Abril de 2014
 
 

NÚMERO 228 - 14/04/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Paco Castro
 

Universidade pública

Máis ala das funcións que formalmente se lle asignan á universidade de xerar, preservar e transmitir o coñecemento, creo que a universidade ten unha responsabilidade social moi importante que inclúe poñer ese pensamento e ese coñecemento xerado ao servizo de causas sociais.

 

  • Noticias relacionadas

 

Digo de causas sociais e non “ao servizo da sociedade” por que hai moita xente que, como Núñez Feijoo, non conciben o termo sociedade sen que leve as siglas SL ou SA detrás. A sociedade está no dereito de esperar e ten a obriga de esixir que a universidade sexa un espazo de referencia, onde a reflexión e a crítica formen parte da normalidade e constitúan unha expresión de liberdade. A universidade, por tanto, non pode seguir actuando como unha administración submisa e silenciosa fronte ao poder político que a está estrangulando financeiramente.
 
O manual privatizador establece como liñas mestras, as presións do mercado e un maior control das estancias de goberno. A pouco que observemos, veremos a aplicación moi desenvolvida do manual nas nosas universidades. Veremos que os efectos sobre a autonomía universitaria son desbastadores e como, pouco a pouco, se vai erosionando a capacidade de resistencia á gran presión do capital financeiro para conquistar o negocio dos Servizos Públicos e controlar un espazo tan estratéxico como a educación superior e a investigación. Apropiarse da investigación, do coñecemento xerado para o propio negocio e crear os perfís d@s titulad@s universitari@s que precisa. Calquera sociedade que queira ser democrática e aspire a conquistar un futuro de xustiza e liberdade, necesita dunha universidade capaz, autónoma e libre; e iso é o que está en xogo.
 
Comezamos a campaña para as eleccións na Universidade de Santiago (USC), hai dous candidatos e os dous cun discurso moi parecido, alén dos matices e das distintas énfases: hai que modernizar a universidade e conseguir financiamento. Porén, con ton apoucado na esixencia de recursos públicos e resaltando a estratexia de buscar financiamento privado nos caladoiros oportunos; unha reacción de supervivencia que, en certo modo, contribúe ao éxito dos obxectivos privatizadores. Se o mercado compra directamente a investigación ao persoal investigador, nin este nin as universidades determinan os proxectos de investigación. Non son os intereses sociais senón os intereses das grandes corporacións os que prevalecen. Aínda que non chegase a producirse a compra directa de investigación lixo, estratexicamente manipulada serve aos intereses das empresas compradoras. Sempre ten máis prestixio se vén dunha universidade pública, de momento.
 
Hoxe todo discurso enmarcado no xogo democrático normal é falso. Falar dun proxecto de universidade para o futuro obviando o financiamento público imprescindible e a autonomía, ambas cuestións intimamente relacionadas, é falso; pois o goberno da Xunta neste caso, ademais de asfixiala financeiramente, intervén violentando a súa autonomía e incumpre os acordos e as promesas de financiamento para impedir calquera planificación.
 
Por iso as universidades están diante dunha clara disxuntiva: resignarse a decidir que membros amputa e vender a alma ao demo, ou revelarse e abandonar a estratexia da aparencia. O estúpido farol de que estamos sempre nos postos altos dalgún ránking; emulando ás empresas que teñen que mostrarse no mercado coa máscara do éxito. As universidades están afectadas dunha especie de rankinite aguda que, ás veces, resulta difícil de entender; sobre todo porque enredan no escenario que lles marca a Xunta; competindo pola miseria en vez de cooperar para esixir desde a unidade o financiamento público e a autonomía imprescindibles.
 
Praza Pública

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript