Maio de 2014
 
 

NÚMERO 232 - 19/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  MOBILIZACIÓN SOCIAL
 

Manifestación contra as obras da Mariña

O goberno do PP ven de dar o pistoletazo de saída ás obras do túnel de A Mariña, un proxecto no centro da cidade coa intención de soterrar o tráfico dende a Praza de Ourense até a Solana, creando un túnel de catro carrís para que pasen os vehículos.

 

  • Noticias relacionadas

Ademais, crearanse varias áreas comerciais, unha das cales, a do Parrote, ten unha estrutura que tapa a vista do castelo de San Antón e maila bahía.
 
As obras realizaraas Copasa e Civis Global. Copasa é unha empresa á cal se lle denominou como a “construtora do PP”. Está vinculada á trama Gürtel, aparece nos papeis de Bárcenas e está a ser investigada pola UDEF (Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal), motivo polo cal o seu presidente foi imputado polo xuíz Ruz. Esta empresa creceu ao amparo da Deputación dos Baltar (Ourense). Por se fora pouco, o arquitecto da obra, Luis Collarte, é irmán dun deputado do PP, Guillermo Collarte.
 
O presuposto total das obras é de máis de 50 millóns de €, dos que 18.593.387 € xa están asignados. Ademais, existe a posibilidade de abrir dúas fases máis, que poderían elevar o custe total a máis de 80 millóns de €. Esta cantidade non está xustificada para unha obra destas dimensións. Dentro dos excesos da obra, atopámonos con bancos de 14600€ e unha pasarela na Dársena de máis de 600 mil €, coma se fósemos ricos.
 
Os cartos adicados a esta obra proveñen do Concello da Coruña, da Autoridade Portuaria, da Xunta e de Fomento. Isto non fai máis que complicar un entramado no que non só os impostos da veciñanza están a ser malgastados en obras innecesarias e caras, senón tamén os do resto do país e do Estado. Mentres sufrimos o desmantelamento dos equipamentos sociais nos barrios, o Concello ten a pouca vergoña de malgastar millóns de euros en obras faraónicas irracionais.
 
Por todo isto, a veciñanza da Coruña e diversos colectivos políticos e sociais OPOÑÉMONOS ÁS OBRAS DO TÚNEL DA MARIÑA por considerar que:
É un gasto desmesurado que non vai supoñer unha mellora na calidade de vida da veciñanza. A redución de tráfico será nula, pois o proxecto incorpora elementos (tunel de catro carrís, aparcadoiro e áreas comerciais) que máis ben o aumentarán. Pensamos que son outras as medidas dirixidas a reducir o tráfico: aparcadoiros disuasorios, carril bus ou ferrocarril de proximidade que o Concello non vai facer. Este proxecto non é máis que a continuación do despilfarro urbanístico do PPSOE (Millenium, ascensor do Mt. De San Pedro, escaleiras mecánicas de San Agustín, Tranvía…) e da nefasta política de centros comerciais, que xa sobran na cidade.
 
A veciñanza demanda outros servizos moito máis necesarios que son negados e mesmo reducidos. Mentres os barrios obreiros son descoidados polo goberno municipal, empréndense obras innecesarias para revalorizar as “zonas nobles” da cidade pero que non suporán ningún beneficio social.
 
Non podemos permitir que a corrupción continúe a beneficiar a empresas privadas con cartos públicos. Os vínculos PP-COPASA constatan que hai sospeitas de favoritismos pola desviación cara empresas “amigas” e o goberno dirixido aos intereses dos grandes capitais a costa da veciñanza, como tamén se pode ver no caso “Pokémon”.
 
Por todo isto, convocamos a toda a poboación da Coruña e arredores a tomar posición en contra desta obra e a participar nas asembleas e nas accións a pé de rúa para tentar de paralizar este novo disparate do Concello.
 
http://nonasobrasdamarinha.wordpress.com/

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript