Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 224 - 17/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  10 DE MARZO DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA
 

1000 palabras para Amador e Daniel

Na tarde do día 10, no barrio obreiro do Calvario, en Vigo, transcorría a homenaxe aos obreiros Amador e Daniel, mais non só. A CUT organizaba no Día da Clase Obreira Galega unha homenaxe a todas as obreiras e todos os obreiros que de maneira anónima e mesmo invisibilizada viñeron e veñen impulsando ao longo da nosa historia a roda dentada da dignidade obreira.

 

  • Noticias relacionadas

 

Fronte aos grandes relatos da historia do movemento obreiro galego, amoreadas de nomes de líderes, a CUT botábase a escribir así o noso pasado e o noso presente dunha maneira diferenciada: sen as traballadoras e traballadores do común, sen as persoas que resisten diariamente nos seus centros de traballo, que espallan a dignidade e solidariedade obreira como ferramentas primarias, que xeran xermolos de disidencia e seccións sindicais, non sería posíbel hoxe por hoxe sequera soñar a liberdade.
 
Por iso tomaba a palabra Hortensia Salvado, traballadora da limpeza na Universidade compostelá, para lembrar algo tan actual, tan necesario: “as mulleres estamos cada vez peor, e agora Gallardón quérenos poñer a parir”. Algo tan actual como as agresións do Capital sobre o corpo das traballadoras con pretendidas “reformas” como a da Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo. Algo tan actual tamén como a dificultade das obreiras para conciliar as súas xornadas laborais e o coidados, lembrando a dureza de combinar un traballo a xornada completa nunha empresa da limpeza mentres alternaba isto co coidado da súa nai e dos seus dous fillos.
 
Pola súa banda, Rafael, traballador do Naval vigués, daba a súa visión propia dun 1972 que viviu con 15 anos. Daba un recordo emotivo dunha revolta obreira da que tamén advertía “tivo moitos custos”. Presentaba así a historia de traballadores de Citroën, participantes das mobilizacións, que foran despedidos durante aquel período de conflito. E mesmo daqueles outros que sen seren despedidos, abandonaron os seus postos de traballo diante da sensación de soidade e derrota sindical, ao vérense sós, sen os seus de sempre camaradas e compañeiros, no seu centro de traballo.
 
A traizón sindical por parte das grandes centrais á idea da revolta obreira e da ruptura democrática tivo unha importante presenza na súa intervención. Chea de xenreira e indignación cun pasado e un presente nos que estes parasindicatos fan a función de bombeiros da grande patronal e das súas administración.
 
Continuaba Severino, traballador da Citroën xubilado, en presenza doutras traballadores e traballadoras dunha sección sindical, a da CUT, da que el mesmo se responsabilizou na multinacional de automóbiles. Este compañeiro e activo militante da CUT púñalle voz a un poema de Darío Xohán Cabana sobre os feitos do 1972.
 
Concluía Cris Branco, traballadora da hostalería e Secretaria Comarcal de Vigo da CUT, afirmando así a nosa vontade colectiva: “Hoxe estamos aquí porque manter a memoria viva é parte da importante da nosa loita, pois non esquecemos quen somos e como chegamos ata aquí. Non nos regalaron nada nin o van facer, e 42 anos despois a represión continúa. Converteron as metralletas en leis e reformas, que matan os dereitos e a liberdade e nos condenan á fame e á escravitude, mais a loita por ter cubertas as necesidades básicas para unha vida digna segue máis viva do que nunca”.
 
Se queres consultar unha galería de imaxes do acto do día 10, podes facelo aquí.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript