Maio de 2014
 
 

NÚMERO 230 - 05/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  OS RECORTES MATAN
 

Expertos denuncian que os recortes sanitarios ameazan a nosa saúde

Oito científicos alertan na prestixiosa revista 'The Lancet' de que os recortes provocaron unha erosión na cobertura sanitaria universal e van en contra das recomendacións da ONU. Sinalan que os copagamentos son pequenos gastos directos que supoñen unha barreira para un tratamento eficaz.

 

  • Noticias relacionadas

 

Os recortes sanitarios provocaron unha "erosión" na cobertura sanitaria universal e van en contra das recomendacións da ONU. É a principal denuncia que oito investigadores de varias institucións nacionais e internacionais fan nun artigo sobre o sistema sanitario español na prestixiosa revista científica The Lancet. Neste texto denuncian que en España reduciuse o presuposto en materia sanitaria "por razóns de austeridade" a pesar de que o gasto público "xa era un dos máis baixos de Europa". Ademais, destacan que, mentres que Nacións Unidas anima aos Gobernos nacionais a avanzar cara a unha asistencia sanitaria universal, en España "socavouse" este acceso cunha reforma sanitaria "sen trámite parlamentario" que "limita" a sanidade pública. Así, recordan que, segundo datos oficiais, 873.000 persoas perderon o dereito á sanidade normalizada en España.
 
"Recortar a atención sanitaria e os programas de benestar social nun momento de forte recesión económica ten graves consecuencias para a saúde. É unha evidencia", di a infoLibre dende Londres, onde desenvolve o seu labor investigador na London School of Hygiene and Tropical Medicine, Helena Legido-Quigley, unha das asinantes do artigo. Ao seu xuízo, este traballo é unha especie de aviso a navegantes para as autoridades españolas sobre o risco que supón a insistencia en medidas "temerarias" de austeridade. "Vendo o impacto que está a ter para a saúde da poboación políticas de recortes levadas a cabo por outros gobernos, podemos pensar que isto tamén pode acabar pasando en España", alerta.
 
Neste sentido, cita outras investigacións recentes que dan conta de que España o número de pacientes con dependencia e abuso do alcohol multiplicouse por seis entre 2006 e 2011. Ou que en Grecia aumentaron un 224% os casos de VIH entre os consumidores de drogas por vía intravenosa. Como consecuencia do recorte dos programas de fumigación contra mosquitos, Grecia sufriu a súa primeira epidemia de malaria en moitas décadas, alertaron os investigadores David Stuckler, da Universidade de Oxford, e Sanjay Basu, epidemiólogo e profesor da Universidade de Stanford, no libro O custo humano das políticas de recorte: por que a austeridade mata (Taurus).
 
Os asinantes do artigo recordan que Médicos do Mundo -cuxo presidente, Álvaro González, é un dos seus autores- contabilizou ata 1.192 casos de persoas que non puideron recibir a atención á que tiñan dereito "por non ter a documentación axeitada, por problemas na interpretación da reforma ou por unha cuestión de discriminación ou racismo". Estas circunstancias, recoñecen os autores, poden ter "graves consecuencias para a saúde" dos cidadáns, sobre todo no que respecta aos afectados por VIH ou tuberculose, ao tempo que tamén pode supoñer unha "ameaza para o acceso ao tratamento da saúde mental, as adiccións e as enfermidades crónicas".
 
Ata agora, sinalan dende esta ONG, as situacións máis habituais detectadas por Médicos do Mundo como consecuencia do decreto que exclúe as persoas sen papeis da sanidade normalizada foron as de persoas con enfermidades crónicas sen controis periódicos -incluído o cancro- ou que sofren interrupcións nos seus tratamentos. Neste último caso documentaron falta de insulina para a diabete ou Sintrom para as cardiopatías. Tamén rexistraron casos de pacientes con patoloxías transmisibles como VIH ou tuberculoses para as que non se activaron os protocolos correspondentes. E mesmo enfermidades mentais sen seguimento. A esixencia de firmas de compromisos de pagamento ou os intentos de facturación en urxencias foi outra das situacións máis habituais constatadas por esta ONG.
 
Médicos do Mundo tamén documentou casos de mulleres embarazadas sen seguimento médico durante a xestación, nenos aos que se negou a atención primaria e persoas transplantadas ás que se esixiu aboar integramente os medicamentos antirrexeitamento imprescindibles tras a operación á que foran sometidos.
 
Por outro lado, no artigo de The Lancet, os investigadores denuncian que España tamén foi en contra das recomendacións da ONU á hora de modificar o copagamento farmacéutico ou querer poñer en marcha este sistema tamén nas farmacias dos hospitais. "Son pequenos gastos directos que son unha barreira para un tratamento eficaz", advirten.
 
Hai uns meses a revista British Medical Journal (BMJ) tamén se facía eco dos recortes que se estaban a levar a cabo na sanidade pública española, e nun artigo asinado por científicos do London School of Hygiene & Tropical Medicine de Reino Unido advertíase de que o "desmantelamento" do Sistema Nacional de Saúde (SNS) podía "poñer vidas en risco".
 
http://www.infolibre.es/noticias/politica/2013/12/17/expertos_denuncian_que_los_recortes_amenazan_11096_1012.html
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript