Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 220 - 17/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - Denís Vicente Rodríguez
 

O galego do alén. 10 anos de ensino do portugués

Alá polo ano académico 2002/2003 comezaba unha nova andaina no IES A Sangriña da Guarda. O profesorado deu un paso adiante e comezou a dar aulas de portugués no primeiro curso da ESO.

 

  • Noticias relacionadas

 

Pasaron 10 anos e agora xa se imparte nos catro cursos de secundaria, nos dous bacharelatos, en nocturno e diúrno e como primeira e segunda lingua estranxeira. Ademais, conta xa cun departamento propio, 5 profesores/as impartindo a materia, unha auxiliar de conversa enviada do Instituto Camões e o máis importante, máis de 100 alumnas/os só neste último ano.
 
E o labor de difusión da lingua e cultura portuguesa non fica aquí, pois múltiples son as charlas, conferencias e actividades relacionadas co espazo galego-portugués que se realizan neste centro de ensino. E aínda cómpre engadir mais un elemento, o intercambio Comenius asinado coa Escola de Ensino Secundário Padre Manuel Alvares de Madeira, que permite a estadía de estudantado galego na illa e estudantado portugués na Guarda durante un trimestre cada ano.
 
Á par desta realidade sitúase outra ben menos gorentosa. Nun estudo sociolingüístico realizado polo centro de ensino no ano 2008 tirábanse os seguintes datos:
 
- As avoas e avós falaban entre si en galego nun 95% mais esta porcentaxe baixa cando se dirixen aos netos a un 63%.
 
- Un 64% dos pais e nais falan galego entre si, mais só o 22% falan nesta lingua cos seus fillos/as.
 
- Só o 25% do alumnado falaba a nosa lingua propia nas relacións cos seus iguais.
 
E en Galicia temos un 50,7% de paro xuvenil e milleiros de mozas e mozos emigran cada día na procura dun porvir que o seu país non lle é quen de ofrecer.
 
Neste contexto de perda da transmisión interxeracional da nosa lingua e de desemprego masivo entre a mocidade, o espazo galego-portugués ten que se abrir como unha pequena xanela que cómpre non seguir mantendo fechada. Os discursos sentimentais e identitarios non carecen de razón, mais vaiamos tamén ao práctico: unha nova oportunidade agroma nos países de fala portuguesa, especialmente alén mar, no Brasil, e nas comunidades portuguesas espalladas por todo o mundo, unha nova oportunidade laboral, social, cultural e, xa que logo, vital.
 
Para as galegas e galegos a adquisición de competencia lingüística en portugués resulta doada, en pouco tempo de preparación unha persoa pódese desenvolver sen ningún problema nun contexto enteiramente portugués-falante. E todo isto grazas ao galego, lingua que falaban todas as nosas avoas e avós e a meirande parte dos nosos pais e nais, mais que, curiosamente, non nos transmitiron a nós por non a consideraren útil para o noso futuro. E vaia que se o é!
 
O coñecemento do portugués por parte da mocidade supera o eido da capacitación estritamente individual e reverte directamente no bencomún de toda a sociedade. A asimilación no imaxinario social de que o galego é unha lingua mundial, con grandes potenciais, ten que contribuír decididamente á superación dos vellos prexuízos que aínda existen arredor da nosa lingua e á elevación na nosa autoestima e do noso orgullo.
 
Por todo isto resulta fundamental pór en valor o traballo que se está a realizar en centros de ensino como o IES A Sangriña da Guarda e outros tantos que, aos poucos, van pondo as bases dun ensino enraizado no país mais coa ollada posta nas nosas enormes potencialiades, no galego do alén.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript