Abril de 2014
 
 

NÚMERO 227 - 07/04/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Comité de Empresa. Reunión co xerente

O pasado día 1 de abril o novo Comité de Empresa tivo a primeira reunión co xerente. Despois da protocolaria presentación dos novos compoñentes pasamos a tratar os temas que previamente anunciaramos para a súa discusión.

 

  • Noticias relacionadas

 

Roupa de traballo. Tal e como determina o Convenio Colectivo no seu Artigo 50 a roupa solicítase, preferentemente nos meses de xaneiro e febreiro e as solicitudes deben facerse efectivas no prazo máximo de dous meses dende a súa concesión.
Próximo a rematarse o prazo máximo no que a universidade debe satisfacer as peticións, e como observamos que a Universidade comeza a barallar opcións diferentes ás actuais para a súa entrega, reclamamos o cumprimento do establecido no Convenio Colectivo.
 
O xerente sinala que se cumprirá o establecido no Convenio. Que si e certo que barallan a opción de subministrar a roupa de traballo adxudicándoa mediante licitación. Pensa que, deste xeito, se producirá un aforro nesta partida orzamentaria.
 
Puxemos de manifesto que, de acudir a esta nova opción, a entrega da roupa non se faría no prazo sinalado no Convenio Colectivo. Os prazos da licitación (aínda non está preparada) levarían a que se prorrogase indefinidamente a entrega da roupa.
 
O xerente comprométese a entregar a roupa, no prazo establecido no Convenio e do xeito que se ven facendo até agora.
 
Laboratorio de Análises de Augas, cobertura de praza de Técnico superior. Reclamamos á Xerencia o cumprimento do establecido no Anexo V do Convenio Colectivo que no seu Artigo 3 indica:
Cando non existan listaxes de espera nalgún grupo ou categoría profesional, a Universidade convocará procesos de selección en que estará garantida a publicidade, ou ben habilitará outras listaxes por afinidade, sendo neste caso preceptivo e vinculante o informe do Comité de Empresa.”
 
No proceso seguido para a cobertura da praza mediante contratación eventual, aparte das irregularidades detectadas, non se seguiu o procedemento indicado posto que non se solicitou o preceptivo informe ao Comité de Empresa.
 
Responde o xerente indicando que, como a praza a cubrir, na RPT figura como de funcionario/a, seguirase o procedemento establecido na normativa de funcionarios.
 
Falamos xa, das irregularidades detectadas na evolución desta convocatoria, coas compañeiras e compañeiros representantes do PAS funcionario.
 
Alternativas para que os/as traballadores/as con contrato interino, con domicilio na Coruña e que desempeñan o seu posto de traballo en Ferrol poidan ter acceso a un posto na localidade onde teñen a súa residencia.
 
O xerente acepta estudar a posibilidade de dar satisfacción a esta demanda xa formulada noutras ocasións. Estudaraa e, de non haber impedimento legal, levarase a efecto, non se lle ocorren motivos para que non se poida realizar.
 
Comisións de servizo ás que non pode accede o persoal laboral non funcionarizado.
 
Instamos a que nas convocatorias de comisión de servizo se teña en conta ao persoal non funcionarizado da mesma categoría que a da praza que se convoca.
Indicamos que, de non aceptar a Xerencia directamente a proposta, trasladarémola á seguinte reunión da Comisión de Funcionarización.
 
O xerente entende que a decisión debe ser tomada na Comisión de Funcionarización.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript