Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 224 - 17/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Servizos Informáticos. Cóllese antes a un mentiroso…

Hai moitos xeitos de referirse á mentira nos ditos populares ( seguro que sabedes rematar as seguintes: a mentira ten as patas moi cortas máis tarde ou máis cedo….. Cóllese antes a un mentiroso…). Isto sucedeu á hora de que Xerencia e os responsables do Servizo de Informática e Comunicacións deran explicacións sobre o control que sobre a actividade do CAU se intenta implantar.

 

  • Noticias relacionadas

 

O día 11 de marzo todo o persoal do Servizo de Informática e Comunicacións recibiu un correo electrónico do vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías e do “director do Servizo” cheo dos habituais tópicos.
 
No dito comunicado indicábase que o manexo de estatísticas é rutinaria nunha institución responsable. Dicíase que coa petición de datos non se pretende un seguimento da actividade persoal de cada traballador senón a agregación dos datos en cada área de traballo. Preténdese, en suma, averiguar os aspectos e actividades nos que se pode mellorar o traballo e a efectividade da área no seu conxunto e detectar as carencias, etc, etc, etc.
 
O que nós xa denunciamos e que o escrito dos responsables do servizo intenta ocultar aclárase realmente co tratado entre a Xerencia e a Xunta de Persoal o pasado día 13 de marzo no que, preguntado o xerente por esta circunstancia, xustificou a medida en que a implantación dos escritorios virtuais (proxecto estratéxico da universidade) non avanza á velocidade que se tiña previsto, que desde CAU se xustifica esta circunstancia na cantidade de tarefas que se teñen que resolver e que os responsables do servizo non observan no control de incidencias unha cantidade que poida dar pe a esta explicación.
 
As razóns que nós denunciamos deixounas claras o xerente. Trátase nin máis nin menos de que a posta en marcha dun control exhaustivo do traballo realizado na área
 
Hoxe, luns, temos unha reunión co xerente e os responsables do servizo no que lles transmitiremos as nosas consideracións e reclamaremos a reconsideración da medida.
 
No que respecta ao escrito enviado polos responsables do Servizo e asinado polo vicerreitor e polo “Director do Servizo”,.temos que indicar que o Sr. Víctor Carneiro que asina o comunicado non é Director do Servizo, ten nomeamento de adxunto á Vicerreitoría desde febreiro de 2012. O feito de que, nun documento como o enviado figure como director non se corresponde coa función que ten asignada. Isto tamén teremos que revisalo.
 
Xa sabedes o que opinamos da figura dos Adxuntos asignados a postos propios de PAS. Este persoal, para o voso coñecemento, ten unha redución da súa carga docente nun 50% (que se cubre coa contratación doutro PDI), ten unha compensación económica asimilada á de decano ou director dun centro e, ademais, o seu cargo administrativo serve como mérito para a súa promoción profesional. (É de dereito e sae moito máis barato que un PAS ocupe o posto, pero a profesionalización da xestión non interesou antes nin interesa agora).
 
A outra cuestión que sinalabamos no escrito anterior de denuncia da situación no servizo é o cambio dun traballador da área de CAU (Centro de Atención ao Usuario) a Sistemas, área encargada da implantación do VDI (Escritorios Virtuais). Quedou de manifesto na reunión entre Xerencia e a Xunta de PAS que non se comunicou ningunha alteración á representación dos traballadores e traballadoras.
 
O equipo de goberno ten que asumir que non somos peóns e que non nos pode tratar como si xogase connosco nun taboleiro de xadrez. A defensa dos nosos dereitos e a dignificación do noso traballo só existirán se as impoñemos.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript