Abril de 2014
 
 

NÚMERO 229 - 28/04/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Os neoliberais que nunca se foron

Imaxinen un cirurxián ao que se lle morren unha e outra vez os pacientes na mesa de operacións; un enxeñeiro ao que se lle caen as pontes; un maquinista que descarrila trens con frecuencia. Á marxe das consecuencias penais de cada caso, o certo é que non se lles permitiría volver entrar nun quirófano, proxectar unha obra máis, nin achegarse a unha estación.

 

  • Noticias relacionadas

 

Por que cos economistas é diferente? Por que seguen nos seus postos os autores intelectuais disto que chaman crise? E non só nos seus postos: influíndo máis que nunca sobre a política de países e organizacións.
 
Houbo un momento, alá por 2008-2009, en que parecía que a ortodoxia económica neoliberal se vería obrigada a pedir perdón e reconsiderar as súas posicións. Os seus principais representantes mostrábanse prudentes, saían do escenario, eran sinalados como responsables por documentais e reportaxes que ademais destapaban a súa lucrativa intimidade co poder financeiro. Mentres os dirixentes mundiais falaban de "refundar o capitalismo", os teóricos do libre mercado e a desregulación adoptaban un perfil discreto, o que permitía oír outras voces, de economistas heterodoxos e críticos.
 
Que pasou despois? Como é posible que non só conserven os seus postos e a súa influencia, senón que ademais estean a reconquistar o pouco terreo cedido, expulsando ás voces críticas e recuperando a hexemonía ideolóxica?
 
Volvamos a vista atrás, porque se nos esquece de onde vimos. Parte da súa vitoria consiste precisamente niso: conseguiron que a orixe financeira da crise se esvaia, que quitemos o foco do sector bancario, as burbullas hipotecarias e a alquimia bolsista, para colocalo sobre os Estados. Xa non falamos de banqueiros, brokers, axencias de cualificación e produtos tóxicos, senón que hoxe toda a atención está sobre os Estados, o gasto público, a débeda, a austeridade, os recortes, as privatizacións, o fin do Estado do Benestar. Unha xogada mestra, diabólica. Uns xenios.
 
Pero se volvemos a vista atrás e somos capaces de mirar por enriba da arañeira tecida, descubrimos que estaban alí. Eles. Os mesmos que hoxe seguen aquí, e dan leccións e marcan o paso. Estaban alí. Eran os que daban cobertura académica á desregulación financeira que quitou os freos á locomotora. Eran os que teorizaban sobre modelos que nunca se cumprían. Eran eles, estes, que prognosticaban futuros marabillosos que resultaron este presente miserable. E ademais facíano disfrazando de ciencia o que sempre foi ideoloxía.
 
Dende as súas cátedras, os seus centros de estudos, as súas tribunas, os seus organismos internacionais, os seus comités de expertos, o seu asesoramento a gobernos, os seus postos en órganos supervisores, as súas conferencias, as súas reunións internacionais, os seus libros e os seus medios afíns, puxeron letra á música que tocaba a orquestra financeira, os gobernos cantaruxaban e os cidadáns bailabamos porque era a única que soaba, teimuda, pegadiza.
 
Estaban aquí tamén, entre nós, teorizando sobre o modelo produtivo, a burbulla que non era tal, os prezos que nunca caerían, a necesidade de máis desregulación, menos impostos e menos dereitos sociais, os beneficios da xestión privada do público e da privatización de todo o privatizable.
 
Xa sabemos o que pasou despois, aínda que agora parece que se nos esquece: o sistema financeiro fixo crac, a nosa burbulla fixo boom, a economía fixo puf, o euro fixo ai, e todo caeu. Houbo que tapar buratos abisais con billóns saídos dos nosos petos, e aquí estamos hoxe, con moito do estrago privado transferido, socializado e convertido en estrago público.
 
Non é que volvesen. É que nunca se foron. Os mesmos economistas neoliberais que nos fixeron descarrilar, foron os que diagnosticaban a crise e receitaban as políticas para superala, e os que hoxe marcan o camiño da suposta recuperación e deseñan o futuro.
 
E fano sen ceder un só dos espazos que dominaban, mesmo engadindo outros novos. Os mesmos expertos falidos de onte son os que hoxe forman os comités de expertos que propoñen reformas aos gobernos. As mesmas axencias de cualificación que soubemos tramposas, hoxe seguen poñendo nota a países e empresas. Os mesmos que non viron o perigo na ruleta rusa financeira, son os que hoxe fan probas de risco á banca.
 
Por non falar de dous espazos principais de produción ideolóxica: a universidade e os medios de comunicación. En canto á primeira, é escandaloso como a formación de novos economistas e a investigación seguen en boa parte en mans dos mesmos neoliberais. E se falamos de medios, despois deses primeiros momentos en que as voces críticas recibiron máis atención, hoxe volve o discurso único, con economistas ortodoxos e feramente neoliberais copando faladoiros televisivos de grande audiencia (onde lles poñen lousa para que nos dean leccións), páxinas de opinión, minutos informativos cada vez que se require a opinión dun "experto".
 
Volvendo ao primeiro parágrafo, ata cando imos seguir deixando que nos operen, cruzando as súas pontes e subindo aos seus trens? Cantas veces máis temos que sufrir os seus "accidentes"?

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript