ilegal.

 

 

 Información:

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript