Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 223 - 10/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

A Asociación Veciñal de Esteiro oponse ao peche do Hospital Novoa Santos para cederllo á Universidade

A Asociación Veciñal de Esteiro ven de enviar ao alcalde de Ferrol e ao Vicerreitorado do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social unha comunicación na que manifesta a súa rotunda oposición ao peche do Hospital Público Novoa Santos para cederllo á Universidade da Coruña.

 

  • Noticias relacionadas

 

A Asociación Veciñal de Esteiro, integrante da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, OPONSE de xeito rotundo ao peche do Hospital Público Novoa Santos para cederllo á Universidade. Esta oposición se sustenta en dúas razóns fundamentais:
 
PRIMEIRA: A área Sanitaria de Ferrol ten necesidade de manter aberto o Hospital Público Novoa Santos, para usos sanitarios e socio sanitarios, polo que non se pode pechar nin prescindir dos seus servizos. Non hai que esquecer que o Sergas mantén, de maneira discutible e innecesaria, un concerto do Hospital Juan Cardona que custa 6.5 millóns e euros anuais ás arcas públicas.
 
E se pretende pechar o Hospital Público Novoa Santos, cando se mantén un concerto co Juan Cardona?.
 
SEGUNDO: Na actualidade, desgrazadamente, tal e como está o mapa de titulacións a Universidade non precisa do Novoa Santos para as únicas titulacións sanitarias que ten, Podoloxía e Enfermería, que non teñen problemas de espazo.
 
Desde esta Asociación Veciñal de Esteiro vimos defendendo desde sempre que as posibles necesidades de espazo que poida ter a Universidade, teñen resposta no propio barrio de Esteiro:
 
Na parcela do INVIFAS, para a construción da Residencia Universitaria Pública que o Campus de Ferrol precisa é a que non pode renunciar a cambio de 22 habitacións no Antigo Centro de Menores Soutomaior. é a isto ao que aspira a Universidade?.
 
Parcela no Cruzamento de Antelo e Avenida de Vigo para usos administrativos.
 
Parcela no Interior de Bazán ( antigos comedores) para un Centro Tecnolóxico.
 
Cuartel de Dolores ( hoxe convertido nun Aparthotel para a Infantería de Mariña) e Residencia do Coronel do Tercio e Residencia de Oficiais (diante da Biblioteca Central da Universidade en Ferrol), para futuras e presentes titulacións. Isto permitiría centralizar todo o Campus Universitario en Esteiro (trasladando o de Serantes e dándolle a este novos usos públicos) e ter unha interrelación, que non existe, entre a Universidade, especialmente as titulacións técnicas, e Bazán.
 
Por todas estas razóns, que consideramos fundamentadas, opoñémonos a que se peche o Hospital Público Novoa Santos. Peche que só se entende dentro da política da actual Xunta de Galicia de desmantelar a Sanidade Pública para converter a sanidade nun NEGOCIO ao que desde a Asociación Veciñal de Esteiro seguiremos opoñéndonos.
 
Xunta Directiva da AV de Esteiro

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript