Maio de 2014
 
 

NÚMERO 230 - 05/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL
 

Á rúa por denunciar a corrupción en "cursos de formación"

Ana tiña todo preparado para incorporarse este 1º de maio, ao seu posto de traballo, do que fora apartada polo Sacyl durante sete meses. Non obstante, un Burofáx, asinado polo director xerente de Atención Especializada Valladolid-Oeste, Alfonso J. Monteiro Moreno, comunicoulle que non o fixese xa que "dende o día 01/05/2014 pasará á situación de excedencia voluntaria".

 

  • Noticias relacionadas

 

Ana, cumprirá o próximo mes de xuño 31 anos no hospital universitario Río Hortega, onde desempeña funcións de cociñeira. En todo ese tempo nunca tivera un apercibimento ou sanción ata que en setembro de 2011 se lle abriu un expediente informativo tras denunciar no Xulgado do Penal, con outros tres compañeiros, a realización duns cursos que non foran impartidos.
 
No expediente sancionador, entre outras cuestións, dise que Ana inducira aos seus compañeiros a que non se apuntasen aos cursos de cociña que de forma precipitada convocaron ese ano para cubrir as aparencias e xustificar as irregularidades dos cursos 'virtuais', non realizados en 2010.
 
Ao final, impóñense cinco sancións a Ana: tres dun mes e dúas de dous meses. Sanción que cumpre entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de abril de 2014.
 
O Sacyl, non satisfeito coas represalias exercidas, dá un paso máis e comunica agora o despedimento "de facto" a Ana, amparándose na perda de posto de traballo por exceder en seis meses de duración a sanción. Argumento falso, porque a Ana non se lle impuxo ningunha sanción de seis meses, senón dous de dous meses e tres dun mes.
 
"Dende a Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Valladolid cremos que estamos ante un caso claro de represalias cara a unha traballadora na forma máis cruel que se pode facer na actual situación social na que vivimos: o despedimento", di un comunicado distribuído hoxe nas concentracións ás portas do Ecyl.
 
"O compañeiro de Ana María", engade a citada Plataforma, "está no paro, o seu salario é o único ingreso da familia e a perda do seu posto de traballo é botalos á miseria por unha única razón: esta traballadora actuou con dignidade e con responsabilidade social denunciando indicios claros de corruptelas no seu hospital".
 
A Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Valladolid afirma: "Non" podemos permitir "que os corruptos estean a gozar de liberdade e privilexios e as persoas que denuncian este cancro que sofre a nosa sociedade sexan represaliadas".
 
O director da Xerencia Rexional de Saúde, Eduardo Enrique García Prieto -que era director xerente do Río Hortega cando os feitos denunciados- e o director de Xestión do citado centro, Miguel Ángel Sánchez Asenjo, foron chamados polo Xulgado de Instrución número 1 para declarar como imputados, como presuntos autores de "delito de falsificación de documentos, usurpación de personalidade, apropiación indebida e, no seu caso, como posibles autores dun delito de suborno dos artigos 419 e seguintes do Código Penal". E aínda que quedou acreditado que os cursos non foran impartidos e si pagados, ademais de falsificadas as firmas dos traballadores, etc., a denuncia foi arquivada.
 
Este 1º de Maio, ás 14.30 horas tivo lugar unha concentración na porta principal do hospital Río Hortega. "Porque ese é o día e hora no que tería que reincorporarse e vaino facer".
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript