Abril de 2014
 
 

NÚMERO 229 - 28/04/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

Queremos Galego multiplica por oito as mobilizacións do Día das Letras

A plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades so o obxectivo de defender a lingua de Galiza, deu esta mañá unha conferencia de imprensa para presentar a “mobilización expansiva” que van realizar nas sete cidades galegas e en Foz o vindeiro 17 de maio ás 12 h.

 

  • Noticias relacionadas

 

Marcos Maceira, que é membro da xestora de Queremos Galego e que desde o vindeiro sábado 26 asumirá a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística, puxo a énfase en que “calquera adianto no país conta sempre coa situación do idioma”, pois “a lingua non só é un baremo da situación xeral da nación, senón tamén unha ferramenta que permite avanzarmos conxuntamente e que ninguén fique atrás”.
 
Maceira laiouse de que “das exitosas mobilizacións que tivemos nestes anos en defensa do galego a única resposta que tivemos do Executivo é unha proposta de sanción económica”. No entanto, o activista exclamou que “as tentativas do PP por criminalizarnos e por facernos calar van ter agora unh resposta clara e contundente: a multiplicación por oito das nosas mobilizacións”. “Convidamos a toda a xente que ame a lingua galega a que participe”, concluíu.
 
Carlos Callón, que continúa a ser presidente da Mesa até a Asemblea Nacional que se realizará o vindeiro sábado, animou tamén “o conxunto da sociedade galega” a participar “nas mobilizacións expansivas contra este goberno de dráculas, que nos chuchan a economía, a poboación e tamén a lingua”. Ao respecto, o activista apuntou que “Feijóo actúa como un capataz para converter Galiza nun almacén de obra barata e recursos para malgastaren, mais Galiza non é un almacén: é unha nación, con lingua propia, e imos saír a exclamalo as veces que fixeren falta”.
 
O tamén portavoz nacional de Queremos Galego destacou que “a sociedade galega protagonizou nos últimos tempos as maiores manifestacións en defensa dunha lingua que se deron en Europa e, até onde sabemos, no mundo” e confía en que as manifestacións e concentracións do próximo Día das Letras “continúen nese camiño, sendo unha nova mostra masiva de dignidade”.

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript