Abril de 2014
 
 

NÚMERO 229 - 28/04/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Universidade. Crónica do malgasto

Na Universidade da Coruña, o feito de ter, durante bastante tempo, unha importante cantidade de diñeiro de superávit estendeu a irreal imaxe de que esa circunstancia fundamentábase nunha boa xestión.

 

  • Noticias relacionadas

No PASquín anterior xa falamos de que parte dese saldo debíase a que a UDC conculcou dereitos laborais aos seus traballadores e traballadoras (como exemplo a non execución da Transitoria II do Convenio e a inexistente profesionalización da xestión), ademais desta circunstancia contratou gratis, a través da Xunta de Galicia, a traballadores e traballadoras ás que lles conculcou, tamén, os dereitos laborais. Isto, como xa indicamos, leva a que nestes últimos días, (cando a situación económica da UDC é totalmente distinta) se vexa na obriga de ter que afrontar o pago duns 160.000€ en concepto de atrasos a dúas traballadoras contratadas tipo Labora (despedidas en xaneiro de 2012) véndose, tamén na obriga a institución de contratalas sen que estas persoas pasasen polos procesos de selección correspondentes.
 
Se “magnífica” foi a xestión de persoal a de proxectos de investigación non lle vai á zaga. Un xulgado ven de decretar o embargo de 183.863,22€ máis 55.000€ en concepto de intereses e costas pola mala xestión do proxecto de investigación denominado PEIXE VERDE.
 
O proxecto Peixe Verde subvencionado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía tiña como un dos seus beneficiarios á Universidade da Coruña. A Universidade da Coruña derivou a xestión económica e administrativa do proxecto á Fundación da Universidade que emitiu os correspondentes xustificantes de gasto das subvencións e axudas recibidas. Os xustificantes emitidos pola Fundación non se validaron no Ministerio ao ser emitidos por unha entidade diferente (a Fundación) á que era a beneficiaria (A UDC). O feito de que as dúas entidades sexan persoas xurídicas distintas levou ao Ministerio á revogación parcial das subvencións e axudas concedidas e a instar a devolución das cantidades recibidas.
 
A xestión deste proxecto non se pode cualificar máis que de desastrosa pois as cousas non quedan aquí. A Universidade, xa sen subvención, no ano 2008, seguiu mantendo o proxecto gastando dos seus propios fondos a cantidade de 139.580€.
 
A suma do malgastado neste proxecto é ben fácil de facer:
 
183.863,22€ de embargo
55.000€ de intereses e costas
139.580€ desembolsados pola propia Universidade
 
Total: 378.443,22€.
 
Non descartamos que o acontecido co proxecto PEIXE VERDE poida estar pasando, neste momento, con outros proxectos. Mentres que o malgasto non parece ter relevancia para o equipo de goberno da Universidade, o sr. reitor xa comunicou aos traballadores e traballadoras que para o ano 2014/2015 haberá que recortar, unha vez máis, a acción social.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript