Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 223 - 10/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Os desexos cumpridos de Díaz Ferrán

Non todo son penas para Gerardo Díaz Ferrán na súa cela de Soto del Real. O que foi presidente da patronal española tamén ten os seus momentos de alegría. Por exemplo, cada vez que le o BOE despois de que o Consello de Ministros aprobe algunha medida relacionada co mercado laboral.

 

  • Noticias relacionadas

 

Neses momentos debe de sentirse recoñecido, pouco menos que homenaxeado: a política laboral do goberno parece un calco das súas propostas cando dirixía a CEOE. Unha aplicación punto por punto do programa de máximos do empresariado español.
 
Así dito parece unha obviedade: que o goberno está a inclinar a balanza das relacións laborais cara ao lado empresarial. Pero cando un se para a mirar o detalle, impresiona a literalidade dese programa de máximos: todo aquilo que Díaz Ferrán pedía hai anos é o que o goberno foi aprobando un venres tras outro.
 
E digo Díaz Ferrán, porque o empresario hoxe caído en desgraza era o ideólogo duro daquela CEOE que no 2009 se sentou a negociar cos sindicatos e puxo sobre a mesa o seu programa de máximos que facía imposible calquera acordo. Se un busca nas hemerotecas, o mellor resumo das propostas patronais é precisamente un artigo asinado polo propio Díaz Ferrán, e publicado fai xusto catro anos No País. Cando un le ese artigo (que no seu día caeu como unha bomba sobre o diálogo social), dáse conta de como o que entón parecían delirios patronais acabaron cumpríndose un tras outro.
 
Recoméndolles ler o artigo, porque resume nunha ducia de puntos ese programa de máximos da patronal. E ao lelo, comprobamos que a maioría remataron case calcados no BOE, tanto na reforma laboral coma en medidas posteriores.
 
Algunhas, como o abaratamento do despedimento ou a entrada de axencias privadas de colocación, xa as recolleu en parte a reforma laboral do PSOE, pero levounas ata as súas últimas consecuencias a reforma do PP en 2012, que ademais cumpriu outros desexos de Díaz Ferrán: flexibilizar a modificación substancial das condicións de traballo (que permite baixar soldos), máis facilidades aos ERE, ou a persecución do absentismo laboral.
 
En posteriores medidas seguiron aplicando o programa de máximos. Así, en febreiro do ano pasado ampliouse a contratación precaria de mozos; e en decembro flexibilizouse aínda máis o contrato a tempo parcial, e deuse maior poder ás mutuas, tal como pedía o artigo de Díaz Ferrán.
 
E a última, o venres pasado: a rebaixa das cotizacións sociais. É unha das reivindicacións máis vellas dos empresarios, pero que sempre chocaba coa oposición total dos sindicatos, e co rexeitamento dos gobernos, que vían o risco de perder ingresos para a Seguridade Social. Pois xa a teñen. Disfrazada de "tarifa plana", pero na práctica dá barra libre para que calquera empresa poida acollerse a ela, mesmo despedindo traballadores para contratar outros máis baratos. Un disparate máis, que de se producir hai un par de anos nos sacaría á rúa, pero hoxe parece que nos colle cansos ou curados de espantos.
 
O conseguido aínda lles parece pouco, e onte o FMI pediu máis reforma laboral e baixar máis as cotizacións sociais.
 
E é entón cando o programa de máximos de Díaz Ferrán nos serve como texto profético, como anticipación do que aínda está por vir. Léndoo, descubrimos que faltan por cumprir poucos desexos, pero poden ser os que orienten a próxima volta de rosca: a redución de cotizacións (que coa tarifa plana non fixo máis que empezar), suprimir a obriga empresarial do pagamento da prestación de baixa por enfermidade entre o 4º e o 15º día, e "homologar" a contratación laboral a outros países europeos (e nese "homologar" caben moitas cousas).
 
Que o ideólogo da túa política laboral estea no cárcere precisamente por saquear empresas é un detalle sen importancia.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript