Abril de 2014
 
 

NÚMERO 228 - 14/04/2014

   CUTUDC / Novidades

  NA ENCRUCILLADA
 

Eleccións USC 2014, outra encrucillada

Ao comezo do 2012 un colectivo de traballadores e traballadoras da USC no Campus de Lugo (PDI e PAS) decidimos impulsar un foro de debate e de reflexión sobre a encrucillada social na que nos atopabamos.

 

  • Noticias relacionadas

 

Preguntabámonos como dende a universidade poderíamos facer unha achega ao deseño de vías de saída á crise económica e social na que seguimos inmersos. Levamos desde daquela organizando actos, debates e charlas nas que a comunidade universitaria tivo ocasión de reflexionar sobre diversos temas de actualidade.
 
Durante este tempo algúns de nós fomos tamén claustrais e temos partillado moitas veces a insatisfacción que nos provocaba asistir aos claustros sen ter feito, na maior parte das veces, un debate previo con outros compañeiros e compañeiras, único xeito de acudir a este foro sen ser unicamente representantes de nós mesmos.
 
Iníciase un novo período electoral no que renovaremos o claustro e a reitoría. Dende o colectivo “Na Encrucillada” non imos tomar partido por ningunha das dúas candidaturas á reitor (os profesores Antonio López e Juan Viaño). Unicamente queremos manifestarlle anticipadamente a ámbolos dous a nosa disposición a traballar e facer achegas crítico-construtivas a aquel que teña que gobernar a universidade nos vindeiros catro anos.
 
Como colectivo, perante este proceso electoral, si temos definido un punto de partida: A defensa dunha universidade pública que ten como principal labor prestar servizo á sociedade que a mantén. Servizo a través da formación dos estudantes, da investigación e da transferencia de coñecemento vinculado tanto á economía produtiva como ao desenvolvemento social e cultural do país. Estamos convencidos de que o valor da USC non radica nos seus muros, senón no seu principal activo: as persoas. Temos por diante unha etapa na que é necesario a posta en valor deste activo, conseguir implicar e motivar ao persoal para maximizar un retorno positivo.
 
A nosa análise do procedemento a seguir para conseguir este obxectivo pasa por fomentar o diálogo cos diferentes sectores da USC, que deben sentirse parte da toma de decisións, polo que tamén avanzariamos nunha maior vertente democrática. Por parte do colectivo universitario, tamén se deberían superar certas dinámicas de ver e facer a política universitaria circunscrita ao interese dun grupo reducido, xa sexa grupo de investigación ou departamental.
 
En liña con este procedemento nós formulamos unha proposta de candidatura ao claustro nos diferentes centros do Campus de Lugo composta por algúns dos que participaron nas nosas actividades nos últimos anos, que partillan esta visión e que están dispostos a facela chegar ao que debe ser o principal órgano de debate da USC: o claustro.
 
Temos diferentes propostas que pensamos poden supoñer achegas positivas, a primeira delas é o compromiso por unha dinámica de traballo transparente e participativa, que se concreta no compromiso polas candidatas e candidatos a organizar periodicamente reunións abertas neste campus para informar da actividade no Claustro, debater con antelación sobre os temas que se leven, e, por suposto, recoller e analizar aquelas propostas e iniciativas necesarias para impulsar e mellorar a situación particular deste campus e da USC en xeral.
 
Somos un colectivo aberto a calquera achega. Todos aqueles que pensedes que este é o xeito de facer as cousas, afrontar os problemas e procurar as súas respostas estades convidados a participar. Deste xeito enriquécese o debate e fortalécese a construción das tan necesarias dinámicas de traballo colectivas.
 
De xeito provisional, á espera doutros candidatas e candidatos que queiran sumarse a esta iniciativa, a candidatura está conformada por:
 
Sector profesorado con vinculación permanente
ESCOLA POLITÉCNICA SUPERIOR
García Arias, Ana Isabel
García Berrios, Julián Jesús
Ruiz Nogueiras, Benigno
Santamarina Rios, Duarte
Valcárcel Armesto, Montserrat
 
FACULTADE DE ADMINISTRACIÓN E DIRECCIÓN DE EMPRESAS
Pereira López, Xesús
 
FACULTADE DE CIENCIAS
Gómez Forneas, Esther
Maneiro Maneiro, Marcelino
 
FACULTADE DE HUMANIDADES
Cabana Iglesia, Ana
 
FACULTADE DE VETERINARIA
López Alonso, Marta
 
Restantes categorías de persoal docente e investigador
 
CIENCIAS SOCIAIS E XURÍDICAS
Candia Durán, Francisco Xosé
 
ENSINANZAS TÉCNICAS
López González, Francisco Javier
 
Publicada por Na Encrucillada

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript