Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 226 - 31/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - Paco Castro
 

Nunha presa de terra

O vindeiro martes 1 de abril, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda terá lugar a presentación do libro "Nunha presa de terra" na que estarán o autor, Paco Castro Alvaredo, e Xosé Manuel Pereiro, Decano do Colexio de Xornalistas de Galicia. Será as 20:00 horas, no salón de actos con entrada aberta.

 

  • Noticias relacionadas

 

Paco Castro Alvaredo (O Incio, 1953) é membro do PAS da Universidade de Santiago de Compostela. Afeccionado a escribir desde a época da escola, este traballador da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, retrata na súa primeira novela a esencia dunha cultura labrega desaparecida nos últimos anos do século pasado.
 

Esta é unha novela con moitas máis cousas, pero eu fíxome sobre todo nunha: a portentosa descrición da vida labrega de cando Paco Castro e mais eu eramos tamén nenos labregos, el por terras do Incio e eu pola Terra Chá, que ó fin e ó cabo vénvos sendo o mesmo. Pero aquí non hai ningún etnografismo, hai vida. Os personaxes son verdadeiros: son persoas, non tipos. Eu non os coñecín, pero recoñézoos con todas as súas luces e sombras, con todas as súas infinitas facetas: o pai atormentado polo seu alcoholismo irremediable, a prodixiosa mai intelixente e valorosa e triste, o amor imperfecto pero fatídico entre os dous, a esperanza terque no futuro. E o neno que medra e cambia. E a vida tal como é, ou como era.
 
Coincide o tempo desta novela cunha mudanza feroz: Paco Castro e mais eu nacemos case na agricultura neolítica, e nos anos da nosa infancia e mocidade unha cultura milenaria foi destruída sen dar lugar a algunha cousa nova e propia, senón a unha aculturación, a unha asimilación, a unha colonización. Isto é algo que tamén conta John Berger de sitios que chamamos Francia. É o mesmo: Paco Castro cóntao de nós, e tampouco non fai etnografía, porque el está radicalmente da parte de dentro.
 
Podiamos meternos en comparanzas, pero isto é diferente: diferente das grandes novelas de nenos labregos da nosa literatura, que son, digo eu, as Aventuras de Alberte Quiñoi e as Memorias dun neno labrego. Isto é outra cousa: está máis preto de nós. E doe máis. Cantas veces pensaría eu en escribir unha novela así, e nunca me atrevín! Grazas a Paco Castro por escribila e darma a ler.
 
Darío Xohán Cabana
 
Para case todos nós, as portas abren camiños, isto é, ofrecen o acceso ao coñecemento, á viaxe, representan espazo de tránsito e, polo tanto, espazos para a iniciación… Paradoxalmente, na novela de Paco Castro Alvaredo todo iso chega grazas a unha porta pechada, unha non-porta física. Dicimos “grazas a” e non “a pesar de”. Esta non-porta propicia a apertura de portas interiores, profundas, trascendentes para a vida do narrador-protagonista: os camiños da reflexión e da recuperación das lembranzas e a vía cara á resituación das experiencias vividas quedan, desa maneira, francos. A porta que poboa a novela acaba sendo así unha porta-ponte ao interior, ao agochado, ao profundo, ao eu.
 
Tránsito, cambio de ciclo, renacer… no limiar da porta sitúase o movemento, o pasado e a posibilidade dun futuro, a memoria e o que aínda non é. Desde a ambigüidade e a transición á que nos convoca, a porta remítenos á fraxilidade das portas da memoria, pero tamén á súa transparencia, cando estamos abertos a ver a través do noso pasado.
 
Na novela a acción nace dun peche fortuíto, accidente inesperado que sorprende o protagonista e o obriga a mirarse no espello interior. Paradoxos da vida, unha porta pechada abre outras mil, de saudades e de lembranzas, recuperando as conexións entre mortos e vivos, entre pasado e presente, pontes entre a potencia telúrica da natureza no Incio que acolleu a infancia e a vida urbana que enmarca a vida adulta.
 
É bo abrir esta porta.
 
Teresa Bermudez Montes
 
Nunha presa de terra

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript