Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 226 - 31/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Desarmar os violentos

É urxente desarmar os violentos antes de que aconteza unha desgraza. E postos a desarmar, empecemos por quitarlles a pistola aos policías que interveñen en protestas cidadás..

 

  • Noticias relacionadas

 

Dígoo moi en serio: despois da quenta destes días, vendo que xa houbo dúas armas desenfundadas, e á vista do estado de ánimo dalgúns axentes, é unha irresponsabilidade que na próxima manifestación os antidisturbios leven unha arma de fogo na cartucheira.
 
En ningunha manifestación dos últimos anos houbo necesidade de disparar. Tampouco na do pasado sábado, onde por moito que se repita non estivo en risco a vida de ningún policía. Non máis do que o puidese estar a vida de moitos manifestantes nestes anos, cando unha porrada ou un pelotazo mal dados podían ter causado máis que feridas. As unidades antidisturbios teñen recursos abondo para neutralizar calquera situación sen necesidade de disparar, así que deixen as pistolas no armeiro antes de poñerse o casco a próxima vez, e aforramos accidentes.
 
O seguinte paso no desarme dos violentos é o desarme verbal, para desactivar esa outra violencia: a dos que dende o sábado repiten unha e outra vez que se está a rifar un morto, que os "violentos" buscan un policía morto ou un cadáver propio para incendiar máis a rúa, e insisten en informacións que se acaban demostrando falsas, pero que sempre conteñen a mesma linguaxe: matar, mortos.
 
Onte falaba o director xeral da Policía de " escalada de violencia", e a primeira escalada de violencia que hai que deter canto antes é a verbal: os ánimos duns e outros están demasiado acendidos, e non admiten unha soa gota de gasolina retórica. Tanto os manifestantes que levan anos aguantando golpes, coma os axentes que o outro día se levaron o seu, e os policías que non recibiron pero que se senten solidarios cos seus compañeiros, necesitan ser arrefriados antes do próximo enfrontamento.
 
A dramatización non beneficia a ninguén. E por moito que repitan unha e outra vez os vídeos do sábado, hai que dicir que o 22 M non pasou nada tan excepcional. O parte médico final foi o mesmo de tantas manifestacións nos últimos anos: dentes rotos, cabezas abertas, traumatismos, conmocións cerebrais. A única diferenza foi que esta vez a dor estivo máis repartida: recibiron tamén os policías, mentres que os manifestantes (que tamén se levaron o seu o sábado) levan anos recibindo porradas, pelotazos, patadas.
 
Nesa dor mal repartida dos últimos anos, a maioría das veces tratouse de cidadáns agredidos sen provocación previa, sen estar encapuchados nin lanzar unha soa pedra. A colección de imaxes de abusos policiais está aí para quen queira vela, e tamén axuda a entender o que sucedeu o sábado: como ademais dos infiltrados propios e alleos puido haber tamén manifestantes que, sen estar na primeira fila, sen vir de casa con pedras nos petos, quedaron alí, avultaron a retagarda, xalearon os ataques á policía ou mesmo tiraron algunha pedra. A alguén lle sorprende, despois de tantos golpes, multas, detencións e identificacións indiscriminadas, redadas, maltrato, chularía e sobre todo impunidade?
 
Para completar o desarme, habería que desarmar tamén os que tiran pedras ou arrancan sinais de tráfico para golpear, por suposto. Pero ese desarme non é tan sinxelo, non se resolve cun cacheo, xa que a rúa é un arsenal contundente ao alcance de calquera. O difícil é desarmar os argumentos con que algúns xustifican o mallo ao policía: o historial de golpes recibidos, a criminalización da protesta -incluída a pacífica-, a falta de vías democráticas para canalizar o malestar, o menosprezo dos gobernantes, o saqueo e a impunidade que chaman crise. Todo iso vai na mochila dalgúns "violentos", e ninguén parece interesado en desarmalos de argumentos, quitarlles os motivos para usar a violencia.
 
Insisto: estamos a tempo de evitar ese morto que algúns lamentan sen que se producise. Pero para iso hai que desarmar canto antes os violentos. Antes de que sexa tarde.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript