Maio de 2014
 
 

NÚMERO 230 - 05/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Universidade. O día 6 concentración contra os recortes

A suma de recortes impostos dende o goberno central, os lexislados polo goberno autonómico e os ditados polo reitor da universidade colocan ao PAS nunha situación insoportable.

 

  • Noticias relacionadas

 

Até agora o reitor aplicaba os recortes impostos dende os gobernos central e autonómicos como parte dunha imposición legal á que estaba obrigado. Dende este ano o reitor forma parte deste triunvirato que como única saída para cadrar as contas só “ve” o camiño de recortar dereitos aos traballadores/as
 
Denunciamos o malgasto institucional na adquisición, sobre todo, de material informático e de telefonía, na política de contratación de persoal, na xestión dos proxectos de investigación…. Denunciamos, tamén a política orzamentaria da Universidade que segue a primar os intereses dos de sempre. O reitor, no canto de actuar poñéndolle coto ao malgasto, quere recortar, de novo, a acción social o vindeiro ano.
 
Esiximos a restitución do recortado na Acción Social e a inmediata negociación que asigne a esta partida orzamentaria, polo menos, o 1,5% da masa salarial.
 
No referente ao eido laboral a situación é xa insostible nas conserxerías de Ferrol. Os cambios de quenda e, incluso, de lugar de traballo son habituais debido esencialmente a unha RPT exigua e á prepotencia dos/das que nos gobernan para quen somos, como colectivo, insignificantes. Esta situación tamén se da nos Servizos Informáticos onde xa denunciamos o cambio de ubicación dun dos traballadores do CAU (Centro de Atención a Usuarios), neste caso a arbitraria decisión correspóndelle ao vicerreitor. Temos que subliñar que a desconsideración chega a que estes cambios nin sequera se notifican aos órganos de representación das traballadoras e traballadores.
É de sinalar que mentres para o PDI se arbitran no Consello de Goberno medidas para superar o 10% de taxa de reposición, no PAS hai varias prazas da RPT sen cubrir.
 
Esiximos que se respecte a RPT, que se cubran todas as prazas nela contempladas, e que si se buscan alternativas á taxa de reposición para un dos colectivos se teña, cando menos, a mesma sensibilidade co PAS.
 
Reclamamos, tamén, a negociación dunha nova RPT que solvente as circunstancias sinaladas e as derivadas do proceso de integración do PAS laboral.
 
No terreo económico esiximos que a Universidade, que foi quen nos descontou da nómina o diñeiro, faga extensivas a todo o persoal as sentenzas que ditaminan a devolución da parte devengada da paga extra de 2012. Reclamámoslle, tamén á institución, a renuncia nos recursos interpostos.
Todo isto sen esquecer que seguiremos reclamando a devolución de todo que se nos recortou dende que Zapatero nos roubou a carteira.
 
Temos razóns para a reivindicación, para facer valer a nosa dignidade como traballadoras e traballadores, o día 6 non podemos fallar. Temos que dicirlle á cara ao reitor e ao resto da Comunidade Universitaria que non nos conformamos, que non imos permitir que nos rouben máis.
 
A UNIDADE E A LOITA SON A NOSA FORZA.

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript