Maio de 2014
 
 

NÚMERO 230 - 05/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  NA ENCRUCILLADA – ELECCIÓN DE REITOR NA USC
 

Moito por facer

Parabéns aos dous candidatos á reitoría da USC polos seus resultados nas eleccións. A responsabilidade de gobernar recaerá en Juan Viaño por unha axustada marxe de votos, unha responsabilidade que non lle vai deixar moito tempo para celebracións pois ten por diante moito por facer.

 

  • Noticias relacionadas

 

A universidade enfróntase a moitos retos e incertidumes e, para superalas con éxito, necesítase a implicación de toda a comunidade universitaria. A victoria de Viaño decantouse no apoio recibido no sector do estudantado, onde estivo cerca de duplicar os resultados de López. Porén, o reitor electo terá que gañarse tamén a confianza dunha parte importante da universidade que inicialmente non apostou por el.
 
Por outra banda, dende "Na Encrucillada" quixeramos agradecer o crédito recibido ás candidatas e candidatos ao Claustro polo Campus de Lugo que participaron da nosa proposta, comezamos unha singladura con seis claustrais de diferentes centros deste Campus, pero na que confiamos en ir sumando máis apoios. Xa temos explicado que a nosa intención neste ámbito é traballar para facer achegas positivas, detectar disfuncións e propoñer alternativas. Nesta liña vai a recomendación de procurar unha unidade de acción nas grandes cuestións da universidade.
 
Tamén convidamos a facer un exercicio de autocrítica aos candidatos, que non conseguiron ilusionar ao alumnado (6,7 % de participación), pero aos que tampouco escoitamos durante a campaña denunciar, por exemplo, que boa parte dese alumnado aínda non cobrou a súa bolsa cando xa está rematando o curso.
 
E, aínda que sexa máis unha cuestión de forma, xa que o reitor electo é matemático, recomendámoslle corrixir algúns aspectos do regulamento electoral polo que se desenvolveron estas eleccións. En particular, no artigo 48.3.3, relativo ao cálculo do coeficiente para a ponderación de votos nos sectores II-IV, onde di "este coeficiente será a resultante de dividir o número de votos ponderados que corresponden a cada sector ou subsector entre o número de votos emitidos nel", no cociente desta división debe poñer "o número de votos validamente emitidos a candidaturas nese sector".
 
As contas saen diferente se se utilizan un cociente ou outro, aínda que no caso particular destas eleccións, non inflúe no sentido final da votación (nos dous casos gañaría Viaño vs López, ou ben co resultado oficial de 1195 a 1170 votos ponderados, ou ben co outro resultado de 1107 a 1095 votos ponderados), pero nós mantemos que cando dá o mesmo traballo facer as cousas ben que mal, mellor facelas ben.
 
Por outra banda, tamén se podería corrixir o punto 48.3.5, para que o redondeo proposto sexa máis "científico", tal como está escrito un valor de "1,5999" redondearíase a "1", en lugar de a "2". Finalmente, tamén sería desexábel modificar o regulamento para evitar que persoal do Campus de Lugo teña que ir votar ao Campus de Santiago, como sucedeu cos 16 membros do sector II do ámbito das Ciencias Experimentais, estamos certos que se poderían arbitrar mecanismos que lles permitisen votar no seu campus, do mesmo xeito que os 18 de Santiago do sector II do ámbito das Ensinanzas Técnicas non tiveron que desprazarse ao Campus de Lugo. Como vedes, exemplificando nun asunto menor como é o procedemento electoral, queda moito por facer.
 
http://naencrucillada.blogspot.com.es/
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript