Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 222 - 03/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Ignacio Escolar
 

As trampas no discurso de Rajoy

Mariano Rajoy: "No pasado mes de decembro, a cifra de desempregados en España descendeu en 169.000 persoas con respecto á de decembro de 2012. É a primeira caída do paro en España dende o ano 2007".

 

  • Noticias relacionadas

 

O dito con anterioridade e referido por Rajoy é unha media verdade. O paro rexistrado baixa, pero non porque atravesásemos con éxito o cabo de Hornos", como presume Mariano Rajoy. É un pouquiño menor porque a xente emigra e porque hai tan pouco traballo que moitos nin se molestan en buscar e non se dan de alta nos rexistros públicos de emprego. O dato que hai que mirar? O de persoas con traballo, os cotizantes na Seguridade Social. E en 2013, por moito que presuma Rajoy, destruíronse 85.041 postos de traballo.
 
É posible que este ano o emprego mellore un pouco; ata as pragas bíblicas foron só sete, como anos levamos de crise. Pero as perspectivas non son como para brindar: do 26,4% de 2013 imos pasar a un 25,7% en 2014 e un 24,6% en 2015, segundo as previsións da UE. Con este prognóstico, Rajoy presentarase ás eleccións con máis paro do que se encontrou cando gañou. Cal é o éxito entón? Que ten que celebrar?
 
Rajoy: "Os titulares podían ser aparatosos, nalgún grao inxustos, pero era o que había".
Ten o seu aquel que un presidente que le o Marca nun país onde, misteriosamente, caeron os tres directores dos principais diarios de pago en apenas dous meses presuma do que melloran os titulares nos últimos tempos. E tanto. E máis que van mellorar, coa taxa Google ou con ese 24% de aumento no presuposto para publicidade institucional. Pero é indicador do bo facer do Goberno o guapo que saia o presidente nos titulares de La Razón ou o ABC?
 
Rajoy: "A posibilidade do rescate, o abandono do euro, a desconfianza, son palabras que xa non ten sentido nin sequera as mencionar.
O rescate non foi unha posibilidade hipotética da que o PP nos librou. España foi rescatada, por moito que Mariano Rajoy non o queira asumir: iso foi o que pasou con ese "crédito" en "condicións moi vantaxosas" que o Goberno nos vendeu ata cunha campaña de publicidade institucional.
 
Un titular de 2012, xa que hoxe estamos no día mariano da revista de prensa: Ti dis tomate, eu digo rescate. "España insiste en que aceptou un crédito para recapitalizar os seus bancos. Outros, non obstante, chámano como o ven", publicou (con razón) a revista estadounidense Time.
 
Rajoy: "Partiamos dun déficit do sector público do 9% en 2011 e, dende o principio, acometemos un axuste estrutural sen precedentes e sen comparación nas grandes economías avanzadas".
Rajoy recorda o déficit de 2011 pero non quixo hoxe dar detalles sobre como quedou o déficit de 2013, que aínda está por publicar. Non o fixo porque, a pesar dos recortes, as previsións do Goberno volveron fallar e a Unión Europea anunciou hoxe que España pechou o ano cun 7,2% de déficit, en vez do 6,5% que prometeu Rajoy.
 
A porcentaxe inclúe o custo dese rescate á banca que, segundo o presidente, nunca pasou pero que elevou a nosa débeda ao seu peor momento dende que España perdeu Cuba. Cando o PP gañou as eleccións, a débeda era do 68,5% do PIB. Hoxe estamos xa no 94% e o ano que vén superará o 100%.
 
Rajoy: "Cando se aprobou a reforma laboral, o paro crecía. Hoxe, redúcese. [...] Por primeira vez en toda a crise, señorías, podemos dicir que hai menos parados que hai un ano.
Dende que se aprobou a reforma laboral, hai dous anos, destruíronse 675.000 postos de traballo e o paro aumentou en 256.800 persoas. A reforma non só axudou a que esta enorme destrución de emprego saíse moi barata, tamén serviu para rebaixar o poder adquisitivo dos salarios, por moito que Montoro asegure que os soldos seguen crecendo en España. Serviu a reforma laboral para crear emprego? Mírese por onde se mire, é evidente que non.
 
Rajoy: "É máis, os traballadores que gañan menos de 12.000 euros ao ano, non pagarán o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.
Hoxe o mínimo exento está en 11.162 euros. Así que falamos do 24% de 848 euros nun ano, no mellor dos casos.
 
Rajoy: "A contratación indefinida de novos traballadores terá unha tarifa plana de cotización á Seguridade Social de 100 euros. [...] Esto supón, por exemplo, para un soldo bruto ao ano de 20.000 euros e que o importe da súa cotización á Seguridade Social é de 5.700 euros, cada novo emprego creado, a empresa pasará a ingresar soamente 1.200 euros, é dicir, neste caso concreto estariamos a falar dunha rebaixa nas cotizacións sociais dun 75% ".
Falso. A letra pequena di outra cousa, como adoita ser habitual cando fala o presidente. E neste caso concreto, un empresario pagaría 2.460 euros, non 1.200, porque a Rajoy se lle esqueceu engadir que só se rebaixan as continxencias comúns pero non outras partidas da Seguridade Social. E por iso a súa tarifa plana sería, neste caso concreto, de 205 euros.
 
Rajoy: "Cando tantas voces profetizaban a apocalipse das pensións, fomos capaces de lograr que, de ningún xeito, o sacrificio alcanzase os que xa non contaban con outro recurso".
A apocalipse ten cifra: está nos propios informes do Goberno, que calculan en 33.000 millóns de euros o recorte en poder adquisitivo dos pensionistas entre 2013 e 2022. É o resultado da reforma das pensións que aprobou en solitario o PP.
 
Rajoy: "Do mesmo modo que fomos equitativos na repartición das cargas, queremos selo agora cando cheguen os beneficios".
Equitativos? Non o parece: España é hoxe o país de Europa con maior desigualdade económica. Ata hai pouco pasábanos Letonia, agora nin sequera. Nin Portugal nin Italia nin Grecia: é España o país menos equitativo da UE. Hai máis de tres millóns de persoas que sobreviven con menos de 307 euros mensuais e unha pobreza infantil do 26,7%. Como di o propio Rajoy -aínda que para presumir do ben que vai todo-, "isto é unha realidade innegable. Pódenselle engadir matices e cores". Pero isto é o que hai.
 
É probable que en 2014 a economía mellore nas grandes cifras. Ogallá o Goberno acerte nos seus bos prognósticos, pero sería a primeira vez. E por moito que o PIB suba un 1%, a crise seguirá sendo igual de dura para esa inmensa maioría de cidadáns que non teñen conta en Suíza nin viaxan nun coche oficial.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript