Abril de 2014
 
 

NÚMERO 227 - 07/04/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Ponme guapo, Montoro

Hoxe arranca a campaña da renda, e eu estou a pensar pedirlle ao ministro Montoro que se ten un anaco libre me bote unha man coa miña declaración.

 

  • Noticias relacionadas

 

Se ma fai el, estou seguro de que me sae a devolver, e ata me devolven polos anos anteriores en que me saíu a pagar. Abonda que aplique sobre os meus ingresos e retencións o mesmo método que usa coas contas públicas este xenio dos números.
 
Este ano volveuno facer. Logrou que o déficit público só se pase unhas centésimas do autorizado por Bruxelas: o 6,62% fronte ao 6,5% que nos marcaron como obxectivo para 2013. Visto o visto, eu non me apostaría unha cea a que en 2015 non cumpriremos o 4,2% a que estamos obrigados. Parece unha loucura recortar en dous anos outros 25.000 millóns para chegar a ese 4,2%, pero con Montoro nada é imposible. O mago de Facenda é capaz de conseguir o superávit nun par de anos máis. E con baixada electoral de impostos, xa verán.
 
Que digo un par de anos. En realidade xa conseguimos superávit, o que pasa é que as autoridades europeas son moi meticulosas e non nolo recoñecen. Onte Montoro anunciou eufórico que xa temos "superávit estrutural primario", o que traducido significa que, se non contásemos a débeda pública, os intereses e os efectos da crise, estariamos xa en superávit. Só un tiquismiquis ponse a mirar a débeda, os intereses, a crise e outras minucias milmillonarias.
 
Parte do éxito contable de Montoro vai por aí: non deixes que uns miles de millóns te estraguen unha bonita cifra de déficit. O truco está en non contabilizar como déficit moito do diñeiro que non obstante gastamos e debemos. Pasa coas axudas á banca, rescate incluído, cuxa condición sempre é que non compute como déficit. Temos que devolver decenas de miles de millóns, pero mentres non nos estraguen a contabilidade, nada que temer. Outro tanto cos 2.400 millóns para rescatar as autoestradas falidas: utilízase a débeda converténdoa en bonos, e así non a contamos.
 
Non só lle pediría a Montoro que me fixese a declaración da renda. Se se prestase, pediríalle tamén que me cadrase o presuposto familiar para chegar a final de mes, que é outra das súas especialidades. Igual que o final de mes da familia media adiántase cada vez máis, así fai Montoro co final de ano, avanzándoo mes e pico ao seu peche habitual. O ministro de Facenda tomou as uvas de 2013 en novembro, que foi cando pechou o ano en materia de gasto: deu orde de que despois do 25 de novembro non se computase ningún gasto, e que as facturas que chegaran despois desa data pasasen a 2014. É dicir, o que facemos todos a final de mes: tirar de tarxeta ou deixar a deber ata o mes seguinte.
 
Despois de que me faga a declaración e me arranxe o final de mes, aínda podo pedirlle un terceiro favor ao ministro: que me poña guapo. Que se traia o seu maletín e me poña guapo, pero guapo, guapo, como el sabe. A súa habilidade coa maquillaxe é admirable. El négao todo, di que de cosmética, nada, que a súa beleza é natural, pero o ano pasado xa Eurostat tivo que darlle un tirón de orellas e subirlle o déficit real, afeándolle a maquillaxe contable. A base de atrasar pagamentos e devolucións, consegue rabuñar outras poucas décimas de déficit público.
 
Aínda non lle pillamos o truco que usou esta vez, pero os analistas coinciden en sinalar o sospeitoso que foi o último trimestre de 2013. Entre outras cousas estrañas, reduciuse o gasto público malia aumentar o número de empregados públicos e pagar a extra aos funcionarios. Ule raro, pero nin caso. É só Montoro.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript