Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 224 - 17/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Acción social. O copago progre

Na resolución do día 11 de marzo o xerente levou a efecto a determinación do goberno da universidade de impoñer o copago na acción social, concretamente no seguro médico e a correspondente diminución económica na convocatoria xeral de axudas. O reitor, o xerente e os demais compoñentes do goberno da universidade, moi progres eles, xa non poden atribuírlle a Feijoo ou a Rajoy a exclusiva dos recortes. O recorte na acción social (non só afecta ao seguro médico) é só responsabilidade de Armesto e do seu equipo.

 

  • Noticias relacionadas

 

Para xustificar o inxustificable, insisten no discurso oficial intentado derivar a responsabilidade ao recorte orzamentario imposto por Feijoo. Sen pretender exculpar a Feijoo, que aplica con saña as políticas máis neoliberais que pretenden rematar con todo o público, incluída a Universidade Pública, reiteramos que o que fai Armesto é igualmente desprezable. Por un lado sabemos que o orzamento aprobado é superior ao liquidado no 2013, por outro lado preguntámonos se o Sr. Armesto, que impón o recorte en base a un suposto mantemento do cadro de persoal (non é certo, o cadro de persoal de administración e servizos diminuíu) sería capaz de despedir a algún traballador/a despois de destinar, no orzamento, máis de un millón de euros a unhas ilegais xubilacións do PDI.
 
Temos que sinalar, tamén, que consideramos ilegal e ilexítima a imposición retroactiva do copago no seguro sanitario do persoal. En ningunha comunicación da Xerencia se explicitou nin sequera esta posibilidade. No correo enviado polo xerente o 23/12/2013 indicábase textualmente:
 
“2ª/ Diante das dúbidas xurdidas respecto da vixencia dos seguros médicos do PAS concertados con ADESLAS, infórmase que mentres por parte da Xerencia non se comunique coa precisa antelación a súa cancelación, estes seguros permanecerán en vigor a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2014.”
 
Ese mesmo día a Xunta de Persoal informaba da reunión mantida coa Xerencia nestes termos:
 
“O xerente afirmou que as pólizas seguen en vigor en tanto non se comunique oficialmente o contrario. O aviso faraio con 1 mes de antelación como mínimo.”
 
Nas reunións coa Xunta de Persoal o xerente reiterou que o seguro de Adeslas estaba en vigor ata o 28 de febreiro, data antes da que non sería posible imputar o copago xa non só por razóns de irretroactividade senón porque ademais ese foi o período de negociación que a mesma Xerencia estableceu.
 
Se a Xerencia non reconsidera esta imposición (temos constancia de que a Xunta de Persoal tamén o requiriu), haberá que habilitar os recursos xudiciais correspondentes.
 
A mesma non retroactividade que se reclama para o copago no seguro de asistencia médica, reclamámolo tamén para a axuda alternativa. Segundo a Resolución de Xerencia, ás traballadoras e aos traballadores que opten á convocatoria xeral de axudas redúceselles a axuda en 143,52 euros en cómputo anual, cando estas axudas abarcan dende o 1 de novembro de 2013 ao 31 de outubro de 2014, dous meses, que non deberían computarse, novembro e decembro de 2013 por corresponder ao orzamento dese ano no que non se contemplaba recorte, e outros dous meses xaneiro e febreiro e a parte correspondente a marzo até a publicación da resolución, pola non retroactividade. Ver a convocatoria de 2013.
 
Outra cousa que debemos aplicar en vindeiras negociacións da acción social é que temos que ser nós, as traballadoras e traballadores as/os que determinemos en que conceptos queremos gastar esa aplicación orzamentaria e non aceptar as imposicións do reitor que, neste ano, impuxo continuar nas mesmas condicións que no ano anterior no referente á gardería e á matrícula gratuíta.
 
Temos unha universidade que se luce.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript