Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 223 - 10/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  MOBILIZACIÓN SOCIAL
 

Concentración pola paralización das obras da Mariña

Unhas cen persoas reunímonos na Mariña coruñesa para protestar contra a construción dunha nova obra faraónica que, por un lado minguará aínda máis as arcas do concello e, por outro, centra coma sempre as “melloras” no centro da cidade esquecendo as necesidades dos barrios. Pensamos, tamén, que nos tempos que corren a cidade non pode permitirse o luxo de gastar arredor de 50 millóns de euros nunhas obras innecesarias e que axudarán ao enriquecemento dos de sempre impedindo que eses cartos se utilicen en atender as necesidades reais da cidadanía.

 

  • Noticias relacionadas

 

O goberno do PP ven de dar o pistoletazo de saída ás obras no Parrote, un proxecto aprobado co PSOE no goberno que levantará o centro da cidade coa intención de soterrar o tráfico dende Alférez Provisional até a Solana, creando un túnel de catro carrís. Ademais, crearase outro centro comercial no centro da cidade e un aparcadoiro privado.
 
As obras realizaraas Copasa e Civis Global. Copasa é unha empresa á cal se lle denominou como a "construtora do PP", tal e como informaba El País o 5 de xuño de 2007. Ademais está vinculada á trama Gürtel e está a ser investigada pola UDEF (Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal). Esta empresa creceu ao amparo da Deputación dos Baltar (Ourense).
 
O presuposto total das obras é de 50 millóns de euros, dos que 18.593.387 € xa están asignados. Ademais, existe a posibilidade de abrir dúas fases máis, que elevarían o custe total a máis de 80 millóns de €. Este custe non está xustificado para unha obra destas dimensións.
 
Os cartos adicados a esta obra proveñen do Concello da Coruña, da Autoridade Portuaria, da Xunta e de Fomento. Isto non fai máis que complicar un entramado no que os impostos non só dos e das veciñas coruñesas, senón que tamén dos e das do resto do pais e do Estado están a ser malgastados en obras innecesarias e caras. Mentres sufrimos o desmantelamento dos equipamentos sociais nos barrios, o Concello ten a pouca vergoña de malgastar millóns de euros en obras irracionais. Por todo isto, a veciñanza da Coruña e diversos colectivos políticos e sociais OPOÑÉMONOS ÁS OBRAS DO PARROTE por considerar que:
 
1. É un gasto desmesurado que non vai supoñer ningunha mellora na calidade de vida da veciñanza. A redución de tráfico será nula, pois o proxecto incorpora elementos (túnel de catro carrís  aparcadoiro, centro comercial ... ) que máis ben o aumentarán. Ademais, son outras as medidas dirixidas a reducir o tráfico: aparcadoiros disuasorios, carril bus, ferrocarril de proximidade ... Este proxecto non é máis que a continuación do despilfarro urbanístico do PPSOE (Millenium, ascensor do Mt. de San Pedro, escaleiras mecánicas de San Agustín, Tranvía ... ) e da nefasta política de centros comerciais, que xa sobran na cidade.
 
2. A veciñanza demanda outros servizos moito máis necesarios que son negados e mesmo reducidos. Así, o presuposto de servizos sociais é de só 600.000 €, prodúcese o peche de centros educativos (como o Paseo das Pontes), Sanidade? .. Mentres os barrios obreiros son descoidados polo PP empréndense obras innecesarias para revalorizar as "zonas nobles' da cidade.
 
3. Non podemos permitir que a corrupción continúe a beneficiar a empresas privadas con cartos públicos. Os vínculos PP-COPASA constatan o despilfarro dos fondos públicos. a desviación cara empresas 'amigas' e o goberno dirixido aos intereses dos grandes capitais, a costa da veciñanza
 
Por todo isto, convocamos a toda la poboación de A Coruña e arredores a posicionarse en contra desta obra e a participar nas asembleas e nas accións a pé de rúa para tentar de paralizar este novo disparate do Concello.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript