Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 221 - 24/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  SANIDADE PÚBLICA
 

"A privatización mata. Fóra as empresas da sanidade"

O 20 de febreiro a Coordinadora Anti Privatización da Sanidade (www.casmadrid.org) e a Plataforma Matusalén presentaron a campaña estatal, "A privatización mata. Fóra as empresas da sanidade"

 

  • Noticias relacionadas

 

A campaña levarase a cabo en diferentes territorios do estado (Aragón, Andalucía, Baleares, Catalunya, Castela e León, Castela A Mancha, Extremadura, Euskal Herria, Madrid e País Valenciá polo momento), a partir do mes de marzo, por parte de diversos colectivos de traballadores do sector e usuarios destes territorios, estando aberto á incorporación de novos grupos.
 
A campaña, que xa conta cunha páxina web (www.laprivatizacionmata.org), parte cun documento de análise, que se sintetiza en sete propostas concretas para frear a privatización e garantir unha sanidade de calidade para tod@s. As propostas apuntan a diferentes liñas: introdución de mecanismos para permitir a participación real de poboación e traballadores no control e xestión dos centros sanitarios; establecemento dunha industria publica de farmacia e dispensa nos propios centros sanitarios; utilización dos centros públicos ao 100 por 100 mediante a instauración dunha quenda de tarde para o persoal facultativo en atención especializada, o que acabaría coas derivacións á privada e a emigración forzosa de miles de médicos e persoal sanitario todos os anos; rescisión dos contratos coas empresas concesionarias dos centros que se foron privatizando en todo o estado, rescatando só os que foran estritamente necesarios; establecemento de tempos de espera, para diagnóstico e tratamento, similares en todos os territorios do estado; anulación dos catálogos "accesorio" e "complementario", para evitar o transvasamento de prestacións básicas, e o seu repago a estes catálogos, etc.
 
A pesar do bombardeo dos grandes medios de desinformación, o proceso de privatización non se freou en Madrid en absoluto como se pode comprobar: entre 2004 e 2012 abríronse 7 hospitais privados modelo PFI, 4 hospitais privados modelo PPP, unha central de chamadas, un Laboratorio Central, 400.000 habitantes foron cedidos xunto cos ambulatorios de Pontóns e Quintana á Fundación Jiménez Díaz, a lavandaría central, a limpeza dos centros, a extracción periférica de sangue, os sistemas informáticos………., mentres se pecharon miles de camas públicas, laboratorios, centros de saúde mental, e se despediu miles de traballadores, ao tempo que as listas de espera se disparan e a calidade se degrada. Esta situación non chegou de súpeto, é o resultado do proceso de 10 anos, posto en marcha en 2004 polo PP e anunciado por Esperanza Aguirre a bombo e prato ("a sanidade do futuro xa é unha realidade").
 
No resto do estado a situación é similar: dende Catalunya a Andalucía o proceso de deterioración e privatización continúan, mentres se anuncian novos hospitais privados en Vigo, Toledo, Eivissa, Alcañiz, Don Benito, etc…..
 
Somos conscientes de que un sistema realmente público e democrático só será posible se a poboación se implica na loita na rúa pola defensa dos seus centros e contra o pagamento da débeda. Asumir as medidas que a troika dita a todos os nosos políticos, é aceptar a desaparición dos sistemas de protección social. Non serán os políticos os que defendan un sistema público no que non cren, e do que se están a lucrar mediante a política de portas xiratorias.
 
A nosa campaña vai dirixida á poboación para colaborar na súa toma de conciencia e a autoorganización. A loita será longa, pero é o único camiño.
 
Madrid, 20 de febreiro de 2014

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript