Marzo de 2014
 
 

NÚMERO 222 - 03/03/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

“Se mudásemos o secretario xeral de Política Lingüística por unha estatua de cera ninguén se decataría”

A Mesa denuncia que o Goberno español “inventa topónimos castelanizados novos, que non se viron nin no franquismo”

 

  • Noticias relacionadas

 

A Mesa pola Normalización Lingüística, que leva meses denunciando “que está a recruar o proceso de deturpación dos nosos topónimos, algo que a inmensa maioría da sociedade galega desexaría como un problema superado”, dirixiuse ao Goberno español para lle pedir que explique “como é o proceso que levan a cabo para castelanizaren nomes de lugar que non apareceran deturpados nin no franquismo”. A asociación dirixida por Carlos Callón refírese por exemplo a un comunicado oficial do Ministerio de Agricultura en que se rebautiza a parroquia ribeirá de Castiñeiras como Castiñeras ou A Revolta como Revuelta.
 
O presidente da maior asociación cultural de Galiza, que ademais é proveniente desa parroquia, reta o Goberno español “a que encontre unha soa persoa –fóra do propio Goberno español– que lle chame Castiñeras a Castiñeiras” e pregúntase “como pode ser o proceso polo cal a Administración de Rajoy decide desgaleguizar os topónimos galegos”. Así, sinala que “se for a través dun tradutor automático, como no célebre caso en que o ex-conselleiro de Cultura de Feijóo lle chamou Desván de los Monjes a Sobrado dos Monxes, Castiñeiras sería Castañares”. “Mais aquí parece que é unha castelanización aínda máis chafalleira, cun desprezo absoluto pola nosa realidade”, observa.
 
Callón pregunta tamén ao secretario xeral de Política Lingüística se “ten sangue no corpo para aturar que un día tras outro o Goberno español e TVE incumpran a Lei de normalización lingüística e non abrir nin media boca”. “Abofé que se mudásemos o secretario xeral de Política Lingüística por unha estatua de cera, ningúen se decataría, pois non move un dedo para defender os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos, nin no ensino, nin na Administración, nin nos medios de comunicación, nin tan sequera para que se respecte o cativo marco legal que nos ampara”, conclúe.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript