Maio de 2014
 
 

NÚMERO 231 - 12/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  INTERNACIONAL
 

As protestas de Brasil: o que a FIFA quere esconder debaixo da alfombra

Durante a última semana vimos tanto o técnico da selección brasilera coma tamén o presidente da UEFA chamar á calma á poboación brasilera, que dende ano pasado se vén mobilizando por unha serie de demandas, ademais de denunciar a inxustiza e desigualdade que revelou a organización da Copa do Mundo.

 

  • Noticias relacionadas

Mentres que Luis Felipe Scolari sinala que "non" é o momento axeitado" para manifestarse (porque, segundo el, as protestas poderían afectar ao rendemento dos xogadores da selección), Michel Platini, nun xesto moito máis fachendoso, sinalou a semana pasada que "os brasileros deben renderlle tributo a esta fermosa copa do mundo".

Todo isto parece ser parte dun intento, con certo deixo de desespero, de frear as ondas de protestas que se organizaron ao longo de todo o territorio, e que tivo como puntos centrais Río de Janeiro e o estado de Sao Paulo. Dende marchas multitudinarias ata barricadas locais e cortes de estrada foron as estratexias que os brasileros utilizaron para interromper a normalidade e facer visibles as súas demandas, a poucos días xa de comezar o Mundial.

As demandas

En xuño do 2013, na antesala da Copa Confederacións, comezou unha onda de protestas gatilladas pola alza de pasaxes do transporte público, pero que logo foi ampliando as súas demandas, ao se facer evidente o impresionante gasto dedicado á organización da Copa do Mundo (uns 13.000 millóns de dolares), en oposición ao insuficiente financiamento á saúde pública, entre outros servizos de grande importancia.

Estas demandas foron escalando e incorporaron novos reclamos. Un deles é respecto ás condicións inseguras de traballo nos estadios que se están a remodelar para o mundial, e que parece demostrar que para o estado brasilero é máis importante a entrega oportuna dos recintos deportivos que a seguridade dos seus propios cidadáns.

Outra demanda é a levada a cabo por aqueles "sen fogar" (do MTST) para modificar o plan regulador de Sao Paulo, detrás de impulsar un plan de vivenda na devandita cidade. Son máis de 30.000 os mobilizados e realizaron toma de rutas e ocupacións de terreos.

Non obstante, a principal demanda que nestes últimos meses se levantou é en torno á denuncia da feroz discriminación que sofren os sectores populares do país, así como do enorme grao de represión que se vive nas favelas e poboacións. Denúnciase, dende ese ámbito, unha feroz e violenta "pacificación" das favelas levada a cabo polas forzas policiais, e que xa cobrou unha serie de vítimas fatais.

A represión

Recentemente o goberno brasilero anunciou o envío de 20.000 novos efectivos policiais a Río de Janeiro para intentar controlar o que eles denominan como unha escalada de violencia, e así, asegurar o correcto funcionamento da cidade que oficiará como a principal sede do campionato de fútbol. Esta medida parece, non obstante, ser máis do mesmo, e vénse a sumar a un operativo sistemático de control da poboación que levou a cabo o goberno para asegurar a seguridade durante a Copa do Mundo.

Esta represión, desafortunadamente, xa cobrou vidas, como a do mozo Emanoel, de tan só 17 anos, que foi atropelado por un vehículo blindado da policía o 19 de abril pasado. Non se trata da primeira morte deste tipo, e polo mesmo, a represión non fixo senón aumentar a indignación dos poboadores, que ademais de ter que vivir a sinalización e militarización das súas poboacións, deben experimentar a inseguridade que, paradoxalmente, produce a intromisión policial nas favelas.

Isto parece non parar

A pesar de que as mobilizacións foron intermitentes, e non convocaron o épico nivel de masas que logrou o 2013, o inconformismo e crítica a sistema brasilero foi en aumento, e parece non o diminuír nin o Mundial de Fútbol, nin as palabras de Platini e Scolari. Trátase de protestas organizadas en diversos lugares, autoconvocadas, e cun prego de demandas en aumento. Mentres a indignación crece, a única resposta do goberno foi aumentar a represión, criminalizar a protesta, e ocultar mediaticamente ao mundo o que está a acontecer no país. Para que siga o espectáculo, decidiron esconder baixo a alfombra as protestas que visibilizan un país profundamente desigual.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript