Abril de 2014
 
 

NÚMERO 228 - 14/04/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN. Ignacio Escolar
 

A caixa B, C, D, X, E, Z...

Non foi unha mazá podre no cesto das sas. Era a forma de funcionar da dereita dende que se fundou o partido, dende os tempos de Alianza Popular e Manuel Fraga

 

  • Noticias relacionadas

Non é que o PP tivese unha caixa B. É que non hai letras en todo o abecedario para nomear todas as contabilidades en negro que manexaba o partido incompatible coa corrupción que hoxe nos goberna. "O PP levaba unha caixa B para as eleccións en todas as provincias e rexións", confesa o ex tesoureiro Luis Bárcenas. Non é só o seu testemuño. Todas as probas apuntan a que o PP se financiou ilegalmente de forma cotiá, organizada e sistemática. Non foi anecdótico. Non foi un caso excepcional e illado. Non foi unha mazá podre no cesto das sas. Era a forma de funcionar da dereita dende que se fundou o partido, dende os tempos de Alianza Popular e Manuel Fraga.
 
Pasou máis dun ano dende que saíron á luz e os papeis de Bárcenas xa non son "a sombra da sombra dun indicio manipulado", como os cualificou Mariano Rajoy nun plasma moi afastado. A palabra do ex tesoureiro do PP non vale gran cousa; cambiou de versión demasiadas veces e probablemente segue mentindo sobre a orixe dos seus millóns en Suíza. Pero, máis alá do seu testemuño, os informes policiais e as probas documentais avalaron a autenticidade da súa contabilidade manuscrita.
 
Xa hai máis de medio centenar de apuntamentos que se sabe que son certos e a posibilidade de que Bárcenas mesturase datos reais con outros falsos parece remota: os informes periciais concluíron que esas follas se escribiron ao longo de varios anos. Os papeis son o que parecen, e o proceso xudicial xa non discute a súa autenticidade, senón a responsabilidade penal dos que neles aparece.
 
A estratexia do PP e o Goberno ante esta crise está moi clara. Equipararon a responsabilidade política coa legal para, desa forma, sortear o escándalo coma se non pasase nada.
 
Por agora funciónalles.
Os voceiros do partido refúxianse no "xa dixemos todo o que tiñamos" que "dicir" cada vez que alguén pregunta polas novidades do caso.
 
O presidente aplica o seu marianismo -tan ben explicado neste artigo de Antonio Orejudo- para disolver a presión.
 
Os grandes medios de comunicación están cada día máis premidos por un Goberno hostil contra aqueles xornalistas que exercen o seu traballo.
 
E a opinión pública asume, con total normalidade, que nos goberna un partido enlamado ata o colo na corrupción, pero que, total, todos os políticos son iguais.
 
Hai un ano, os dirixentes do PP temían que Bárcenas puidese dinamitar o partido. Hoxe móstranse en privado máis que tranquilos. Asumen que xa non haberá máis desgaste por moito que aparezan probas novas -que as hai- que reforcen a autenticidade dos papeis ou as mil e unha xestións, presións e manobras xudiciais que fixo o PP en defensa do tesoureiro cando aínda non era un traidor cos seus.
 
Por agora, insisto, funciónalles. Non obstante, o PP fai mal en calcular que esta historia rematou e que o caso Bárcenas está amortizado.
 
A pesar das mil e unha manobras coas que intentan premer os policías e achicar a marxe de manobra dos xuíces, a investigación do xuíz Pablo Ruz segue adiante. Seguen aparecendo pozos negros, como esa conta de 460 millóns de titulares aínda descoñecidos. E seguen pendentes de chegar a España algunhas comisións rogatorias a Suíza e outros paraísos fiscais para coñecer os titulares dalgunhas contas cuxos nomes Luis Bárcenas non quere dar -neste interrogatorio de novo esquecéronselle eses detalles-, pero que máis tarde ou máis cedo acabaremos coñecendo.
 
O caso Bárcenas aínda ten carrete. A dúbida é outra. Despois de comprobarse que esa contabilidade é certa e que o PP se financiou ilegalmente durante décadas, con diñeiro de doadores que contrataban coa administración e que o partido non declaraba, que máis ten que pasar para que alguén no PP asuma as súas responsabilidades?

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript