Maio de 2014
 
 

NÚMERO 231 - 12/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

As mentiras de Amoedo. Comunicado conxunto de APA e CUT

O equipo de goberno da Universidade non dixeriu ben a mobilización que realizamos o día 6, contra as políticas de recorte de dereitos laborais económicos e sociais, o feito de que tivese unha sinalada transcendencia pública parece que lle fixo “pupa”. As manifestacións, mentiras e medias verdades, coas que intentan deslexitimar a mobilización vertidas polo secretario xeral da Universidade no seu facebook son unha boa proba diso, facemos, polo tanto, extensivas a todo o equipo reitoral a nosa resposta.

 

  • Noticias relacionadas


 

 

A mobilización decidiuse por unanimidade dos sindicatos que forman parte da Xunta de Persoal do PAS e do Comité de Empresa do PAS (CCOO, CSIF, CIG, UGT, CUT e a agrupación electoral APA) e convocada de xeito unitario polos respectivos órganos de representación. Por este motivo propuxemos, na reunión da Xunta de Persoal realizada o día 8, unha resposta conxunta ás manifestacións realizadas polo secretario xeral, esta alternativa foi rexeitada por algún dos sindicatos que optou por non darlles valor.
 
Para nós si son importantes e reflicten a opinión que de nós como colectivo ten o equipo de goberno da Universidade, por iso temos que sinalar que:
 
A acción desenvolvida non só contemplaba reivindicacións sociais, tamén laborais e económicas, como se indicou na convocatoria e comunicado lido no propio Claustro.
 
En todo caso a acción social para os diferentes colectivos que formamos parte da UDC contempla:
 
PAS (Persoal de Administración e Servizos):
 
Gardería
Matrícula gratuíta nas universidades públicas de Galicia.
Os/as traballadores/as escollen entre seguro médico privado, ou outra prestación (axudas para o coidado de fillos, axudas para as persoas con minusvalía, axudas para estudos dos fillos…). Significar que non todo o PAS optou polo seguro médico (aos/ás que non optaron polo seguro reducíuselles tamén esta prestación na mesma contía)
 
O PDI (Persoal Docente e Investigador):
 
Gardería
Matrícula gratuíta nas universidades públicas de Galicia
Seguro de vida (privado claro).
 
Ao secretario xeral non lle revolve o estómago que os orzamentos da Universidade contemplen a cantidade de 1.070.414€ para uns incentivos á xubilación voluntaria do PDI que foron declarados ilegais polo Tribunal de Contas, ver tamén este outro enlace.
 
Non lle parece mal, ao secretario xeral, que na Universidade da  Coruña se aboe o indecente complemento de altos cargos. Moitos dos perceptores do mesmo foron nomeados, durante o bipartito, polo  BNG, organización que lles requiriu a renuncia.
 
Denunciamos e seguiremos facéndoo o malgasto na UDC que, na medida que non se lle pon coto, consideramos que é consentido polo equipo de goberno da universidade. Eliminar o inmenso gasto superfluo, evitaría ter que recortar en aspectos tan importantes (sobre todo para os/as que menos cobramos na universidade) como é a acción social.
 
Temos que sinalar que o PAS non lle debe nada a este, nin a anteriores equipos reitorais, se o sr. Barja  no seu momento chegou a ser reitor da Universidade foi, entre outras cousas, polos votos que o PAS lle outorgou. É certo que pasamos de 5% a 9% de representación no Claustro, esta medida que parece agora unha dádiva foi froito dunha negociación que propiciou que moitos de nós solicitaramos o voto para ese candidato. Candidato que non tardou en defraudarnos ao non cumprir moitos dos compromisos adquiridos no seu programa e acordados co PAS, tales como:
 
Profesionalización da administración e da xestión. RPT baseadas nas necesidades reais. RPT cada dous anos. Promocións…. Aínda hoxe estamos á espera de que o grupo E de funcionarios, 4B no colectivo laboral desaparezan, cumprindo, dese xeito, o asinado no Convenio Colectivo de 2005..
 
Contra os recortes impostos polos gobernos da dereita convocamos folgas xerais, e mobilizacións. A inauguración do curso académico foi unha desas importantes mobilizacións. Non aceptamos o maniqueísmo que presenta calquera posición de desacordo coas políticas ditadas polo reitor, de “esquerda”, como favorables á dereita. De que nos serve unha teórica esquerda que aplica as mesmas políticas de recorte que impón a dereita?.
 
Salientamos que ninguén que non sexa PAS, o secretario xeral e o equipo de goberno menos, (so faltaría que seguiramos os ditames da empresa) nos vai sinalar onde e cando temos que actuar. Se a intención de algún membro do equipo de goberno é que usemos, exclusivamente, as canles oficiais para expresar o noso parecer que se esqueza. Utilizaremos as vías que consideremos, como colectivo máis axeitadas; o Claustro cando proceda, o Consello de Goberno cando o consideramos oportuno e, cando nos pareza necesario, pasaremos á acción realizando as mobilizacións que decidamos.
 
O secretario xeral sabe, cando fai as afirmacións contidas na súa páxina, que son parciais e, ademais, mentira, nomeadamente nos seguintes aspectos:.
 
A mobilización non se convocou por unha soa persoa.  Non tiña como finalidade principal e exclusiva a reivindicación do seguro médico privado.
 
As afirmacións contidas na súa páxina  non son propias dun alto representante da institución. Reclamamos, polo tanto, o seu cese inmediato.
 
Á vista das manifestacións realizadas parece que a nosa resposta vai polo camiño correcto, tócanos agora incrementala e subirlle o ton.
 
Comunicado enviado ás traballadoras e traballadores
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript