Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 223 - 10/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - PROLINGUA
 

Nin Sangenjo nin Orense son formas lexítimas

En libros escolares en castelán que se estudan en Galicia e en España, por desgraza, é habitual vermos topónimos galegos coa forma castelanizada, como ocorre con La Coruña para indicar a cidade onde naceu a escritora Emilia Pardo Bazán.

 

  • Noticias relacionadas

 

Nas últimas semanas, en telexornais e noutros programas das TV estatais, cando se informaba dos efectos dos fortes temporais no litoral e no interior de Galicia, víanse nas pantallas ou escoitábanse topónimos castelanizados como La Coruña, La Guardia, El Cebrero, Orense, Ginzo de Limia ou Arosa (para se referir á ría), no canto das formas correctas e lexítimas A Coruña, A Guarda, O Cebreiro, Ourense, Xinzo de Limia e Arousa, feito que ProLingua recentemente denunciou nun comunicado.
 
É posible que os que redactan eses libros de texto en castelán ou as noticias dos informativos en que se usa toponimia castelanizada, ignoren cales son as formas galegas oficiais hoxe; pero tamén pode ser que actúen así por seguir as recomendacións e ditames da RAE (Real Academia Española), en moitas ocasións enfrontados coa legalidade vixente.
 
No Diccionario panhispánico de dudas (a 1ª edición impresa é de outubro de 2005), tal como pode lerse no sitio web, La Coruña é nome tradicional en lingua castelá da provincia e da cidade de Galicia cuxo nome en galego é A Coruña, mentres que Orense é nome tradicional castelán da provincia e da cidade galega que en galego se denomina Ourense; e a seguir, a RAE ditamina que, agás en textos oficiais, “donde es preceptivo usar el topónimo gallego como único nombre oficial aprobado por las Cortes españolas, en textos escritos en castellano debe emplearse el topónimo castellano”, co que se establece un estraño e paralegal dobre uso de formas cando o Parlamento de Galicia oficializou para esas provincias e cidades unha única forma, a galega, e o mesma faría anos despois o Congreso dos Deputados, como a propia RAE recoñece nese dicionario de dúbidas.
 
Na última edición da Ortografía de la lengua española (2010), da RAE e da Asociación de Academias de la Lengua Española, na páx. 642 , ao referirse á toponimia das zonas españolas denominadas bilingües que contan con dúas formas, unha adaptada ou traducida á lingua castelá e outra propia da lingua autonómica cooficial, considérase que o natural é que os falantes escollan unha ou outra en función da lingua coa que elaboran o discurso; e xa que logo, “los hispanohablantes pueden emplear, siempre que exista, la forma española de estos nombres geográficos, y transferir aquellos topónimos que posean una expresión única, catalana, gallega o vasca”, que se exemplifica con Pasó la mayor parte del verano en Sangenjo, pero tuvo tiempo para visitar Bilbao y llegar hasta Gerona; Su familia vive en Sant Feliu de Guíxols. Idéntica recomendación, e con redacción semellante, pode verse na páx. 220 do recente El buen uso del español (2013), tamén da autoría da RAE e da Asociación de Academias de la Lengua Española, e cos mesmos exemplos de Sangenjo, Bilbao e Gerona. Como neste caso non se alude ás transferencias toponímicas das outras linguas españolas non aparece o topónimo catalán Sant Feliu de Guíxols, que así aparece citado –sen adaptar nin traducir-, na obra anterior.
 
No tratamento dos exónimos, a RAE considera que se a forma “tradicional” española correspondente a un topónimo estranxeiro non se usa ou pasou a considerarse politicamente inadecuada, esta situación forza a que se reemprace coa forma local do topónimo, proceso que a propia Academia considera irreversible cando esta última se asenta como preferida, como ocorre con Bremen (antes Brema) e Ankara (antes Angora) (páx. 646 da Ortografía), e o mesmo pasa co desusado Mastrique para o que se prefire a forma transferida Maastricht (páx. 645). A RAE recoñece que nos medios de comunicación se están a espallar exónimos que difiren dos tradicionais en castelán (Mumbai por Bombay ou Beijing por Pekín), pero considera que soamente se debe adoptar a nova forma cando sexa un verdadeiro cambio de nome, “fruto de una decisión política de carácter oficial”, como San Petersburgo por Leningrado ou Sri Lanka por Ceilán.
 
Consonte este tratamento que se lles dá aos exónimos cunha forma tradicional “politicamente inadecuada” e tendo en conta que houbo “decisión política” para cambiar oficialmente tantos nomes de lugares galegos que foran castelanizados ou deturpados, pedímoslle á Real Academia Española que revise os seus ditames e recomendacións sobre a toponimia galega (e tamén a catalá e a vasca), porque tanto se unha persoa elabora o discurso en castelán como se o fai en francés, en alemán ou en galego deberá dicir que o río Miño pasa por Ourense, que Emilia Pardo Bazan naceu en A Coruña e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Rianxo, que a ría da Arousa é o maior banco de marisco da península ibérica e que o actual presidente do goberno español pasa os veráns en Sanxenxo.
 
Pedímoslle á RAE que recomende transferir á lingua castelá topónimos galegos coma os acabados de citar, e tantos outros hoxe oficialmente recuperados, e que se consideren desusadas, anticuadas e politicamente inadecuadas castelanizacións, semicastelanizacións e deformacións como Orense, La Coruña, Rianjo, Arosa, Sangenjo, El Cebrero, Ginzo de Limia e outras moitas formas, e que estas recomendacións llelas faga chegar aos medios de comunicación, universidades, organismos administrativos centrais e autonómicos etc.
 
Por outra parte, en moitos mapas e atlas virtuais e impresos editados para todo o mundo no último decenio (Guía Michelín, Google Maps etc.) as únicas formas que aparecen son as autóctonas e legais galegas: Ourense, A Coruña, Rianxo, Sanxenxo, O Cebreiro, Arousa, Xinzo de Limia etc., polo que non damos comprendido esa teima a contracorrente e paralegal da RAE se non é por motivos estritamente ideolóxicos e extralingüísticos.
 
Xa que logo, Prolingua, plataforma apartidaria a prol da lingua galega, pídelle á RAE que non cíe, que non vogue cara a atrás, e que respecte a toponimia autóctona da lingua galega (non tan diferente como para provocar descoñecemento nun hispano falante) e que recomende o seu respecto nos manuais de estilo dos medios de comunicación e das editoriais e aos responsables de universidades, corpos e forzas de seguridade do estado, administracións públicas etc.
 
Asemade, ProLingua, faille un chamamento á Real Academia Galega e así mesmo ás institucións e colectivos de defensa da lingua, á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Xunta de Galicia, aos partidos políticos (con ou sen representación no Parlamento) e ás persoas que traballan pola dignificación de Galicia e pola recuperación dos seus sinais identitarios (e a toponimia é un deles) para que se dirixan á Real Academia Española e lle pidan que reconsidere os seus ditames sobre a toponimia galega, que vogue na dirección dos tempos e que respecte e faga respectar a legalidade, porque nin Sangenjo nin Orense son formas lexítimas.
 
ProLingua, 3 de marzo do 2014

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript