Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 220 - 17/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  20 DE FEBREIRO FOLGA NO ENSINO PÚBLICO GALEGO
 

“En pé por un ensino público galego”

O vindeiro 20 de febreiro, baixo o lema “En pé por un ensino público galego” e cun manifesto asinado por Agir, Comités e a Liga Estudantil Galega, as organizacións estudantís nacionalistas galegas chamamos ao estudantado de ensino medio e universitario a sumarse a unha folga contra da LOMCE e os recortes no ensino.

 

  • Noticias relacionadas

 

Por iso, para eliminar a LOMCE, para loitar por un ensino público, galego, democrático e de calidade animamos a todo o estudantado da Galiza a secundar esta xornada de folga e a participar das mobilizacións convocadas para ese mesmo día ás 12h:
 
 - Santiago de Compostela: Alameda
 - A Coruña: Praza de Vigo
 - Lugo: Edificio Intercentros ás 11:30 e na Horta do Seminario ás 12:00
 - Ferrol: Praza de España
 - Ourense: Rúa do Concello (diante da Xefatura Territorial de Educación)
 - Pontevedra: Praza da Peregrina
 - Vigo: Praza América
 - Carballo: Praza do Concello
 - Cee: Praza 8 de Marzo
 - Ribeira: diante da estación de autobuses
 - Moaña: diante do edificio do Concello
 - Noia: Diante do IES Virxe do Mar
 - Ponteareas: Rúa Feliciano Barrera
 - Pontedeume: porta do I.E.S. Breamo (ás 10h)
 - Ribadeo: diante do IES de Ribadeo
 - Sarria: Praza da Vila
 - Verín: Avda. de Portugal-Diante IES Xesús Taboada Chivite
 - Vilalba: Praza da Constitución
 - Vilagarcía: Praza de Galiza
 
Reproducimos a continuación o manifesto:
 
En pé por un ensino público e galego!

 
Nos últimos anos estamos asistindo a un maior endurecemento das condicións de vida das camadas populares galegas. Isto reflíctese tamén, como non podía ser doutro xeito, no ámbito educativo. Así, son innumerábeis os recortes e reformas impostas á educación pública (recorte e supresión de bolsas, suba das taxas universitarias, redución nos comedores públicos, minimización do limite de prazas, etc.) sobre o pretexto dunha crise económica, en que, "paradoxalmente", aumentan as gañancias das grandes elites económicas e invístese diñeiro público en rescatar bancos ou manter iniciativas privadas ao tempo que se nos di que temos que "apertar o cinto" e aceptar os recortes. Uns exemplos disto serían a recente eliminación das bolsas Erasmus a quen é receptor das MEC; estas últimas foron unha desagradábel sorpresa para as universitarias onte, xa que moita xente viu negadas as súas solicitudes ou concedidas nunha medida moito inferior á que deberían.
 
A famosa lei de Wert ou lei LOMCE pretende profundar e impor pola vía da legalidade este desmantelamento programado da educación pública ao tempo que implementa unha campaña españolizadora e uniformizadora que perpetúe esa cárcere de pobos que é España. Así, vemos como na contrarreforma educativa, a nosa lingua é relegada a un plano moi secundario e a nosa realidade nacional fica fóra de todo o programa educativo, centralizando os temarios a nivel estatal e intrometéndose nas xa de por si pequenas competencias en materia educativa da Xunta de Galiza.
 
Mais a LOMCE non só impide o aceso a unha educación de calidade para todas e todos, nin só anula os xa exiguos dereitos culturais e lingüísticos da Galiza, tamén reforza un programa ideolóxico sustentado na sumisión da muller ao home ao dar maior importancia á relixión católica na educación e ao aumentar o número de profesoras nesta cadeira; e promove as asimetrías entre os xéneros ao financiar con diñeiro público os centros que segregan por sexo. Ademais de relixión, xa están deseñados os bosquexos do conxunto de cadeiras que van compor o ensino nos próximos anos, todas elas de marcado carácter retrógrada e promotor do capitalismo extremo e da mercantilización das mozas, como é o exemplo de "Iniciativas Emprendedoras".
 
Ante todos estes ataques o estudantado galego sempre sabe estar á altura, como se demostrou na folga do 24 de outubro, que obtivo un apoio masivo, baleirando case a totalidade de aulas do País e enchendo as rúas con masivas manifestacións. A esta demostración de forza respondeu o Estado coa fórmula á que xa nos teñen acostumadas: con feroz represión, como se puido ver os pasados 20 e 21 de novembro en Vigo, onde a policía prendeu e mallou nas estudantes que se manifestaban en contra da LOMCE.
 
Por todo isto achamos que é o estudantado da esquerda nacionalista quen ten que tomar a iniciativa e continuar coas dinámicas mobilizadoras, combatendo a quen quere privar á clase traballadora e ás mulleres de acceder á educación de calidade e plantando cara a quen nos pretende asimilar como pobo.
 
Desde AGIR, Comités e a Liga Estudantil Galega queremos agradecer ao conxunto da Plataforma Galega em Defensa do Ensino Público o seu apoio e axuda contra esta frente común que son este tipo de políticas ditatoriais.

Contra o españolismo, a privatización e o patriarcado no ensino, loita estudantil!
 
 
O vindouro 20 de fevereiro, baixo o lema “Em pé por um ensino público galego” e com um manifesto assinado por Agir, Comités e a Liga Estudantil Galega, as organizaçons estudantis nacionalistas galegas chamamos ao estudantado de ensino médio e universitário a somar-se a umha greve contra da LOMCE e os recortes no ensino.
 
Por isso, para eliminar a LOMCE, para luitar por um ensino público, galego, democrático e de qualidade animamos a todo o estudantado da Galiza a secundar esta jornada de greve e a participar das mobilizaçons convocadas para esse mesmo dia às 12h:
 
 - Santiago de Compostela: Alameda
 - Corunha: Praça de Vigo
 - Lugo: Horta do Seminário
 - Ferrol: Praça Maior
 - Ourense: Rua do Concelho (diante da Chefatura Territorial de Educaçom)
 - Ponte Vedra: Praça da Peregrina
 - Vigo: Praça América
 - Carbalho: Praça do Concelho
 - Cee: Praça 8 de Marzo
 - Ribeira: diante da estaçom de autocarros
 - Moanha: diante do Concelho
 - Noia: diante do IES Virxe do Mar
 - Ponteareias: Rua Feliciano Barrera
 - Pontedeume: porta do I.E.S. Breamo (às 10h)
 - Ribadeo: diante do IES de Ribadeo
 - Sarria: Praça da Vila
 - Verim: Avda. de Portugal-Diante IES Xesús Taboada Chivite
 - Vilalba: Praça da Constitución
 - Vilagarcía: Praça de Galiza
 
Reproduzimos a continuaçom o manifesto:
 
Em pé por um ensino público e galego!

 
Nos últimos anos estamos assistindo a um maior endurecimento das condiçons de vida das camadas populares galegas. Isto reflicte-se também, como nom podia ser de outro jeito, no âmbito educativo. Assim, som inúmeros os recortes e reformas impostas à educaçom pública (recorte e supressom de bolsas, suba das taxas universitárias, reduçom nos comedores públicos, minimizaçom do limite de vagas, etc.) sob o pretexto dumha crise econômica, em que, "paradoxalmente", aumentam os ganhos das grandes elites econômicas e investe-se dinheiro público em resgatar bancos ou manter iniciativas privadas ao tempo que se nos di que temos que "apertar o cinturom" e aceitar os recortes. Uns exemplos disto seriam a recente eliminaçom das bolsas Erasmus a quem é receptor das MEC; estas últimas forom umha desagradável surpresa para as universitárias ontem, já que muita gente viu negadas as suas solicitudes ou concedidas numha medida muito inferior à que deveriam.
 
A famosa lei de Wert ou lei LOMCE pretende aprofundar e impor pola via da legalidade este desmantelamento programado da educaçom pública ao tempo que implementa umha campanha espanholizadora e uniformizadora que perpetue esse cárcere de povos que é Espanha. Assim, vemos como na contra-reforma educativa, a nossa língua é relegada a um plano muito secundário e a nossa realidade nacional fica fora de todo o programa educativo, centralizando os temários a nível estatal e intrometendo-se nas já de por si pequenas competências em matéria educativa da Junta da Galiza.
 
Mas a LOMCE nom só impede o acesso a umha educaçom de qualidade para todas e todos, nem só anula os já exíguos direitos culturais e lingüísticos da Galiza, também reforça um programa ideológico sustentado na submissom da mulher ao homem ao dar maior importância à religiom católica na educaçom e ao aumentar o número de professoras nesta cadeira; e promove as assimetrias entre os gêneros ao financiar com dinheiro público os centros que segregam por sexo. Ademais de religiom, já estám desenhados os croquis do conjunto de cadeiras que vam compor o ensino nos próximos anos, todas elas de marcado caráter retrógrada e promotor do capitalismo extremo e da mercantilizaçom das jovens, como é o exemplo de "Iniciativas Empreendedoras".
 
Ante todos estes ataques o estudantado galego sempre sabe estar à altura, como se demonstrou na greve de 24 de outubro, que obtivo um apoio massivo, vaziando quase a totalidade de aulas do País e enchendo as ruas com maciças manifestaçons. A esta demonstraçom de força respondeu o Estado com a fórmula à que já nos tenhem acostumadas: com feroz repressom, como se puido ver os passados 20 e 21 de novembro em Vigo, onde a polícia prendeu e malhou nas estudantes que se manifestavam em contra da LOMCE.
 
Por todo isto achamos que é o estudantado da esquerda nacionalista e independentista quem tem que tomar a iniciativa e continuar com as dinâmicas mobilizadoras, combatendo a quem quer privar à classe trabalhadora e às mulheres de aceder à educaçom de qualidade e plantando cara a quem nos pretende assimilar como povo.
 
Desde AGIR, Comités e a Liga Estudantil Galega queremos agradecer ao conjunto da Plataforma Galega em Defensa do Ensino Público o seu apoio e ajuda contra esta frente comum que som este tipo de políticas ditatoriais. Contra o espanholismo, a privatizaçom e o patriarcado no ensino, luita estudantil!

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript