Maio de 2014
 
 

NÚMERO 232 - 19/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

A impunidade do piquete empresarial e o castigo do piquete sindical

Cantos piquetes empresariais foron detidos nas últimas folgas xerais? Cantos membros deses piquetes empresariais foron xulgados, cantos condenados? Cantos recibiron penas de cárcere?

 

  • Noticias relacionadas

Si, leron ben: dixen "piquetes empresariais", non sindicais. En cada folga xeral os primeiros actúan con toda a violencia de que son capaces, pero nunca os vemos. Son discretos, non van por aí berrando, con asubíos e megáfonos, poñendo adhesivos, como si fan os piquetes informativos dos sindicatos.
 
Os piquetes empresariais, que a diferenza dos sindicais non foron recoñecidos polo Constitucional nin por ningunha forma de legalidade, actúan en cada folga. Coaccionan a moitos traballadores para que acudan aos seus postos de traballo, obstaculizan a actuación dos representantes sindicais, e a miúdo recorren ao esquirolaxe, como o caso recente de Coca Cola.
 
Nas últimas folgas xerais os piquetes empresariais empregáronse a fondo. Sei de moitos traballadores que non puideron exercer o seu dereito de folga por medo ao despedimento ou a non renovación do contrato, despois de que o xefe correspondente pasase lista os días previos para ver quen ía facer folga. Esa é a versión sutil, a de quen preguntan e din que o fan por necesidades de organización. Logo está a versión máis basta, os que directamente ameazan de despedimento a quen se lle aconteza facer folga.
 
Cantos deses violentos piquetes foron detidos na xornada de folga? E nos meses posteriores? Contra cantos cargou a policía? Cantos foron condenados? Para cantos deles pediu o fiscal a pena máxima de tres anos de cárcere por delito contra os dereitos dos traballadores?
 
Busco e rebusco, e só encontro unhas poucas sentenzas contra empresas por vulnerar o dereito de folga nas dúas xerais de 2012. E en todos os casos non foi máis alá de sancións económicas, e nin sequera a máxima posible.
 
Agora vexamos que sucede cos piquetes sindicais. Sen facer ningún tipo de simetría entre uns e outros, pois estes si están autorizados, son parte do dereito de folga. Non é delito ir a unha empresa para informar os traballadores durante unha folga, sempre que non haxa coacción. Mesmo se se trata dunha empresa onde o piquete empresarial coaccionou previamente os traballadores para que permanezan nos seus postos.
 
Nas últimas dúas folgas xerais, as de 2012, centos de membros de piquetes foron detidos na mesma xornada. E outros moitos recibiron a visita policial ou a citación xudicial en meses posteriores. A xustiza leva os seus ritmos, e agora imos sabendo dos primeiros xuízos e condenas. E en todos os casos, de xeito sistemático, o fiscal pide a pena máxima por delito contra os dereitos dos traballadores (artigo 315.3 do Código Penal): tres anos de prisión. Aos que sempre se suman outros delitos, atentado contra a autoridade ou lesións, para acabar pedindo máis anos de cárcere, e multas elevadas.
 
Na maioría dos casos repítese o mesmo relato dos feitos: un piquete informativo que chega a un centro de traballo (unha cafetaría, por exemplo) que está aberto e con traballadores dentro. O piquete quere entrar a informar dos seus dereitos aos traballadores, e así comprobar se xa actuou o piquete empresarial correspondente. Entón prodúcese o típico encontrón sen consecuencias: berros, adhesivos na fachada, tensión, chegada da policía, empuxóns, carga e detidos. Logo vén a denuncia, e o parte hospitalario do policía que sempre se luxa un dedo. Coñezo varios casos así, como o dos membros de UGT José Manuel e Rubén, para os que o fiscal pide sete anos de cárcere para cada un por un incidente como o relatado, durante a folga do 29 de marzo de 2012. O o caso de Carmen e Carlos en Granada, pero hai moitos outros, e moi similares.
 
Este tipo de incidentes veñen acontecendo en folgas dende os primeiros anos desta democracia. Pero ata agora primaba o dereito de folga por enriba doutras consideracións, e aínda que había denuncias e sancións, era raro o caso en que se pedían penas de cárcere por sucesos sen gravidade. Ata agora, que a xustiza decidiu ser exemplificante. Impunidade para o piquete empresarial, man dura contra o piquete sindical. Está clara a mensaxe para futuras folgas.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript