Maio de 2014
 
 

NÚMERO 230 - 05/05/2014

   CUTUDC / Novidades

  MULLER
 

Outra muller asasinada polo terrorismo machista

María José Suárez López. Aida López Ramos. María Luisa Jiménez Jiménez. Mª Elena Rodríguez Quiroga. María Belén Expósito Vázquez. Cinco galegas mortas en apenas catro meses. Dúas delas en menos dunha semana. A última asasinada na madrugada deste mércores, no Polígono de Pocomaco, na Coruña.

 

  • Noticias relacionadas

 

As administracións non computan á sogra do asasino de Cervo, do mesmo xeito que non o farían no caso das ou dos menores. Seguen a contabilizar só os casos das mortas por violencia na parella.
 
A violencia machista é unha das graves consecuencias que o patriarcado deixa na sociedade que impera. Nos medios de comunicación e na rúa preguntaranse o motivo da morte. Nós sabémolo: por muller. Non é un fenómeno cultural ou de clase social, a violencia contra as mulleres é transversal e aféctanos a todas.
 
Hai moitos síntomas que nos indican que non vivimos na democracia. O máis claro é que mentres este sistema patriarcal non se erradique, este sistema que se perpetúa baixo a premisa de que non somos donas de nós, que somos propiedade dos homes, nin haberá democracia nin pode haber igualdade real.
 
A ferramenta que pode combater a violencia e a discriminación machista é a coeducación nas escolas, onde se teñen que transmitir valores de igualdade tanto en dereitos como en oportunidades e non subvencionando centros que segregan por sexo e que perpetúan os valores tradicionais desa sociedade patriarcal que temos que erradicar, combatendo os roles sexistas que se transmiten na actualidade nun número moi importante de familias, en ámbitos relixiosos, a través dos medios de comunicación, no ámbito laboral, a través de anuncios publicitarios sexistas e alentadores da violencia contra as mulleres, mesmo en series de televisión, no cinema, na industria da música…, potenciando valores que só benefician aos intereses comerciais e capitalistas.
 
Denunciamos a pasividade do goberno da Xunta de Galicia e do goberno do Estado Español ante as mortes, que máis aló dos minutos de silencio institucional, non son quen de garantir a seguridade ás mulleres que denuncian, evitando que o maltratador se achegue ás vítimas (incluíndo como tales aos fillos e fillas), e facilitar que denuncien as que aínda non foron quen de dar o paso, tramitando as axudas económicas desde o momento que se solicitan (e non durante uns meses ao ano), e facendo un seguimento real de todo o proceso desde que se produza a denuncia até que se dita a sentenza (e mesmo despois). Uns gobernos que gastan cartos públicos en entidades ultraconservadoras, que lexislan contra os dereitos das mulleres, que recortan en servizos públicos, sociais e de saúde, que soben as taxas para acceder á xustiza, no canto de dotar de orzamentos suficientes ás políticas de igualdade e ás de prevención e actuación en violencia de xénero.
 
Tamén denunciamos o tratamento informativo que, por ter como protagonistas ás mulleres, se lles dá ás mortas, de xeito diferente ao de calquera outro asasinato, buscando a xustificación nas condutas dos asasinos que non se buscan noutros casos, denominando “violencia doméstica” cando deberan definila como o que é: violencia de xénero, violencia contra as mulleres, en definitiva, terrorismo machista.
 
Estamos hoxe eiquí porque queremos mudar unha situación insostible para as mulleres e porque forma parte da nosa responsabilidade. Queremos visibilizar o noso rexeitamento, que toda a sociedade entenda que  é a nosa vida a que está en perigo. Que non lle pertencemos a ninguén. E que non imos ficar caladas. Non imos gardar minutos de silencio polas vítimas. Imos saír á rúa todos os días que faga falta esixindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respecto, contra os valores patriarcais que perpetúan e consolida na sociedade esta violencia sexista.
 
Hoxe berramos ben alto: NINGUNHA AGRESIÓN, NINGUNHA MORTE SEN RESPOSTA!
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript