Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 221 - 24/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  PLATAFORMA EN DEFENSA DO TREN DA CORUÑA E AS MARIÑAS
 

Contra o golpe do estado ao ferrocarril

Durante as últimas décadas, o tren convencional deixou de estar nas prioridades dos sucesivos gobernos autonómicos e do estado. Non se investiu en mellorar os servizos e as infraestruturas ata que paseniñamente foron deixando de ser operativas.

 

  • Noticias relacionadas

 

A existencia do tren na Galiza desenvólvese nun círculo vicioso onde a redución de frecuencias e o desmantelamento de liñas e estacións ven provocando unha paulatina perda de viaxeiros/as que se utiliza como argumento para xustificar a eliminación de máis servizos no canto de facer os investimento en melloras que o farían viable, como de feito aconteceu coas melloras realizada na liña A Coruña-Santiago, reformada tras unha intensa demanda social.
 
O pasado 2 de xuño do 2013 o Ministerio de Fomento puso en marcha o Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia. Este plan é un ataque que ameaza gravemente o noso sistema ferroviario. Contempla a desaparición de estacións con baixos índices de utilización e a redución de servizos noutras, ata o punto de facer inviábel a súa utilización práctica. No caso do servizo entre A Coruña e Ferrol está a poñer en cuestionamento a propia existencia futura do servizo. A medición da rendibilidade do tren con criterios exclusivamente económicos -e metodoloxicamente discutíbeis- e as últimas actuacións do Goberno de dividir o día 01-01-2014, a empresa ADIF en dúas empresas, e RENFE-Operadora en catro Sociedades Anónimas, (co a única intención de privatizar e regalar o ferrocarril construído por todos e todas a intereses privados), vai a significar, de non haber un cuestionamento social e unha resposta popular contundente, a desaparición do ferrocarril público e social.
 
Por este motivo, as persoas e colectivos que fan parte da Plataforma en defensa do tren da Coruña e As Mariñas, convocamos á  cidadanía a realizar unha viaxe reivindicativa en tren o vindeiro día 23 de febreiro con saída da estación da Coruña ás 11,00 horas ata a estación de Cambre, e regreso ás 11,37 horas, para seguirmos esixindo:
 

  • O ferrocarril é, e debe seguir sendo, un servizo público de titularidade pública, no que debe primar, por riba doutras consideracións economicistas ou dos intereses de particulares, o beneficio social que este medio de transporte supón para o conxunto da comunidade.
  • A planificación e o servizo ferroviario deben de ser unha unidade integrada que responda da infraestrutura, do transporte, do mantemento e do seu patrimonio de xeito que permita a súa viabilidade e a súa vocación de servizo público.
  • O ferrocarril convencional debe ser o medio de transporte social por excelencia, que presta un servizo ao alcance de toda a sociedade, é respectuoso co medio natural e favorece a integración e vertebración territorial.
  • Débense realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados), modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas.
  • As obras do AVE, que supoñen un inxente esforzo investidor, non poden servir de coartada para xustificar o abandono do ferrocarril convencional, de maior potencialidade, funcionalidade e utilidade para as maiorías sociais e factor de desenvolvemento social e económico.
  • Demandamos que os gobernos central e autonómico presionen ante a Unión Europea para que proceda ao desenvolvemento das nosas conexións por ferrocarril no marco do eixo atlántico de transportes, que nos vincula con Europa e Lisboa, ao mesmo nivel que o eixos central e mediterráneo.
  • O traspaso ao ferrocarril das mercadorías transportadas por estrada alí onde sexa posible, posibilitaría o desbloqueo do colapso físico, de consumo enerxético e degradación ambiental que provoca, así como un aforro que non se soe computar cando se fala da rendibilidade do tren.
  • É necesario favorecer a intermodalidade do transporte público, nomeadamente a complementariedade entre o ferrocarril e o transporte público colectivo por estrada a todos os niveis (compatibilidade horaria, percorridos complementarios, estacións ou billete único).
  • O uso do tren e do transporte público é a mellor alternativa á saturación das infraestruturas propias e o alto impacto ambiental negativo que provoca a promoción do vehículo privado como principal medio de desprazamento entre os concellos da comarca da Coruña e das Mariñas.
  • Por todas estas razóns, declarámonos firmemente contrarios e reclamamos a anulación das medidas adoptadas polo goberno no Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia conducentes á eliminación total de servizos nalgunhas estacións (p.ex. Cecebre) ou a súa drástica redución ata o punto de supor a súa inutilidade práctica nas liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo.
  • Esiximos a derrogación dos RDL 22/2012, 4/2013 e 15/2013, que posibilitan a fragmentación de RENFE en catro sociedades anónimas, e ADIF en dúas empresas e a desaparición da participación pública en numerosas empresas do sector.
  • Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña e Ferrol mediante a implantación dun tren de cadencia que aumente os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendible e economicamente viable como único xeito de consolidar unha liña actualmente ameazada.
  • Pedimos que se acometan melloras no servizo A Coruña-Lugo de xeito que dea servizo e conexión das cidades coas localidades interiores para acadar a máxima vertebración posible e rendemento económico e social para localidades como Oza, Cesuras, Baamonde, Rábade, Parga, Guitiriz, etc., e non simplemente un modelo que só contemple a conexión entre as cidades.
  • É necesario dotar de conexión ferroviaria puntos como o aeroporto de Alvedro e, xeito especial e urxente, o porto exterior de Punta Langosteira.
  • Débese proceder á construción de novas estacións naquelas poboacións da comarca onde o crecemento demográfico que se produciu o xustifica para ser utilizadas como servizo de proximidade (A Barcala, Guísamo).
  • Débense acometer, nun futuro próximo, a construción de novas infraestruturas que completen o mapa do ferrocarril galego; na nosa área de influencia, a liña A Coruña-Arteixo-Carballo.
  • Ademais, preocúpanos que os recortes en materia ferroviaria, así como a precarización do emprego, van ter como consecuencia directa o deterioro do servizo e a diminución da seguridade, polo que consideramos de interese xeral a existencia dun marco laboral común e cohesionado que garanta as condicións de traballo dos traballadores e traballadoras.
 
QUEREMOS UN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL E DE CALIDADE. O TREN É DO POBO PORQUE FOMOS NÓS OS QUE O CREAMOS E MANTIVEMOS, E NINGUÉN TEN DEREITO A ARREBATARNOS O QUE NOS PERTENCE.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript