Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 221 - 24/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Entón, que? Abrimos as fronteiras?

Non falla. En todo debate sobre inmigración, cando alguén cuestiona a política de estranxeiría, o mesmo nun faladoiro televisivo que nunha cea de amigos, non tarda en aparecer o pesado de sempre coa mesma pregunta, xa amarelenta, que te bota como un caldeiro de auga: "Entón, que? Deixamos as fronteiras abertas e que entren todos? ".

 

  • Noticias relacionadas

 

Aí adoitan encallar a maioría de debates, nunha quella sen saída. Nunha trampa. Porque a soa formulación da pregunta xa é un encerro, unha forma tramposa de anular os teus argumentos pola vía de collerte, sacarte en volandas do faladoiro ou a cea de amigos, levarte nun coche oficial e depositarte na cadeira de brazos de presidente do Goberno, para despois poñerte na man a pluma de asinar decretos: "veña, a ver que fas agora, listo, a ver se te atreves a abrir as fronteiras,".
 
Pois non, oe. Non te deixes levar á quella outra vez. Deféndete. Para empezar, négate a responder a pregunta trampa. Primeiro, porque non é o teu problema, non o creaches ti como para agora ter que resolvelo en 24 horas. Segundo, porque non vale falar illadamente de fronteiras, senón de todo un sistema falido que fai que miles de persoas sexan expulsadas das súas terras. A resposta sensata é: "si, defendo a apertura de fronteiras, pero dentro dunha transformación radical que vai moito máis alá da lei de estranxeiría. "
 
Significa iso que mentres non se consiga cambiar un sistema económico internacional que forza desprazamentos de persoas, mentres tanto hai que seguir blindando a fronteira? Pois tampouco. Non polo menos ao prezo que vimos en Ceuta.
 
Non, porque o problema non é a fronteira. E moito menos a fronteira sur, tendo en conta que a entrada de persoas por Ceuta, Melilla ou o mar é insignificante. Nos anos de crecemento económico, cando chegaba máis de medio millón de persoas emigrantes ao ano, estimábase que máis dun 70% o facía en avión, por algún aeroporto español, entrando cos papeis en regra ou como turistas para logo quedar. O resto, a maioría entraba por estrada dende outros países europeos, e menos do 5% viña en pateira, malia que as únicas imaxes de inmigración que nos daban os medios eran as do mar.
 
Hoxe sucede o mesmo con Ceuta e Melilla. Os 30.000 que supostamente estarían no norte de África esperando para entrar seguen sendo unha cifra modesta comparado co movemento de aeroportos e estradas.
 
Pero é que ademais a fronteira en si mesma non é problema, se está aberta ou pechada. Eu viaxei por medio mundo e xamais tiven que saltar un valo nin chegar a nado a unha praia, e ás veces eran países moito máis blindados que Ceuta. Da mesma forma que a desaparición de controis fronteirizos en Europa non baleirou ningún país. Así que deixemos de poñer o foco na fronteira, que non está aí o problema.
 
A altura do muro tampouco é un elemento decisivo, nin o número de mortos no intento. Hai anos non había dobre aramado con coitelas, e non obstante non saltaban de douscentos en douscentos. Ningunha fronteira serve para impedir a entrada, senón para facela máis dolorosa, ou para operar como unha perversa selección natural que garante que só entren os máis fortes, os máis listos, os que pagan máis.
 
Á parte de todo isto, ao plasta que nos pregunta que fariamos coa fronteira mañá mesmo, hai que recordarlle máis cousas: que para "avalancha", os máis de cinco millóns que viñeron durante a década previa á crise. E non só non houbo conflitos sociais nin aumentou por eles a delincuencia, senón que ademais foron esenciais para soster a prosperidade daqueles anos. Viñeron sobre todo traballadores, e xeraron moita riqueza que non repartimos por igual con eles.
 
Por último, ao pesado correspondente avíseno de que se os 30.000 africanos entrasen mañá mesmo, seguirían sendo máis os inmigrantes que marchan que os que chegan. Levamos xa varios anos en que son máis os que saen do país que os que entran. E por certo, entre os que marchan, tamén hai españois, que se van confiados de non encontrar unha maldita fronteira que os rexeite.
 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript