Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 224 - 17/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

A operación bikini da clase traballadora: nin donuts nin coca-cola

Esquézaseche a molesta "operación bikini": a mellor forma de conseguir un cuerpazo para o próximo verán é deixar de comer donuts e de beber coca-cola. Unhas cantas semanas sen probalos, e xa verás como esa tripiña desaparece.

 

  • Noticias relacionadas

 

Soa convincente? Non demasiado, seino. Pero como estes días sigo vendo moitos merendando donuts e bebendo coca-colas sen parar, penso que ao mellor o argumento dietético ten máis éxito que a chamada á solidariedade da clase traballadora.
 
Seino, cada vez hai máis mostras de apoio aos traballadores en folga, tanto os de Panrico en Barcelona coma os das embotelladoras de Coca-cola. E tamén sei que moitos cidadáns se tomaron en serio o boicot solidario dos produtos ou contribúen á caixa de resistencia. Pero aínda así paréceme pouco, sigo vendo moi sós aos traballadores.
 
Non sei se o saben, pero a folga dos traballadores de Panrico na planta barcelonesa de Santa Perpètua é xa a máis longa xamais vista en España. Onte cumpriron cinco meses de folga indefinida. Cinco meses sen traballar, cinco meses sen cobrar, cinco meses acudindo a diario á fábrica para formar piquetes. Están ameazados pola empresa, que os denunciou por folga ilegal (reclámalles 5 millóns de euros) e ata os acusa de envelenar os donuts. Pero eles seguen dispostos a chegar ata o final na súa denuncia dun ERE que deixaría á maioría na rúa. Na súa loita encontraron o apoio de moitos colectivos, sobre todo en Cataluña. Pero aínda así, eu sigo véndoos moi sós.
 
O de Coca-cola é máis coñecido. A empresa pretende pechar varias plantas. Tras a resposta dos traballadores e o dano á imaxe da marca, a dirección suavizou a proposta inicial, e formulou medidas "voluntarias". Todo o "voluntario" que pode ser aceptar unha indemnización ou un traslado cando sabes que vai pechar a túa fábrica si ou si. Tan "voluntarias", que os traballadores están a denunciar coaccións contra os "voluntarios". Por iso varias plantas están en folga indefinida dende hai semanas. Tamén neste caso o equipo encontrou a solidariedade de colectivos sociais, administracións e de moitos cidadáns que deixaron de beber. Pero con todo, eu sigo véndoos moi sós.
 
Non son as únicas empresas cuxos traballadores están hoxe ameazados por ERE e recortes salariais brutais. Nin serán as últimas, pois a reforma laboral facilitou como nunca que as empresas despidan e recorten mesmo con beneficios. Non son as únicas nin as últimas, pero as loitas de Panrico e Coca-cola convertéronse en algo máis que un conflito laboral, un pulso onde non só está en xogo o emprego de varios centos de traballadores.
 
A dimensión pública de ambos os dous conflitos, a resistencia dos afectados, o boicot a produtos que dependen moito da súa imaxe, o perfil das compañías (Panrico afundida por fondos de capital risco; Coca-cola unha poderosa multinacional), fai que moitos vexamos estas dúas loitas como algo máis, moito máis, na que todos nos xogamos algo, na que todos temos moito que gañar e moito máis que perder. Torcer o brazo neste pulso a Panrico e Coca-cola tería un efecto sobre a deprimida clase traballadora comparable á primeira dentada do donut e o primeiro trago de coca-cola: un subidón.
 
E non obstante, e malia tantos apoios como están a recibir, que sós están. Cantos seguen comendo donuts e bebendo coca-colas coma se o conflito non fose con eles, coma se cada novo ERE non facilitase os vindeiros; coma se cada despedido non afectase aos que xa están no paro; coma se cada traballador con dereitos que se vai á rúa non tivese relación co traballo lixo que se creará no seu lugar; coma se cada recorte salarial non premese á baixa sobre os nosos soldos.
 
Se todo isto non te convence, faino polo menos pola túa barriga, polo tipazo que lucirás este verán. Eu levo semanas sen probar nin un donut nin unha coca-cola, e mira que ventre plano se me está a poñer.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript