Maio de 2014
 
 

NÚMERO 231 - 12/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  NA ENCRUCILLADA
 

Programa Nacional de Reformas 2014: Privatización, recentralización e rogativas

O goberno do Estado vén de aprobar o Programa Nacional de Reformas (PNR) para o ano 2014 e tamén o Programa de Estabilidade 2014-2017. Ámbolos dous documentos foron xa remitidos á Comisión Europea dentro “das obrigas dos Estados Membros”.

 

  • Noticias relacionadas

A diferenza cos programas previos elaborados nos dous anos anteriores, estes fanse públicos en período pre-electoral, iso explica que a introdución de posibles novos copagos por servizos públicos ou o incremento do IBI figuren no Programa de Estabilidade nun horizonte posterior a 2015.
 
De todos xeitos, non se oculta un avance importante de certos postulados ideolóxicos nas medidas propostas a curto prazo, a desenvolver neste ano 2014. No PNR 2014 apóstase con claridade pola privatización e recentralización dos servizos públicos. Privatización que se manifesta, por exemplo, co compromiso de aprobar a Orde Ministerial para establecer o modelo de liberación dos servizos comerciais no sector ferroviario e a licitación de “títulos habilitantes” para que un número de operadores privados poidan competir con Renfe (páx. 197 do documento; de interese ler este outro informe sobre as consecuencias da privatización do sistema de ferrocarril británico). O goberno tamén apunta a unha reforma do sistema portuario con medidas que favorezan a xestión empresarial e posibilitando a participación da iniciativa privada na xestión dos portos do Estado (páx. 69). Pero haberá outras medidas que profunden na mellora da competitividade do sector privado, algunhas delas que afectarán á propia universidade, mediante o anuncio da reforma do sistema universitario (páx. 191), onde se recollerá unha revisión do sistema de acceso ás diferentes categorías de profesorado universitario, ou a posibilidade dos doutoramentos industriais (páx. 195: xustificados como “novos contornos de aprendizaxe que faciliten o achegamento entre universidade e empresa”).
 
Nun ámbito próximo, tamén hai que subliñar a proposta de creación da Axencia Estatal de Investigación coa encomenda para xestionar ao redor de 1000 millóns de euros (?). A outra liña mestra deste PNR é a recentralización, cun feixe de medidas transversais que afectan a distintos sectores e propostas baixo o pretexto dunha racionalización dos servizos. Esta xustificación serve tanto para centralizar os Tribunais de Xustiza de primeira instancia nas capitais de provincia e así eliminar os partidos xudiciais (páx. 216), implantar a Lei de Unidade de Mercado (páx. 73, 93, 138-145) que resta competencias de supervisión ás comunidades autónomas e ás entidades locais ou mesmo para fusionar por absorcións os Centros de Investigación Biomédica (páx. 194) para ubicar o resultante en Madrid (deste xeito desaparecería, por exemplo, o Ciberobn de Santiago de Compostela, adicado ao estudo da obesidade e nutrición).
 
A ideoloxía de quen nos gobernan vaise impoñendo que para iso mandan, para o da mellora da economía real e do emprego manteñen a estratexia das rogativas [imaxe froito dunha montaxe propia].
 
Na Encrucillada
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript